Curtocircuíto (III): Radar continúa cun folgo de aire fresco de temática LGBT

Hai uns días, publicabamos as impresións da Balea sobre o visto nas dúas primeiras sesións da Radar, a sección onde o Curtocircuíto mostra unha selección de curtametraxes de todos os xéneros e nacionalidades, coa fin de trazar un mapa universal das últimas tendencias no cinema de curta duración.

Desta vez, achegámosvos a segunda parte da nosa crónica da Radar, que abrangue a terceira e mais a cuarta sesión da sección oficial. Nestas sete pezas a concurso, a ficción e o documental teñen un protagonismo do mesmo rango, incluso chegando a hibridar ambos formatos. A representación do colectivo LGBT tamén xogou un papel relevante na cuarta parte da programación.

Como desaparecer

Leonhard Müllner, Robin Klengel, Michael Stumpf

2020 | Austria

En How to disappear – Desserting Battlefield achamos unha reflexión sobre o xénero bélico nos videoxogos á que non estamos afeitos. Moi lonxe da usual e manida crítica á violencia -o videoxogo como influencia negativa nos nenos e adolescentes-, o filme matina sobre as diferenzas entre a representación da guerra no medio e a súa materialización na vida real.

Céntrase ante todo na figura do desertor e a negación desta no videoxogo, enraizando tamén coa natureza nacionalista da guerra na Idade Contemporánea. Esta refrescante meditación de natureza pacifista apóiase visualmente nun walkthrough do Battlefield V, aproveitando a atención que esperta o formato do gameplay no espectador medio para incrementar o interese no discurso.

A choiva arrola a dor

Leonardo Mouramateus

2020 | Portugal, Brasil

Leonardo Mouramateus realiza unha adaptación libre do conto de Marcel Schwob, Lucrecio, Poeta. Nunha ambientación anacrónica, trasládanos ao século I, onde os forros polares e as togas romanas conviven pacificamente, insertadas en espazos reminiscentes das pinturas de Botticelli e Caravaggio.

Mais por moi interesante e inédita que sexa a proposta estética, A choiva arrola a dor non consegue callar o seu obxectivo en ningún momento. Procúrase mostrar os traumas e as inquedanzas das súas personaxes mais, pola contra, todo o que observamos son figuras mecánicas que avanzan cun ritmo narrativo estraño. Coma robots recitando versos shakesperianos.

JÍIBIE

Laura Huertas Millán

2019 | Colombia

Laura Huertas Millán elabora un relato tan útil polo seu valor documental, como fermoso na súa forma repousada e experimental. Cunha delicadeza que desprende un absoluto respecto pola tradición amazónica, JÍIBIE funciona como unha reivindicación do mambeo das follas de coca amazónica. Un costume nativo con funcións sociais e nutritivas, estigmatizado pola xeneralización da cocaína, extraída tamén da planta da coca.

En JÍIBIE, un membro da comunidade amazónica Múina-Murui recita a lenda do mambe con voz profunda e pausada, mentres se suceden as imaxes da preparación do mesmo. Tomadas con tanto agarimo que son capaces de condensar e universalizar todo o significado espiritual co que os indíxenas preparan o po. O resultado é hipnótico, moi semellante aos efectos portadores de coñecemento dos que fala o narrador.

Couza

Roxanne Gaucherand

2020 | Francia

Existe un matiz extremadamente familiar no formato empregado por Roxanne Gaucherand en Couza, a pesar do seu escaso uso no cinema convencional. A hibridación do documental e a ficción produce unha diéxese que, cando está ben construída, é capaz de reproducir unha sensación moi semellante á da vida cotiá: por unha banda, os momentos de maior emoción e que semellan que pasan sos -a ficción-; por outra, os que precisan a nosa atención obrigada, como ir a clase ou esperar na cola do supermercado -o documental-.

Se non se diferenciase claramente no relato o que é ficcional e o que non, seguramente esta mestura pasaría desapercibida. E pensariamos que simplemente nos atopamos fronte a unha excelente mediametraxe. Pola súa maneira de capturar o pavor que causan as sensacións nunca vividas coa mesma frescura que un primeiro amor. E polo seu valor documental á hora de retratar unha vila francesa sendo arrasada polas polillas.

Playback. Ensaio dunha despedida

Agustina Comedi

2019 | Argentina

A curta de Agustina Comedi, que vén de gañar o premio Teddy -o galardón a películas de temática LGBT máis importante do mundo- na última Berlinale, emprega material de arquivo para contar a historia dun grupo de drag queens na Arxentina dos 80. A voz da última supervivente, a Delpi, narra por riba da cinta a pérdida das súas compañeiras cunha melancolía dolorosa.

Os traballos documentais que se remontan décadas atrás para tratar espazos de transformismo e transxenerismo gardan sempre unha potencia demoledora. Pois os testemuños gardan os recordos de tempos moito máis difíciles, condenados inexorablemente á marxinalidade. Neste caso particular, a represión remanente da ditadura e devastación causada pola crise da SIDA. Simplemente desolador.

Which is Witch?

Marie Losier

2020 | Francia

Tras dúas pezas de autor de temática LGBT, e todo o torrente emocional que iso implica, a elección de proxectar Which is Witch? é, canto menos, chocante. O proxecto de Marie Losier é unha cousa estrañísima e igualmente desfrutable. Coa duración e unha estética semellantes á dun vídeo musical, trasládanos a un mundo onírico e multicromático, onde un grupo de bruxas atopan o corpo conxelado do rei decimonónico Luís II de Baviera.

As tres meigas comezan a escarvar no seu corpo intentando descubrir o misterio musical do mecenas de Wagner, nunha sucesión trepidante de atrapantes primeiros planos e estoupidos de cores. Custa comprender de onde nace a idea e cal é o seu propósito, mais o resultado érguese hipnótico e extremadamente gratificante.

Carpa branca

Jan Roosens, Raf Roosens

2020 | Bélxica

E despois da estrambótica irrupción de Which is Witch?, que tan rápido como apareceu marchou, volvemos á temática LGBT. Mais desta vez, desde os ollos dunha nena descubrindo a complexidade das relacións adultas, máis aló do íntimo e reconfortante núcleo familiar. Jan e Raf Roosens dirixen a peza cunha delicadeza fragmentada, desenmascarando o seu significado a contagotas.

E onde as miradas explican moito máis que as palabras. A cámara non desperdicia a oportunidade de capturar a beleza dos rostros das súas personaxes, encadrados en marcos adornados con tonalidades e iluminacións extremadamente pracenteiras. Carpa branca coróase como un dos traballos máis completos que levamos visto de momento na Radar.

EN CONCLUSIÓN

O conxunto deste segundo terzo da Radar deixounos sensacións moito máis gratificantes que as primeiras sesións da sección. Agora si, comezamos a visualizar un mapa complexo dos usos da representación audiovisual arredor de todo o globo. E na maioría das pezas, triunfando no intento.

Das sete curtametraxes exhibidas, son curiosamente as tres de transfondo LGBT as que saen mellor paradas. Couza pola súa fenomenal hibridación de ficción e documental; Playback pola súa presentación profunda e desoladora do transformismo nuns tempos máis difíciles, e Carpa branca por construír un fermoso mosaico da complexidade das relacións desde os ollos cativos.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.