‘Cosmética do inimigo’: Un espello de cemento

Cosmética do inimigo é a adaptación do director español Kike Maíllo da novela homónima de Amélie Nothomb. Relata a relación entre un dos mellores arquitectos do mundo e unha rapaza que o aborda nun taxi mentres vai de camiño a un aeroporto que leva a súa firma. A súa estrea foi en Filmin cando debería ser na gran pantalla, outra das vítimas destes tempos pandémicos.

O que se presenta é un thriller trepidante, pero extremadamente íntimo. En ningún punto hai persecucións policiais, policías corruptos ou investigacións complexas. O que Maíllo quere explorar é a conciencia e ata que punto pode pesar nunha persoa que ten por costume ganar. Que as pantasmas máis reais ás veces poden ser os que ten un mesmo dentro.

O ritmo comeza sendo trepidante, cunha montaxe moi adecuada para a situación. Predominan os planos con pouco aire e son abundantes. Incluso en contextos que non deberían selos sobre o papel, elemento que se encarga de resignificar o filme na súa resolución.  

A película é fiel ao seu título, xa que a forma da súa narración e como está dirixida é en moitas ocasións puramente cosmética. Na meirande parte das situacións está xustificado, pero noutras non. E é neste artificio dun relato artificial onde se comezan ver as costuras dunha película que comeza moi ben, pero que remata caendo bastante no seu terceiro acto.

Con moi pouca acción e elementos concretos de grande intensidade, Maíllo logra atrapar ao espectador. O misterio é evidente, a resolución ten un grande interese e os diálogos están ben escritos. Ademais, toca elementos do cine de xénero que lle sentan moi ben e cruza camiños pouco transitados no cine español, o cal sempre é de agradecer.

Pouco máis se debe dicir sobre a trama porque é deses filmes nos que a súa intriga o é todo. E aquí un dos problemas máis importantes, para moitos ollos o final estará claro dende demasiado lonxe. A isto non axuda a sobreexplicación mediante certos planos recorrentes, e ese terceiro acto demasiado longo que conta demasiado pouco. Porque cando toda a túa obra só é o xiro final, deixas oco gran parte do demais.

Outro elemento que pode chegar a ser negativo aínda que nun principio non debería selo é que na película pasan poucas cousas e se narra demasiado. A solución audiovisual aos grandes flashbacks polos que se constrúe o filme resulta interesante nun primeiro momento, pero rematan cansando e sobre todo, en grande parte non dan unha información realmente satisfactoria nin teñen un obxectivo claro.

Kike Maíllo estaba ante unha novela complicada de adaptar, e fai un traballo máis que decente. Pero non por iso hai que obviar os erros do filme, e se hai algún que vaia intrínseco á dificultade de adaptar certa obra, a culpa non é do material orixinal senón de quen decide adaptala. En todo caso, un filme agradable de ver con momentos destacables.

Director: Kike Maíllo Guión: Cristina Clemente, Kike Maíllo, Fernando Navarro Fotografía:Rita Noriega Música: Alex Baranowski País: España Ano: 2020
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.