‘Corpus Christi’: O cura que podería ter nacido en Boiro

Mentres escribo estas liñas non sei cando vou poder volver ao cine. Onte falou Pedro Sánchez e anunciou o “confinamento nocturno”, que me obriga a non ter ningún tipo de ocio ao saír de traballar. Quen crea nalgo poderá refuxiarse na súa fe. E ás salas de cine vailles facer falta, ao igual que os personaxes da película do polaco Jan Komasa, Corpus Christi.

Este filme é unha historia bastante contada nos últimos anos. Un cura diferente e carismático chega a unha localidade rural onde a fe se pon de escusa para non levar a cabo ningún dos preceptos do cristianismo. No filme establécese o perdón como elemento para avanzar en sociedade e a honestidade nun mundo escurantista como única esperanza. Lembra claramente ao Reverendo de Paul Schrader e incluso dun xeito afastado e incluso non intencional ao Young Pope de Sorrentino.

MÁIS QUE UN FILME CRISTIANO

Pero Corpus Christi non é soamente un filme sobre a crise de credibilidade da Igrexa e a perda de valores do cristianismo. En realidade é unha obra sobre un mundo violento no que a violencia é a pescada que morde a cola. Un lugar onde os instrumentos de reinserción social non funcionan nin se busca que funcionen.

Todo isto pode verse no protagonista -espectacularmente interpretado por Bartosz Belenia– como un adolescente nun reformatorio. Alí atopa unha fe sincera, aínda que os seus comportamentos non sexan os máis axeitados moitas veces. Por circunstancias, remata sendo un cura (falso) do pobo onde supostamente ía traballar. E na construción desta falsa identidade e a súa relación coa comunidade, reside todo o peso do filme.

El compórtase dun xeito non adecuado pero con boas intencións nun contexto onde todo o mundo fai cousas impecables pero é mala persoa. Este cura escoita techno, sae de festa e comete actos reprochables moralmente. Case é como se ao meu amigo Manu que vive en Boiro lle puxeran nesa situación. Establécese como ante a ausencia de órganos de reinserción social, entendendo dun xeito libre a figura da Igrexa nese contexto como un deles, vale máis unha boa intención que unha formación real. E ese contexto tan interesante é onde se desenvolve Corpus Christi.

O PROTAGONISTA É O TERRENAL

A posta en escena elixida por Komasa é sobria e sen ningún tipo de estridencias. Dálle máis protagonismo ao entorno onde se desenvolve o filme que ao seu protagonista. É dicir, non se lle da máis importancia do necesario malia ter todo o peso da historia baixo as súas costas. Os seus comportamentos hiperbólicos son, pero teñen pouca importancia en realidade. Isto vese auspiciado por unha fotografía de cores fríos, onde os azuis e os grises son as cores dominantes nun mundo tamén gris.

A película é notable, sobre todo polas numerosas capas do seu guión e pola poderosa mensaxe que lanza á cara dunha sociedade tan fundamentada pola relixión como é a polaca. Mais quizá por ese mesmo motivo, sendo honesto, só podo ver Corpus Christi como algo completamente alleo á miña persoa. Como ateo e habitante dun contexto urbano aínda entendendo todo o que me quería dicir, debo ser honesto e admitir que o filme nunca me acolleu entre os seus brazos. E non por demérito do mesmo.

En todo caso, Komasa demostra ser un director moi interesante, dos máis abraiantes europeos da actualidade e Corpus Christi é o seu mellor traballo. Non tanto polo que conta senón por como decide contalo e con que fin. Hai filmes que viven na memoria dun pobo e este debería habitar na memoria do pobo polaco.

Dirección: Jan Komasa
Guión: Mateusz Pacewicz
Fotografía: Piotr Sobocinski Jr.
Música: Evgueni Galperine, Sacha Galperine
Ano: 2019
País: Polonia
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.