‘Cobra Kai’: A serie favorita do Señor Miyagi

Unha das películas máis lembradas polos adolescentes dos anos 80 é Karate Kid. A historia de Daniel-San e o Señor Miyagi transcendeu o audiovisual e elementos como as súas famosas patadas ou o “dar cera pulir cera” son, dende hai moito, unha parte máis do imaxinario colectivo.

Os antagonistas do famoso filme conformaban o dojo Cobra Kai. O sensei Kreese, responsable de abrir o camiño do puño, e o seu alumno máis destacado Johnny Lawrence non tiñan ningún límite á hora de usar a súa forza tanto dentro como fóra do tatami. Incluso para fins canto menos cuestionables. Lawrence remata perdendo o torneo contra Daniel LaRusso no que é un dos climax narrativos máis icónicos que se lembran. Despois virían tres secuelas moito máis esquecibles e das que canto menos se fale, mellor.

A MELLOR SECUELA

Cobra Kai sitúa a súa historia trinta anos despois do filme orixinal e pon o seu foco sobre un Johnny Lawrence á que a vida non o tratou moi ben: adicto ao alcol e sen un proxecto de vida. Todo o contrario a LaRusso, que posúe un importante concesionario e ten unha familia feliz e estruturada.

En principio, Cobra Kai semella que presenta un mundo tan maniqueísta como a historia orixinal, que respondía ás convencións do cine dos anos 80. Pero despois do inicio, preséntase un mundo ambivalente onde todas as personaxes son grises. Onde todos teñen motivacións positivas para os seus actos ou cando menos comprensibles para o espectador. Lawrence funciona a modo de antiheroe boomer que aínda ten a mente nos 80, mais en ningún punto é malvado aínda que interprete os feitos ao seu modo.

E todo isto é posible grazas a un guión estupendamente escrito onde se fai un esforzo para darlle unha dimensión rica a todo personaxe que sae na pantalla. Ademais, aínda que actualizada aos tempos actuais en canto ao tratamento de temas como a violencia ou o bullying xa mostrados na obra orixinal, a historia é sorprendentemente clásica na forma de contar. Aínda que cunha ambición modesta, a forma básica de narrar é a través do plano e non do diálogo. Algo básico que en moitas series actuais estase a perder.

O FANSERVICE

Por outra banda, o respecto á obra orixinal é tremendo. Nárrase tendo en conta sempre a historia orixinal, tanto a través de paralelismos na trama como de homenaxes constantes. En ocasións úsanse flashbacks da saga orixinal pero normalmente só cando teñen un valor narrativo importante e non se abusa deste recurso en ningún momento.

As homenaxes que non teñen unha relevancia crucial na narrativa existen (e son constantes), pero non molestan porque non se recalca excesivamente na súa existencia. O fanservice en ningún caso molesta senón que enriquece, e se non se capta, a serie é suficientemente boa como para desfrutar dela igualmente.

Ademais, ten referencias moi ben traídas ao cinema dos 80 en xeral. Dende a fantástica banda sonora (entre a que tamén se atopan insertos da orixinal) a referencias directas tanto en elementos como os coches utilizados, a estética ou na referencia a tropos desa clase filmes.

A EVOLUCIÓN

Aínda que a serie é unha comedia con chistes realmente graciosos -especialmente cando se contrasta o mundo dos oitenta no que vive a cabeza do Lawrence e o mundo real- por suposto que nunha secuela de Karate Kid hai pelexas. Estas pugnas son os momentos máis destacados a nivel audiovisual, xa que están moi ben coreografiadas e dirixidas. E ao dereito, treme Nolan.

Por outra banda, tampouco perde a esencia identataria da obra orixinal, que no fondo era un filme de adolescentes con karate de por medio. Aínda que os personaxes medrasen seguen en moitos casos comportándose como tales e os novos alumnos dos dojos se ben non teñen o carisma dos orixinais, dáselle unha historia o suficientemente interesante para ser tida en conta.

Cobra Kai non quere deconstruír nada, quere construír a partir do que xa funcionou no seu momento. Adáptase aos tempos actuais si, e dende logo é unha obra moito máis equilibrada. Probablemente sería serie favorita do Señor Miyagi, aínda que neste caso o foco principal estea no dojo rival. Unha mostra de que cando se fai algo con cariño pode saír algo precioso e redondo. No mercy!

Creadores: Josh Heald, Jon Hurwitz, Hayden Schlossberg
Guión: Josh Heald, Jon Hurwitz, Hayden Schlossberg, Stacey Harman, Luan Thomas, Michael Jonathan Smith
Fotografía: Cameron Duncan, Paul Varrieur
Música: Leo Birenberg, Zach Robinson
Ano: 2018
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.