Curtocircuíto (I): As primeiras mostras de Radar trazan un mapa de tendencias con altos e baixos

O Curtocircuíto abriu as súas portas o pasado sábado para exhibir, unha vez máis, as últimas tendencias no movemento cinematográfico internacional. Se cadra, a mellor mostra desta pretensión vén sendo unha das súas seccións oficiais: Radar presentará cunha selección de 19 curtametraxes os novos usos da representación audiovisual de calquera xénero e nacionalidade, en ficción, documental e animación.

Estes dous primeiros días de programación do festival, puidemos desfrutar das dúas primeiras sesións da sección. Lembramos que ao Curtocircuíto se poderá acudir tanto nos diferentes salas de Compostela, coma de xeito telemático mediante Filmin. Estas foron as nosas impresións das primeiras exhibicións do festival.

Stump the Guesser

Guy Maddin, Evan Johnson, Galen Johnson

2019 | Canadá

A única peza de ficción do que levamos de Radar no Curtocircuíto supón unha estrambótica, case sórdida, incursión no cine silente. Guy Maddin, Evan Johnson e Galen Johnson dirixen esta curtametraxe canadiense cunha pretensión de innovación na estética dos primeiros pasos do cinema. En troques dos tradicionais títulos sobre fondo negro do cine mudo, atopámonos con textos animados que centrifugan arredor dunha óptica voyeurística e abafante.

O argumento merece tales decisións técnicas, pois fai o absurdo un elemento nativo da diéxese: un adiviño que perde de súpeto o seu poder máxico e, namorando da súa irmá desaparecida hai anos, emprende unha busca pola refutación da teoría da transmisión hereditaria. Os continuos planos curtos frontais contribúen á xeración dunha repulsividade que afogan a pantalla. E, se ben esta sensación é intencionada, non fai a experiencia menos desagradable.

O ano pasado en Duchau

Mark Rappaport

2020 | Francia, EEUU

A satisfacción visual e sonora do traballo documental de Mark Rappaport é innegable. O problema radica no seu fío condutor, tan difuso como enganoso. A curtametraxe parte da rodaxe do filme de Resnais O ano pasado en Marienband, rodado en 1961 en Múnic. Nos títulos iniciais, preséntase como “unha película sobre unha película sobre unha película”, inducindo a pensar que o relato se baseará nos vídeos caseiros filmados na gravación de Marienband.

Mais ben avanzada xa a acción, rematamos por darnos de conta de que o que Rappaport pretendía era meter con calzador, nun punto medio da peza, unha reflexión moito máis transcendental sobre a representación cinematográfica do Holocausto Nazi. Non escolle un punto de partida e de aí chega a outro tema, senón que indaga desordenadamente en vínculos accidentais ata chegar á tese. Neste caso, como a rodaxe de Marienband se desenvolveu preto dun campo de concentración.

Todo isto mesturado cun exercicio de iconoclastia, permitindo xuntar no marco a Kirk Douglas en Camiños de Gloria con Delphine Seyrig, ao tempo que se venera a esta como a gran actriz e activista francesa que foi. O ano pasado en Duchau supón unha visión agradable polo seu espléndido desenvolvemento do ensaio visual, acompañado da sonora e apacible voz de Rappaport. Pero, en última instancia, segue a ser unha peza desordenada onde o fío se desparrama por todos lados.

Unha noite na ópera

Sergei Loznitsa

2020 | Francia

Unha curta así soamente podería estar producida pola Ópera Nacional de París. Sen quitarlle méritos a Sergei Loznitsa, pois a montaxe e a remasterización dos materiais locen exquisitas. Mais atopámonos cun documental de 20 minutos construído unicamente a partir de imaxes de arquivo da Ópera de París nas décadas dos 50 e 60. Sen narración, sen progresión, nin tan sequera un ánimo de introducir ao espectador no espazo.

O único que se nos amosa, aínda que con certo humor sutil agochado baixo a opulencia e a ostentación, é unha sucesión de imaxes de persoeiros célebres accedendo ao Palacio Garnier -Grace Kelly, a Raíña Isabel II, Charlie Chaplin, Brigitte Bardot, etc.-. Todo coroado por unha interpretación de cinco minutos de Maria Callas

Waste no6: How great

Jan Ijäs

2019 | Finlandia

Que unha peza a competición no Curtocircuíto supere a media hora de duración resulta pouco corrente; porén, os 45 minutos do documental de Jan Ijäs érguense como o mellor que levamos visto neste terzo de Radar. O director finlandés traza un relato por partes catastrofista, por partes esperanzador, sobre as novas tecnoloxías.

Waste no6: How great divídese en tres actos: a enfermiza e telematizada sociedade de Corea do Sur -poñendo o foco nos adolescentes adictos aos videoxogos e ás redes sociais-, o desolador vertedoiro tecnolóxico de Ghana e unha biblioteca construída mediante os libros que os recolledores de lixo da cidade turca de Ankara atopan nos contedores. Todo narrado pola concisa voz de Rebecca Clamp, quen tampouco ten medo a soar sarcástica cun ocasional “how great”.

A intención de demonizar as novas tecnoloxías é clara. A tese desenvólvese de xeito firme, mais cara ao final corre o risco de caer nun reducionismo: os libros son os únicos portadores da aprendizaxe e sen eles estamos perdidos. E cómpre saber adaptarse aos novos tempos e deseñar novas estratexias acordes coas demandas sociais e as novas ferramentas. Porén o mellor de Waste no6: How great é a destreza das súas imaxes -excelentemente rodadas con cámaras analóxicas- para desenvolver o valor do interese humano, sempre sen caer na espectacularización da información.

Insectos e bestas ante a lei

Sharlene Bamboat, Alexis Mitchell (Bambitchell)

2019 | Canadá, Alemaña, Reino Unido

Hai que rirse. Porque Bambitchell parecen estar a rir en todo momento do seu propio filme. A sucesión de contundentes e sobrias imaxes gravadas en 16mm mesturan a evocación da época medieval coa industria contemporánea e a natureza atemporal. Sobre elas, relátanse os estudos e diversas anécdotas documentadas polo investigador E.P. Evans sobre un dos maiores absurdos lexislativos do medievo: a práctica de levar os animais a xuízo.

Mais sen dúbida, o que máis gratifica da experiencia de Insectos e bestas ante a lei é o seu espectacular deseño de son, onde os ruídos se fusionan con música medieval sintetizada -unha banda sonora que escoitaría gustosamente no día a día-. O mero feito de pensarse a unha mesma visionando unha curta experimental de alto rango fotográfico que che conta con sorna como uns bechos gañaron un xuízo contra uns monxes franceses xa merece a pena.

EN CONCLUSIÓN

As dúas primeiras sesións Radar non traza un percorrido impoluto, mais si deixa dúas pezas a considerar no mapa global do cinema de curta duración. Waste no6: How Great e Insectos e bestas ante a lei, as dúas compoñentes da segunda sesión da sección, eréxense como firmes contendentes na competición. A primeira pola conxugación solída de valor documental con interese humano; a segunda, polo seu poder visual, sonoro e tonal.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.