CINEUROPA 34 | ‘Nación’: pobo, patria, memoria

Por enriba de todo, o labor dun director ou directora de cine é tomar decisións. Que tome as correctas ou non será en último caso o que determine o resultado final dunha película, dende o seu concepto inicial ata a última indicación a algún departamento de posprodución. É complicado tomar case todas ben nunha obra audiovisual, pero creo que Margarita Ledo en Nación pode estar ben orgullosa.

Hai uns meses escribía unha crítica do filme Moncho Reboiras. Acción e corazón. Dixen que foi unha oportunidade perdida desperdiciar esa historia para facer un documental que arriscaba entre pouco e nada e cunhas certas deficiencias técnicas. En Nación, Margarita Ledo fai todo o contrario. E non hai dúbida de que esta película si será recordada se a falta de promoción e o coronavirus non cortan o altofalante.

Como recordada será a historia das mulleres de Pontesa. A fábrica pechaba definitivamente a principio de século deixando a deber cartos aos seus traballadores. O enfoque que fai Ledo desta problemática é dende o meu punto de vista acertado. Colle as voces de seis mulleres da fábrica cunha mestura de moitos elementos que rematan nunha amalgama fascinante. Xunta a realidade e a ficción, imaxes de arquivo, compoñentes líricos e poéticos, transicións dun nivel poucas veces visto nun documental galego e unha sensación de honestidade brutal.

Por outra banda, existe unha significación clara de intentar contar algo global dende unha historia local. As miserias da clase traballadora e a discriminación da muller soamente polo feito de ser muller e a memoria dun pobo asolagado a través do traballo de diferentes tempos no filme.

Margarita Ledo acerta na relación entre a forma e fondo, usando a primeira para narrar a segunda. Deixa os planos respirar cando cómpre facelo e os volve frenéticos cando quere conseguir algo concreto. Dá a sensación constante de ter un dominio da cámara absoluto logrando o encadre preciso, a composición concreta. Todo con ecos de Chantal Akerman polo medio.

Mención aparte merece o son. Tanto a coidada banda sonora a cargo de Mercedes Peón que segue a liña do seu último disco como todo o diexético. Cando se ve Nación, non se pode evitar pensar en que se está ver un filme tan redondo que por momentos é verdadeiramente sorprendente.

Nación marca un espello onde verse a todo quen que queira facer cinema social en Galicia. E fóra tamén. É a mostra de que se pode facer audiovisual cun forte posicionamento político sen descoidar o envoltorio. Non dun xeito manierista e baleiro, senón dunha maneira que lle dá valor e reforza a súa mensaxe.

Na voz das mulleres de Pontesa está a voz de toda muller traballadora galega. Semella que Margarita Ledo se posiciona nun punto onde deixar totalmente de lado a súa figura como artista para falar dun xeito honesto como galega e muller. Sobrepasar a cerca fainos nación.

Directora: Margarita Ledo
Guión: Margarita Ledo
Música: Mercedes Peón
Fotografía: Alberte Branco
Ano: 2020
País: Galicia
4.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.