CINEUROPA 34 | ‘Beginning’: Estética transcendental da violencia

Unha das películas máis esperadas que trouxo este Cineuropa a este excepcional “mes compostelán de cine” foi Beginning. A produción xeorxiana, de título orixinal Dasatskisi, vén de apoderarse do palmarés de San Sebastián tras levarse, alén da Concha de Ouro, os premios a Guión, Dirección e Actriz. Non cabe dúbida de que Beginning é carne de festival -por suposto, levouse o selo dun Cannes que non chegou a celebrarse- por moitas razóns: de marca estética extremadamente autoral, supón a ópera prima dunha directora nova que trata de forma transgresora a temática do patriarcado e a violencia de xénero, alén do conflito relixioso.

Adoito estas “favoritas dos festivais de cine” colócanse directamente na vitrina do intratable, na gran galería da memoria cinematográfica; no estante máis alto, onde se hospedan as obras que se consideran incomestibles para o gran público. Mais en Beginning residen diversas propostas, tanto a nivel de forma como de contido, que cómpre tomar en serio e non relegar aos límites do cine de “alta gama”.

Beginning é unha película ‘transcendental’ -tomo a denominación do meu compañeiro Brais cando falou recentemente de Lúa Vermella-, pois abre multitude de portas cara a un novo cine contemplativo, que describe coa rudeza máis crúa a posición da muller nunha sociedade patriarcal, as súas derivas na mesma e, o máis controvertido de todo, a violencia sexual dunha forma tan transparente e honesta como probablemente nunca antes se fixera. Con maior ou menor éxito na execución -unha que exploraremos máis adiante-, Dea Kulumbegashvili figura novas propostas encamiñadas cara ao medio audiovisual como representación descarnada da verdade.

A película sitúase nunha vila achegada á capital xeorxiana de Tiflis, onde unha comunidade de Testemuñas de Xehová é acosada polos fanáticos do cristianismo ortodoxo, relixión imperante nun país extremadamente conservador nas súas raíces. A muller do líder da congregación, Yana (Ia Sukhitashvili), comeza a cuestionarse o camiño misioneiro que se viu forzada a tomar, loitando contra os seus desexos -uns que, premeditadamente, nunca se amosan de xeito esclarecedor- ao tempo que a súa vida se derruba. Mentres o seu esposo se ausenta, aparece un misterioso detective (Kakha Kintsurashvili).

A invitación a escudriñar o cadro aberto

A secuencia inicial de Beginning sintetiza á perfección un bo pulso das pretensións estéticas e figurativas de Dea Kulumbegashvili. Henos aquí no Salón do Reino das Testemuñas de Xehová, onde durante un longuísimo plano estático aberto, David (Rati Oneli) relata o sacrificio de Isaac a Deus por parte de Abraham -esta pasaxe terá moita relevancia cara ao desenlace do filme-. O espectador, sumido placidamente no sermón, verá como a calma se torna abruptamente en caos: sen cambiar o encadre nin mover o plano, unha man fóra de cámara arroxa un cóctel molotov dentro do edificio, que rapidamente se envolverá en chamas en chamas e histeria colectiva.

Desta primeira mordida, déixase claro o gusto polo plano secuencia e a cámara estática, e mais polo encadre aberto e descritivo. Dea K. chama así á observación activa, nunha pretensión impasible de reter a atención do auditorio. Ao mesmo tempo, a relación de aspecto 4:3 xoga a contrapartida, engaiolando a Yana nun calabozo das súas pretensións e desexos máis escuros. Grazas á meticulosa composición do cadro, en todo momento gloriosamente coreografiado, o observador despregará ineludiblemente todos os seus esforzos na causa.

Pulsión e contradición moral

A pesar dun ritmo de montaxe que poñerá a proba a nosa paciencia coma nunca. Extremadamente lento, repetindo sempre o mesmo compás: un plano secuencia, dous planos curtos. Pódense contar cos dedos dunha man os movementos de cámara e travellings empregados ao longo de todo o filme. O chamamento concienciudo a escudriñar o cadro. Nesta pulsión, o observador atopará unha cruel contradición no momento nuclear -o mesmo que bateu o récord de abandono de sala en Donosti-: con coidado de non destripar a trama, acontece unha violación, ambientada nunha paisaxe nocturna tan fermosa e reminiscente da iconografía da Xénese, que provocará que o espectador sinta a necesidade de apartar a mirada da pantalla dunha representación tan fría e desgarradora, pero non sexa capaz.

Cando falamos de que Beginning é unha película ‘transcendental’, é porque se arrisca como nunca antes a desafiar a nosa conciencia e a nosa vista. Estamos afeitos ao tratamento cinematográfico de todos os tipos de violencia, excepto da sexual e da de xénero. E cando se fai, faise mediante o melodrama, o paternalismo ou a sutilidade para escorrentar a excesiva violentación -irónico canto menos- da audiencia. Pero Kulumbegashvili fuxe de todo edulcorante para figurar auténticas cuestións morais. E faino mediante unha construción da súa protagonista que, aínda que erre na claridade das súas motivacións exactas, constrúe un cadro emocional milimétrico.

A interpretación de Ia Sukhitashvili é redonda nun hieratismo deliberado, como esposa, nai, e crente relixiosa oprimida nunha sociedade extremadamente patriarcal -unha que ata a cuestiona e humilla por ter sido violada-. Non entendemos moi ben por que realiza determinada acción ou con que finalidade, pero si entendemos que, seguramente, ela tampouco o sabe. Entendemos que está perdida no caos interior. E só observaremos un remanso de paz noutra secuencia memorable, onde contemplaremos durante severos minutos a Yana tombada no campo, somerxida nunha atmosfera bucólica construída á perfección polo espectacular deseño de son.

Como todas as películas tan arriscadas a nivel conceptual e estético, Beginning pode entusiarmar e pode aborrecer. E sen dúbida algunha, xerará controversia. Xurdirán moitos debates sobre a calidade da súa execución, cunha fotografía indubidablemente espléndida, pero cun ritmo que se pode cuestionar exasperante. Pero o máis importante, abrirá novas perspectivas sobre o que se debe ou non se debe mostrar sobre a violencia sexual, e sobre o que o espectador debe ou non debe soportar. Se a min me preguntan, Dea Kulumbegashvili é tan perversa como empática, nun xogo de contradicións que encapsula dinámicas sociais que cómpre tratar tanto no medio audiovisual, como na esfera pública. Beginning é unha película ‘transcendental’, no bo senso da palabra.

Dirección: Dea Kulumbegashvili
Guión: Dea Kulumbegashvili, Rati Oneli
Fotografía: Arsheni Khachaturan
Música: Nicolas Jaar
Ano: 2020
País: Xeorxia
4.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.