‘Casa allea’: Volver a nacer

Despois de dirixir dúas curtas, Exhale (2009) e Metamorphosis: Titian 2012 (2012), e Fright Bites (2016-2017), unha miniserie, Remi Weekes lánzase da man de Netflix con ‘Casa allea’ (His House), a súa primeira longametraxe. E faino ao grande, cun relato que se encontra en sintonía con películas como Get Out, filme de terror que lle valeu a Jordan Peele para facer un retrato da Norteamérica máis racista.

Casa allea conta a historia de Bol e Rial, unha parella que foxe a de Sudán do Sur para buscar refuxio nun pobo inglés. Cando lles dan permiso para saír do centro de detención, iso si, baixo liberdade vixiada, son conducidos á que será a súa nova casa, que non fogar. É na mudanza cando comeza o seu pesadelo, xa que se dan conta de que literalmente se cae a cachos (a porta rómpese nada máis abrila) e que non ten luz, aínda que o traballador social lles diga: “é un palacio, tocouvos a lotería”.

A este problema engádese unha sensación de non encaixar que teñen dende o primeiro momento.  Un barrio estraño, cheo de miradas de odio e insultos racistas, provoca que busquen unha rápida adaptación cando, por exemplo, Bol merque un conxunto de roupa tratando de imitar aos modelos ingleses (brancos, de pelo claro e ollos azuis). Pero iso resulta imposible cando tes o síndrome do membro fantasma: a sensación ineludible de que algo che falta pero aínda sentes que está contigo, malia saber que non existe a posibilidade de que volva.

Pouco tarda Remi Weekes en buscar un ton que se acerca máis a unha película de terror. Para iso aprovéitase de certas características da relixión dos dinka, a primeira etnia que poboou Sudán, no século X. As súas crenzas baséanse no animismo, polo que pensan que calquera obxecto, animal ou planta ten alma. Teñen como deus principal a Nhialic, aínda que forma parte dun panteón de deidades.

Pero o que a parella ten que sufrir é a persecución dun Apeth, que poderíamos traducir como bruxa ou bruxería, pero desta forma non se adaptaría adecuadamente ao significado que ten para os dinka, xa que o Apeth é unha forma de explicar certas desgrazas que un humano causa a outro, pero que non ten necesariamente un sentido máxico nin paranormal.

A pesar de que ‘Casa allea’ conta unha historia cun compoñente certamente paranormal non sería preciso nin adecuado limitar o relato sólo a iso. Non é un filme similar a Insidious nin pretende selo. As súas pantasmas son máis reais.

‘Casa allea’ non pretende asustar nin dar medo. A súa historia é moito máis sinxela. Bol e Rial non son máis que outras vítimas do sistema, que se ven na obriga de migrar e son reducidos a unha simple etiqueta, a de refuxiados. Ese ton de película de terror vira cara o que é realmente: un drama. A parella sursudanesa vese perseguida polo seu pasado, pola vida que deixaron atrás. Por toda a xente que quedou no camiño, que podería estar con eles pero que non está. Polos que non tiveron a sorte de comezar outra vida, de “volver a nacer”, e pola sensación de culpabilidade de vivir unha vida que outros non poden vivir.

É esperanzador que unha plataforma como Netflix produza películas con esta mensaxe, da mesma forma que é triste que teña que aparecer un filme coma este para sacarnos da nosa burbulla. Probablemente pase de largo e sexa esquecido, pero a súa mera existencia ten valor, o de ofrecernos a píldora vermella, aínda que só sexa durante 90 minutos. O de facernos ver que existe outra realidade, lonxe, é certo, pero existe.

Dirección: Dea Kulumbegashvili
Guión: Dea Kulumbegashvili, Rati Oneli
Fotografía: Jo Willems
Música: Roque Baños
Ano: 2020
País: Reino Unido
Reader Rating2 Votes
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.