‘Cuñados’: A risa por bandeira

No cinema galego faltan comedias. Creo que iso é un asunto no que practicamente todos estaremos de acordo. Os que discrepan supoño que non lles gustarán as comedias. Por iso (ademáis de por ser unha gran película) Eroski Paraíso foi tan importante canto foi distribuída. Agora chega Cuñados, un filme moi diferente ao filme de Jorge Coira, pero coa comedia de novo como bandeira.

En moitas ocasións, a comedia pode ser o mellor conduto para esconder o drama, para agochar reflexións sobre a contorna ou mensaxes reivindicativos. O de Cuñados non é o caso e dende un primeiro momento déixao claro. A primeira frase do filme é “Certificado o que teño aquí colgado”. Toda unha declaración de intencións para o que virá logo. E aí o filme gañoume. Non teño un humor moi sofisticado, non. E tampouco creo que faga falta.

Ao igual que non lle fai falta a Cuñados ser nin intricada nin complexa para funcionar. O debut na longametraxe de Toño López na dirección agocha pouco fóra da superficie, pero e que para ser sinceros e por sorte para o proxecto, a superficie funciona perfectamente. Esta comedia de situación promete risas e aí están. Funciona o mecanismo.

Os piares do filme son un guión moi ben escrito por parte de Araceli Gonda e unha química e unha maxia que penso que a estas alturas da película -si, era un chiste- xa non creo que sorprendan a ninguén. Xosé A. Touriñán, Miguel De Lira e Federico Pérez son tres tótems da interpretación en Galicia e volven demostrar nesta ocasión o seu talento tendo os momentos máis marabillosos do filme. O contrapunto está en cando non están en escena eles, xa que nesas ocasións ao filme véselle as costuras.

Outro punto negativo é que a película en demasiadas ocasións colle cariz de anuncio. Obviamente non é negativo mostrar a cidade onde está gravada con simpatía (neste caso Ourense) nin o viño de Ribeiro, nin o equipo de baloncesto da cidade. Pero en moitas ocasións cruza a liña para chegar a ser anticlimático. Parece que o filme prioriza ter un tempo concreto de product placement a calquera cousa. E no global do filme tira para abaixo, réstalle efectividade á comedia. Non arruína a experiencia, pero si unha mágoa.

Cuñados fai un tipo de comedia á que os galegos estamos moi afeitos, pero non no formato longametraxe. É unha película á que se lle nota moito cariño e nos seus momentos máis altos é moi divertida e agradable de ver, que se entende que é o buscado. A película non pretende ser máis do que é e iso en moitas ocasións xa é moitísimo gañado.

Director:Toño López
Guión:Araceli Gonda, Pepe Coira, Jorge Coira, Alfonso Blanco
Fotografía: Jaime Pérez Fernández
Música: Santi Jul, Iván Laxe
Ano: 2021
País: Galicia
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.