‘Cabaleiro Lúa’: O UCM nunha balanza

Cando, no transcurso dos feitos, unha das personaxes de Cabaleiro Lúa, primeira obra de Marvel Studios neste 2022, pesa o seu corazón nunha balanza para atopar o seu equilibrio, en realidade non se está facendo iso. É o corazón do UCM mesmo, se me permitides a abstracción meta-textual, o que se está a xulgar. E é que se algo fai esta nova adaptación da banda deseñada marvelita é mirar cara dentro, ofrecendo respostas extremas tanto para o negativo como o positivo. Pero vaiamos por partes.

Nesta ocasión, a personaxe a presentar é o Cabaleiro Lúa, alter ego de Marc Spector (Oscar Isaac), un home que padece trastorno de personalidade disociativa, o que lle fai albergar dentro de si a, polo menos, unha personalidade máis alén da principal. E, por se iso non fora suficiente, é o avatar da deidade exipcia Khonshu, que lle transmite parte dos seus poderes. A serie comeza in media res, propoñendo unha colección de quebracabezas e misterios que tanto a personaxe principal como o espectador teñen que desentrañar, coa ameaza constante dun vilán, Arthur Harrow (Ethan Hawke), cheo de planes escuros para a humanidade. 

Malia que o punto de partida é interesante, podemos adiantar que o resultado final non o é tanto. E fainos preguntarnos varios porqués. Por exemplo: por que é unha serie? O formato episódico tivo sentido en Wandavision ou Loki porque cando a trama paraba, e se narraba algo máis que a aventuras e as pelexas, a cousa funcionaba. Pero, se coma é o caso, non hai moito que dicir ata os últimos compases, estender o que se podería facer nunha cinta de dúas horas a seis capítulos é unha decisión que só pode ser negativa. Ollo, ningún problema co ton desenfado e sen pretensións, ó contrario, pero é que por culpa diso se lle ven as costuras, os recheos e as fraquezas por todos os lados.

No seu desenvolvemento, Cabaleiro Lúa da voltas ao redor da súa premisa sen rumbo fixo, co obxectivo, penso, de xogar co espectador e abraialo. Porén, para ser unha obra que fai tanto fincapé en intentar confundir, en que dubides de se o que estás a ver é a realidade ou unha alucinación, non o consegue nunca, debido a unha sobreexposición demencial (ri ti de Nolan) e a que, de novo e por enésima vez neste universo, non é capaz de traducir á realidade as súas intencións

A personaxe de Ethan Hawke é un dos puntos fortes da serie. 

Está moi lonxe, nese sentido, dos referentes que intenta adaptar. Nin termina de funcionar a aventura clásica por terras dos faraóns ao estilo Indiana JonesA Momia, etc., nin tampouco o apartado onírico-psicotrónico ao David Lynch. Incluso cando se presentan elementos surrealistas, con compoñentes irreais, apenas hai diferenzas co transcurso xeral da historia. Sobre todo, pola incapacidade xa habitual no UCM de trasladar a imaxe unha soa idea que destaque un mínimo. Ou peor: que a factura propia desas posibles ideas, porque as hai, vaia máis alá de decorados CGI sen alma. 

E isto é unha verdadeira mágoa, pois, como tamén sucedeu coas series anteriores (incluso coas malas), hai unha vontade de intentar ir un pouco máis alá, e de experimentar co que se pode facer coa materia superheroica. Non obstante, tamén como ocorreu naquelas ocasións, as posibles visións autorais-orixinais (neste caso os nomes de Aaron Moorhead e Justin Benson semellaban máis que adecuados) quedan absolutamente atropeladas baixo a auto-imposta necesidade de ser trepidante e espectacular todo o tempo. 

Porén, esta serie fanos chegar a unha especie de epifanía, tamén: as escenas de acción -que están lixeiramente mellor dirixidas que a media neste universo, pero tampouco como para tolear-, as aventuras ou calquera intento de transgresión artística ou temática nunca foron o obxectivo principal. Principalmente porque, no fondo, tampouco o son no resto do UCM, que se funciona, máis alá de polos mil motivos conxunturais que se vos ocorran, é pola conexión emotiva-dramática que mantén cos espectadores. E esta serie, aínda que se fai de rogar ata os episodios finais, e quizais máis grazas ó festival interpretativo de Oscar Isaac que a outra cousa, consegue iso no seu quinto episodio: emocionar. Recordade: o corazón nunha balanza

Se lle engadimos á ecuación un par de elementos como a súa chulísima banda sonora (a cargo do exipcio Hesham Nazih), ou o xa comentado apartado interpretativo, e non só polo enorme Oscar Isaac, senón tamén polos seus secundarios, a carismática May Calamawy e especialmente Ethan Hawke, que crea un vilán con moita presencia e relevancia, atopamos un cóctel que será irresistible para os fans máis incondicionais do UCM. Para os que lle pedíamos algo máis, o de sempre: haberá que esperar. Por sorte, Sam Raimi e a súa tolemia multiversal xa están á volta da esquina…

Dirección: Jeremy Slater, Doug Moench, Mohamed Diab, Justin Benson, Aaron Moorhead
Guión: Doug Moench, Don Perlin, Jeremy Slater, Peter Cameron, Beau DeMayo
Fotografía: Gregory Middleton, Andrew Droz Palermo
Música: Hesham Nazih
Ano: 2022
País: Estados Unidos
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.