‘Como vender drogas online’: Fogos artificiais nas pantallas do mundo

Hai algo que sempre se lle acuñou a Netflix, aínda que sexa unha práctica que fan todas as compañías audiovisuais, que é fabricar as súas obras respecto a datos de audiencia e un target moi concreto. Isto non é malo, aínda que por non estar feita para o teu perfil certas series poden non interesar cando non se sacrifica todo o potencial dunha proposta por satisfacer a un público concreto.

Como vender drogas online é unha das series onde máis se nota esta fabricación -por chamalo de algún modo- ou polo menos a que ten menos reparo por ocultalo. Coa segunda tempada recentemente publicada pódese confirmar a tendencia que seguía a primeira. É un produto que sabe perfectamente a que vai dirixido: A xente nova que ten unha vida activa en Internet.

Isto pode verse en todas e cada unha das secuencias da súa metraxe: Un ritmo altísimo cunha montaxe áxil onde pasan cousas todo o tempo para que un espectador xeralmente distraído vexa o capítulo enteiro. Posúe tamén poucos episodios e de curta duración para que se poda maratonear sen reparos.

OBXECTIVO

En canto á temática é o suficientemente transgresora para interesar pero nunca demasiado complexa para expulsar a certo público. Hai un montón de ideas constantemente pero en ningunha se profunda durante máis de 3 minutos e os chistes sempre teñen que ver con videoxogos, películas populares ou compañías tecnolóxicas. O obxectivo é que a serie se consuma e é innegable que o consegue.

E isto non é malo porque Como vender drogas online acada os seus obxectivos e polo camiño fai moitas cousas ben. Esta intencionalidade tan extrema de chegar a un público concreto crea un formato moi debedor da tamén serie de Netflix American Vandal pero mellorado e vitaminado chegando a utilizar as características da propia plataforma en favor da súa narración.

TRIUNFA

En ocasións, son tantas as ideas que ten a serie e os sucesos que acontecen que pode chegar a ser abraiante, mais son momentos moi contados, xa que é moi sinxelo que te atrape o delirante mundo deste traficante de drogas adolescente e os seus amigos. Un universo tan esaxerado e irreal en todos os seus aspectos que rompe incluso a verosimilitude para ter vía libre en todo ao que se lles ocorra aos guionistas.

Como vender drogas online triunfa cando se esquece de que é unha serie que debe contar unha historia e o guión flúe entre momentos absurdos e situacións que semellan nacidas dunha reunión de amigos cunha copa de por medio. Mais cando se pretende poñer seria, non funciona tan ben. Quizá por uns antagonistas bastante mal construídos ou porque non hai transición suficiente entre os momentos de brincadeiras e nos que os protagonistas poden morrer.

Iso si, a mellor loa que se lle pode facer a Como vender drogas online é a súa propia autoconsciencia xa que os seus defectos en moitas ocasións veñen do que o espectador agarda que sexa e non do que en realidade é. Os creadores da serie saben perfectamente o que queren facer e lévano a cabo. O resultado é o equivalente a un home sen roupa correndo pola rúa entre fogos artificiais. Unha proposta que non profunda e que se sinte fresca e novidosa.

Creadores:Philipp Käßbohrer e Matthias Murmann
Guión: Sebastian Colley, Philipp Käßbohrer, Stefan Titze, Felix Charin, Julian Gaupp-Meier, Matthias Murmann
Fotografía: Armin Franzen
Música: Konstantin Gropper
Ano: 2020
País: Alemaña
3