Curtocircuíto (IV): Penínsulas e Radar exploran a adolescencia, a cultura e as contridicións nadas no seu seo

Durante a primeira parte da semana que dura o Curtocircuíto, a programación decidiu exhibir primeiro as novas tendencias na creación de curtametraxes a nivel internacional e galego, coas seccións Radar e Planeta GZ respectivamente. Xa pasado o tempo de adaptación, comezaron a introducir a partir do pasado xoves as outras dúas seccións competitivas: Explora e Penínsulas.

Hoxe achegámosvos as nosas impresións sobre as tres sesións celebradas de Penínsulas, o apartado dedicado a recolleitar as pezas de autor de produción española máis destacadas do último ano. Así como a quinta parte da Radar, sección que levamos tratando durante esta semana.

PENÍNSULAS 1, 2 E 3: Adolescencia e contradición

Ráfagas de vida salvaxe

Jorge Cantos

2019 | España

A primeira sesión de proxeccións das curtas que compiten na sección Penínsulas contou con tres pezas que tomaron a adolescencia como fío de unión. Ráfagas de vida salvaje, de Jorge Cantos, foi a encargada de abrir a sección cunha curta filmada nun formato próximo aos catro terzos, con bordes redondeados que achegan a estética dos encadres ao mundo de Instagram.

Ao longo desta curta, Cantos aborda temas como o racismo ou a masculinidade a través da historia de Sül (Manel Llunell), un rapaz rumano que apenas coñece o mundo exterior ao recinto valado donde habita co seu pai, tratando de botar unha ollada a través dun buraco nunha malla para poder albiscar esas ráfagas da vida salvaxe.

Arenal

Rafa Alberola

2019 | España

A segunda curta da sesión, Arenal, de Rafa Alberola, explora a través da súa forma a maneira na que os adolescentes se comunican a día de hoxe, a través de redes como Instagram, con directos, historias así como as mensaxes de texto ou os audios de Whatsapp.

A curta conta a historia de dous rapaces que pasan o verán en Madrid, e mentres un deles percorre a cidade co seu ‘skate’, o outro debe permanecer en todo momento na súa casa para estudar e recuperar as asignaturas que deixou pendente do curso pasado. A curta amosa unha conversación na que os dous rapaces non se atopan en ningún momento cara a cara, ata un climático final. A música de Pedro Ladroga e cameos de cantantes como Kimberley Tell achega a obra de Alberola ao universo adolescente dos nosos días.

Panteres

Èrika Sánchez

2020 | Cataluña

En Panteres, Èrika Sánchez amosa dende o primeiro momento que un dos principais intereses detrás desta obra é filmar corpos femininos, explorando o que fai diferente a cada un deles. Sánchez aborda este concepto a través da personaxe de Joana, unha moza de 15 anos que estuda dende un vestuario os corpos de todas as mulleres que pasan por el, e mesmo o seu propio corpo frente a un espello.

Panteres emprega unha narrativa máis tradicional que a das outras dúas curtas proxectadas na primeira sesión desta sección, pero quizais consegue un maior impacto emocional no espectador a través dunha historia na que aborda temáticas como o xénero ou a identidade para a adolescencia dos nosos días.

Reserva

Gerard Ortín

2020 | Galicia

A construción que Gerard Ortín fai en Reserva é digna de mención. Longos planos e conversas telefónicas constrúen unha historia na que as imaxes son as encargadas de cargar co peso narrativo dunha historia de contradicións, na que a pegada do ser humano na natureza é amosada pedíndolle ao espectador que cavile no que remata de ver.

Os xogos de luces en certos momentos da película axudan a encher de mensaxe as imaxes de cazadores adestrando, plataformas estercorarias e bosques, que se nos amosarán en longas secuencias coa cámara inmóbil na procura de que as sensacións veñan a nós.

Gorria

Maddi Barber

2020 | País Vasco

Seguindo a temática, Maddi Barber achéganos a unha situación similar á obra de Ortin nunha interesante reflexión de toque costumista. Esta vez, comezando a curta con imaxes duras, iránsenos amosando situacións cotiás nas que se deixan ver tanto cariño como necesidade nos arcenses que protagonizan o filme.

A contradición entre a convivencia coa natureza coa necesidade da explotación dos seus recursos será a principal temática de Gorria, na que, se ben non se descubre nada novo e o uso do 16mm semella máis un toque persoal que unha verdadeira necesidade narrativa, sen dúbida nos deixará pensando nela.

O sangue é branco

Oscar Vincentelli

2020 | Cataluña

N’O sangue é branco, a temática da relación entre o ser humano e a natureza amosada no bloque de Penínsulas 2 continúa, pero convértese nalgo máis macabro e directo, no que imaxes editadas amosarannos en branco e negro unha corrida de toros sen público, soamente centrando a vista en toureiros e no touro, que bailarán en silencio.

As imaxes que crea Óscar Vicentelli teñen un ton horrible, e se ben impacta ver algo así é inevitable se o que se tenta denunciar non perde forza debido ao vehículo escollido. Unha crítica necesaria e compartida, por suposto, pero que perde forza por deixar fóra da creación todo o horrible teatro que rodea a algo tan vil. Con todo, será capaz de revolver á máis resistente das tripas.

Os páramos

Jaime Puertas

2020 | Cataluña

O filme debut de Jaime Puertas é visualmente impecable, cun uso de planos fixos e móbiles exquisito no que se deixan ver as intencións do director ao escollelas. Os páramos mostra a historia da comunidade xitana granadina de A Pobla de Don Fradique, con Aurora, unha muller envolta na súa vida cotiá e da que semella querer escapar, como protagonista.

Os páramos está chea de elementos costumistas nos que, con todo, non se conseguen empatizar debido ao ritmo da obra. Conta tamén cun elemento de realismo máxico, pero este está máis preocupado por confundir que por amosar ou aportar á historia. Alén disto, resulta unha boa carta de debut.

Autoficción

Laida Lertxundi

2020 | España

Coreografiada e procurando a interacción co espectador, a nova curtametraxe de Laida Lertxundi amosa no seu metraxe ás rúas de Compton no medio desfile a favor dos dereitos civís, conversas sobre a ansiedade e música de Irma Thomas e Goldberg.

Con todo, existe un serio problema de contextualización que faga que a empatía procurada sexa confusa e sen un rumbo fixo. De atoparse a conexión, esta será efímera e deixarase de lado debido a que, lamentablemente, a duración do filme non resulta suficiente como para deixar pegada. Se noutras obras de esta sección a falta de mensaxe apartente resultaba elocuente, no caso de Autoficción temos todo o contrario.

Correspondencia

Carla Simón, Dominga Sotomayor

2020 | Cataluña, Chile

O que nun comezo semellaba ser unha historia cotiá de intercambio de cartas, a medida que avanzamos en Correspondencia veremos que agocha nela unha chea de contradicións sociais por resolver e nas que verse reflexado, sexa nunhas ou outras, resulta sinxelo.

Carla Simón e Dominga Sotomayor conseguen adentrarnos dentro da trama para, achegándonos ao final, de maneira fantástica interromper o ton que reinaba na cinta. De súpeto, e de maneira abrupta e rápida, ensínannos moito máis ao de maneira xenial o medio que utilizan para contar a historia.

RADAR 5: Explorando culturas

Teño medo de esquecer a túa cara

2020 | Exipto, Francia, Qatar, Bélxica

Sameh Alaa

De terse celebrado este anos o Festival de Cannes, Teño medo de esquecer a túa cara tivera sido a primeira produción exipcia da historia que competiría pola Palma de Ouro na sección de curtametraxe. Sameh Alaa retrata o amor nunha sociedade que reprime o mesmo, cunha sobriedade á que non lle fai falta servirse de banda sonora para plasmar a tempestade de emocións que o seu protagonista comprime dentro de si.

Para o ollo occidental, resultará impactante adentrarse de cheo nos aspectos máis humanos dunha sociedade oriental que se retrata todos os días coa ausencia de piedade máis cruenta. Un rapaz atavíase co burka da súa nai para poder ver por última vez o rostro da súa amante finada, xa que soamente as mulleres poden acudir aos velatorios musulmáns. Teño medo de esquecer a túa cara non só mostra novas perspectivas da sociedade islámica cunha beleza insólita, senón que tamén descubre costumes a unha parte do mundo demasiado egocéntrica para querer observalas.

Dustin

Naïla Guiguet

2020 | Francia

Na actualidade, resulta pouco frecuente dar no audiovisual con representacións do transxenerismo que procuren un realismo non deturpado por unha necesidade de espectacularizar, sensacionalizar ou romantizar. Dustin supón unha mostra marabillosa de que se pode desenvolver o punto de vista dunha muller transxénero sen caer no sentimentalismo e sen recrearse na marxinalidade. “É un bo día cando todo o mundo me chama señorita”.

E non só é capaz de retratar os conflitos da súa protagonista cun realismo preciso, senón tamén a cultura underground da música tecno. Mentres que os momentos máis reveladores son aqueles onde as personaxes se enfrontan nun espazo íntimo, son as primeiras secuencias que toman lugar nunha rave as que conseguen deleitar a ollo e oído cunha destreza técnica abisal.

In the air tonight

Andrew Norman Wilson

2020 | EEUU

Existe unha lenda urbana que conta que Phil Collins escribiu a súa canción In the air tonight tras observar como unha persoa afogaba na praia. O músico negou con profusión estas especulacións, mais Andrew Norman Wilson decidiu tomarse a licenza de construír esta peza coa maior das seriedades do ton documental, probablemente movido polo aburrimento en medio da corentena.

O visionado da curta -que se pode atopar gratuitamente no subreddit de Phil Collins- supón unha experiencia lixeira e entretida, conformando un fan fiction que, máis que render culto ao músico, busca rirse da súa figura. A concatenación de imaxes de arquivo, montadas de xeito mecánico, só podería reter a atención do espectador os catro minutos que dura, pois os outros sete son títulos de crédito sen crédito.

Catorce anos

Barbara Carlotti

2020 | Francia

Só cando fas un pouco de investigación e descobres que Barbara Carlotti é unha cantante medianamente coñecida en Francia, enténdese como unha cousa como Catorce anos puido sequera chegar a producirse. Temos aquí un musical onde tres rapazas que acaban de superar a idade do pavo escapan pola noite das súas casas de verán para ir a unha discoteca.

Os números musicais, cuxas pistas sonoras están tan mal masterizadas que todo apunta a que nin pasaron por un enxeñeiro, recordan ás coreografías dos festivais de fin de curso do colexio. E se o que se nos pretende mostrar é a incursión dunha nena nos vicios da adolescencia, falla estrepitosamente no intento. Máis ben, recorda a un Rocky Horror Picture Show ambientado nuns artificiais anos 80 sen encanto e extremadamente incómodo de ver.

EN CONCLUSIÓN

A falta de visionar a derradeira parte de Penínsulas, podemos concluír ata o momento que a produción no Estado español de cinema de curta duración foi prolífera. A sección competitiva está a cumprir a súa tarefa de aglutinar as diferentes tendencias dentro da península, realizando ademais unha boa estruturación temática.

Na primeira sesión, ponse o foco na adolescencia e nos novos modos de comunicarse; na segunda, explora as contradiccións entre a natureza e a acción humana, e na terceira, segue nesta última liña mais de xeito máis experimental e cun toque máis máxico e poético. Quedámonos con Reserva, O sangue é branco, Os Páramos e Panteres.

Pola súa banda, Radar continúa encauzándose na súa recta final, exhibindo catro pezas que exploran diferentes correntes culturais occidentais nas últimas décadas, así como a lonxanía da cultura oriental. Neste senso, Teño medo de esquecer a túa cara e Dustin funcionan como retratos sólidos e de gran valor representativo.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.