CINEUROPA 34 | ‘Ons’: O silencio di máis que mil palabras (ou non)

Cineuropa vén de galardoar, no día de clausura desta limitada 33ª edición do festival compostelán, a Alfonso Zarauza. Un director que, pese a amosar unha acoutada filmografía, na última década non deixou de resoar coma un dos grandes omnipresentes do noso cinema. Xunto coa entrega do Premio Cineuropa, proxectouse a súa terceira e máis recente longametraxe, Ons. Un filme que se estreou no circuíto de festivais a principios de mes en Sevilla, e chegará a salas comerciais o vindeiro 18 de decembro.

Vicente (Antonio Durán, ou mellor dito, Morris) e Mariña (Melania Cruz) chegan á illa de Ons para pasar o verán. As vacacións, cuxo propósito será o último remedio para salvar un matrimonio truncado por un accidente e posterior depresión del, alongaranse ao inverno. A medida que as condicións meteorolóxicas empeoran, o ánimo de Vicente recomponse, mentres que o de Mariña se deteriora paulatinamente. Semella que todos gardan un segredo, incluído o irmán de Mariña, Antón (Xúlio Abonjo), a súa muller Isabel (Marta Lado) e unha estranxeira que naufragou misteriosamente na illa (Anaël Snoek).

Ons leva consigo unha compoñente simbólica subxacente que se materializa nun relato igual de sutil e explícito. Zarauza, xunto á súa colaboradora habitual Jaione Camborda, proponse elaborar unha historia no que o oculto prima sobre o visible: o que todas as personaxes agochan, é o que realmente vertebra a diéxese. E faino establecendo un potente paralelismo co lugar onde se sitúa: unha illa, da que só observa a súa superficie e se ignora a terra baixo o mar.

A illa de Ons supón un territorio confinado sobre o que se constrúe unha particular atmosfera, argallada por uns silencios que prevalecen sobre as palabras, e a omnipresencia do faro funciona como guía e á vez como afundimento se un se achega demasiado. Ao tempo, as condicións climatolóxicas posúen aos residentes como unha forza telúrica superior. Unha adversidade atallada desde fotografía e dirección co mellor resultado posible, nunha constante de perfección visual e lumínica -incluso en interiores- na que Alberte Branco desprega o seu maior potencial.

Esta é a teoría. Mais na práctica, a pretensión de xerar este ambiente impasiblemente sinistro e tebroso quédase a medio camiño. Unha escrupulosa dirección nunca poderá salvar un guión errado. E á hora de contemplar o libreto de Ons, a comparación con Arima, ópera prima de Camborda e co-guionista desta, éme inevitable. No que atinxe ao libreto, sinto que podería copiar parágrafos enteiros da crítica que fixera daquel filme nebuloso ambientado en Mondoñedo e pegalos aquí.

A pegada de Camborda en Ons é innegable. Existen varias similitudes no argumento (un lugar case máxico, o punto de vista central feminino, unha misteriosa personaxe que irrompe no relato sen recordar nada do seu pasado), pero o que máis reloce é a intención ambiental xeral, e mais o pouso que esta deixa no espectador. Como en Arima, o guión se constrúe mediante a concatenación de baleiros; ocos narrativos cuxa intención é incrementar un misticismo que, en moi diversas ocasións, semella artificial. Resulta ata frustrante que Mariña non lle pegue un bo grito a Vicente de vez en cando, ou a continua presenza de camiñatas sen rumbo.

O relato aberto e críptico non ten nada de malo; é máis, ben construído, adoita resultar moito máis satisfactorio que un pechado, que non xoga coas pistas ou que dá todo mastigado. O problema pode vir, pola contra, cando quen o escribe non sabe que é o que non quere deixar á luz. Cando o misterioexiste, pero non contén nada, córrese o risco de comezar a dar voltas sobre o continxente sen un destino. E aínda que en Ons, o núcleo conceptual sexa claro –a procura do amor e a necesidade de sentirse querido-, este acaba sendo deturpado por unha pretensión ambiental bretemosa que, como pasaba con Arima, non leva a ningunha parte.

O espectacular traballo de interpretación dun plantel de actores galegos de primeira categoría -Melania Cruz e Morris á proa do barco, cun non menos rechamante Xúlio Abonjo- consegue salvar en certos momentos esta sensación deambulista. O filme constrúese a partir de escenas configuradas por un único plano secuencia, onde os intérpretes despregan os seus maiores esforzos para meterse no papel durante minutos. Emulsionan coa atmosfera e os continuos silencios, bañados por un fenomenal deseño de son -e nun punto concreto, a música de Chicharrón-.

Non podo poñer o punto final este texto sen antes dicir que é criticando películas como esta, cando me cuestiono toda a labor deste xornalismo cultural de opinión. Aquí estou dicíndolle a Alfonso Zarauza que hai de malo no seu guión. Coma se eu tivese algo que ensinarlle, cando foi el quen me introduciu por primeira vez, hai seis ou sete anos nun centro sociocultural compostelán, na escritura de guións. Pero a miña opinión é como calquera outra, só que esta se publica na World Wide Web.

En definitiva, Ons triunfa a medias. Consegue construír a illa como un espazo confinado, cunhas regras emocionais e sociais propias. A través dun brillante xogo co clima e co territorio, retratado cunha destreza técnica espléndida. Porén a concreción conceptual pérdese na concienciuda e artificiosa xeración dun misterio que se espalla por todos lados, e cuxa resolución non se observa, nin moito menos existe.

Dirección: Alfonso Zarauza
Guión: Alfonso Zarauza, Jaione Camborda
Fotografía: Alberte Branco
Música: Elba Fernandez, Xavier Font
Ano: 2020
País: Galicia
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.