‘Coidado cos nenos’: Culpa e debate en Noruega

Hai veces que as películas buscan ser un entretemento, outras unha reflexión do director (cando non un exercicio de egocentrismo) e outras un simple elemento que fai xurdir debates. Ningún obxectivo é máis importante que outro, xa que en último termo pois toda creación artística ten interese, pero hoxe escribo sobre unha obra que abraza a terceira tipoloxía, a do debate. Hoxe escribo sobre Coidado cos nenos, do noruegués Dag Johan Haugerud.

O detonante do filme é un deses que sabes que van a traer cola. Unha nena fire de gravidade a un compañeiro de clase durante o recreo, que pouco despois remata falecendo. Se isto non fora o suficientemente importante, a agresora é a filla dun político dun partido de esquerdas e o agredido o fillo dun político dun de dereitas. O feito móstrase en fóra de campo porque a este filme interésalle máis as consecuencias que os feitos.

O seu colexio é unha destas escolas da elite que se venden como progresistas. En teoría, non debería haber mellor educación da que se da aí, pero non había ningún profesor no patio cando ocorreu o incidente. Ademais, pouco a pouco vemos como o ambiente entre os alumnos afástase bastante do idílico.

Por unha banda, o que presenta o filme é o misterio respecto aos feitos. A nena di entre pouco e nada, ninguén sabe como puido acontecer a desgracia. Por outro todo está todo o que hai de fondo, que realmente é máis interesante. Sería por motivos políticos? Como debe actuar un colexio se pasa algo disto? Dende logo é un suceso extraordinario, pero pode ocorrer. Máis se temos en conta que a primeira vista parece un accidente.

Ademais, está o tema da culpabilidade e da responsabilidade. Unha nena é responsable dos seus actos? Máis tendo en conta que non foi aposta e que era o seu amigo. A culpa que debe ter no seu interior non é suficiente? Isto confronta co natural sentimento de dor e ira do pai do neno falecido. Ademais, todo está mesturado coa ideoloxía que ten cada personaxes, como é a educación respecto aos nenos e cos seus propios valores e contradiccións.

Dende logo, son temas complexos que na meirande parte dos casos se presentan con naturalidade, aínda que hai momentos concretos onde como espectador podes sentirte superado. Porque xa non é que moitos dos personaxes queiran ser superiores intelectualmente a ti, e dende logo o sintan moralmente, e que nalgunhas ocasións case escoitas a voz do guionista plantando un tema dun xeito bastante pedante.

E aínda así o filme funciona. As personaxes evolucionan a ritmo lento, como toda a película, pero constante. A historia é complexa e ten capas, pero o que perdura en último termo é unha mensaxe humanista que fai comprender o camiño que se seguiu.

Coidado cos nenos é unha película de personaxes, de grandes debates e grandes voces en moitas ocasións cegadas pola dor. De opinións maniqueas pola ira e a incomprensión pero que rematan nun porto onde todo o mundo sofre. A conclusión debe poñela o espectador. Como dixen ao principio, esta obra presenta moitos debates e resolve poucos. E iso nesta ocasión non se pode valorar como negativo.

Dirección: Dag Johan Haugerud
Guión: Dag Johan Haugerud
Fotografía: Øystein Mamen
Música: Arnaud Fleurent-Didier, Peder Kjellsby
Ano: 2019
País: Noruega
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.