‘Capone’: Tarde e mal

Hai películas que marcan fitos e películas que non. Obras que serán lembradas ao longo dos anos na historia cinematográfica e filmes que dentro de dúas semanas esquecerei. E é importante destacar que unhas non existirían sen o outro. Sen películas esquecibles, non habería obras mestras. Hoxe tócame escribir dunha das esquecibles.

Capone de Josh Trank parte dunha boa idea. Probablemente a nivel narrativo sexa moito máis interesante narrar a decadencia do famoso gánster do seu último ano de vida. Profundamente enfermo e con constantes delirios, Capone vive a vellez dun home acostumado a ser todo. E sería unha idea fantástica se Martin Scorsese non tivera a mesma idea en The Irishman hai un par de anos con moitísimo mellor resultado.

Outro elemento do filme é como establece a dúbida no espectador sobre se o que está a ver é real ou non por mor do estado mental do protagonista. Mala sorte tamén de que a recente O pai use o mesmo recurso e, de novo, está anos luz do que se fai en Capone. Porque se ben hai secuencias que funcionan, outras non entran de todo no xogo e máis que engadir capas ao relato, vólveno confuso e moitas teñen un carácter moi innecesario.

Por outra banda, neses momentos recórrese a unha violencia desmedida en varias partes do filme. Efectivamente non creo que estea absolutamente inxustificado, xa que o protagonista está profundamente traumatizado polo seu pasado. De como unha vida de violencia ten consecuencias. Iso si, se o director non atopou mellor xeito que a máis explícita das decisións, ou moito quere chamar a atención, ou non demostra ser demasiado capaz.

Estes momentos rompen o ton de drama familiar da película. É unha mestura arriscada que remata por non funcionar. E esa cuestión avanza sen retorno ata chegar ao clímax do filme. Non farei spoiler, pero é unha secuencia que nunha película de serie B funcionaría xenial, ou noutra cun espírito máis tolo. E vista por si mesma funciona, pero non encaixa no filme, que remata por ser un Frankestein que non remata de funcionar por ningunha das súas vías.

Repito, Capone presenta boas ideas. Algunhas chegan tarde para ser novidosas ou están o suficientemente mal executadas para non ser destacables. É un biopic atípico, pero e que atípico en ningún caso ten por que significar destacable ou tan sequera bo. É un xoguete roto, algo fallido onde só se salva a interpretación de Tom Hardy.

Director:Josh Trank
Guión:Josh Trank
Fotografía: Peter Deming
Música: El -P
Ano: 2020
País: Canadá
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.