‘Baixo cero’: Frío na cadea

Vai frío. Tamén cando escribo isto. Pero seguro que nunha estrada nacional da provincia de Cuenca aínda máis. Alí ambiéntase a meirande parte de ‘Baixo cero’, o novo filme de Lluis Quilez para Netflix. Protagonizada por Javier Gutiérrez, este thriller conta a historia dun traslado de reos a altas horas da madrugada. Este vese interrompido cando o furgón policial blindado é atacado por un home misterioso.

A película é sólida e funciona. En primeiro lugar, pola elección das personaxes. Aínda que abusando tremendamente dos estereotipos, o grupo de presos funcionan como conxunto e as interaccións entre eles son un dos elementos que da corpo e interese ao filme.

A ambientación susténtase por planos curtos e con pouco aire que fomentan a sensación de claustrofobia. A mestura entre un inimigo descoñecido e as escasas dimensións do furgón no que están encerrados fan boas migas. Todo na dirección fomenta o dinamismo e a sensación de afogamento das personaxes. Nos seus mellores momentos podería lembrar a nivel conceptual ao mellor Saw nese eido. En certas escenas tamén a Kursk, un dos últimos filmes de Thomas Vintenberg.

Por outra banda, todo o filme establece unha ambigüidade moral nas súas personaxes. Intenta ser comprensivo coas motivacións dos presos, pon en cuestión os métodos utilizados pola policía e xoga ata as últimas consecuencias con que o espectador xulgue as razóns do antagonista. A mensaxe final do filme é simple e non se come a cabeza, pero dende logo existe a intención de establecer unhas mínimas capas.

Ademais, en certos momentos engádese un punto de gore que funciona moi ben respecto ao ton do filme e que casa perfectamente coa situación extrema e árida que se presenta. En xeral, todas as secuencias de acción están rodadas dun xeito destacable e a primeira metade do filme engancha como un tiro.

O problema chega cando se comezan a coñecer as motivacións do antagonista. Todo funciona mellor cando as persoas de dentro do furgón non coñecen que quere o que lles ataca. É dicir, máis ou menos ata a metade do filme. As motivacións do descoñecido son demasiado manidas e en xeral a evolución das personaxes é estereotípica. Tampouco axuda que a película teña algunhas filigranas de guión propias dos últimos vídeos en Twitter de Jesé.

Malia todo, é un filme que se sostén por si mesmo. Que cae ao final, pero proporciona unha viaxe interesante. Que non innova, pero si convence. Sustentado principalmente por unha moi correcta dirección. Ao final, os seus erros á hora de pechar a historia son compensados en parte por todo o demais aínda que se podería dicir que ese desenlace deixa todo un pouco frío. Perdoade o chiste malo.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.