Curtocircuíto (V): Radar e Penínsulas conclúen un mapa de tendencias de calidade

Un día antes da clausura do Curtocircuíto, despedímonos das dúas seccións competitivas que máis nos satisfixeron. Radar e Penínsulas cumpriron a súa tarefa de mostrar unha variada selección de propostas que presentan as máis recentes tendencias no cinema de curta duración. A primeira, con alcance mundial; a segunda, dentro do Estado español.

Estas foron as nosas impresións de cada unha das últimas sesións de Radar e Penínsulas.

RADAR 6: Unha conclusión correcta e polifacética

TESTFILM #1

Telcosystems

2020 | Croacia, Países Baixos

TESTFILM #1 é o último dunha serie de vídeo-ensaios nas que o colectivo neerlandés Telcosystems explora o impacto das novas tecnoloxías no cinema, e as posibilidades do mesmo nesta nova era dixital. Neste proxecto particular, estúdanse as posibilidades creativas do DCP (Paquete Dixital para Cine), o novo e xa amplamente normalizado sistema universal de distribución e exhibición de cine dixital.

Telcosystems procuran corromper por todos os medios o sistema do DCP, coa fin de poder modificar o potencial de proxección, do mesmo xeito que o cine experimental facía cos estándares analóxicos mediante a iluminación ou a emulsión do celuloide. A conclusión: o sistema binario é incorruptible, unicamente podendo ser modificando mediante frecuencias electromagnéticas externas. As imaxes resultantes só servirán para marear ao espectador. TESTFILM #1 é un traballo extremadamente útil para os interesados na comunicación audiovisual e as súas potenciais posibilidades; nada máis.

Lagoa negra

Felipe Esparza

2020 | Perú, Francia

Dentro da programación da sección, Lagoa negra tivera feito unha boa relación simbiótica coa exipcia Teño medo de esquecer a túa cara, vista no Radar 5, se se tiveran proxectado xuntas. Sendo moi diferentes en forma, ambas comparten a finalidade de explorar culturas moi ligadas á fe e á tradición en lugares moi remotos ao noso.

Nunha pretensión extremadamente expositiva, Felipe Esparza trasládanos ao Perú máis profundo, nunha viaxe pola súa beleza natural e os seus costumes relixiosos. Cun coidado especial polos elementos que aparecen no marco e o ambiente que os rodea, Lagoa negra confórmase por unha sucesión de virtuosísimas imaxes, tan abertas e suxerentes como pezas que engranan un relato pechado.

Sun dog

Dorian Jespers

2020 | Bélxica, Francia

Tras case unha semana de Radar, o Curtocircuíto deixa o mellor para os últimos 20 minutos da sección. Sun dog é o traballo co que se graduou o director belga dos seus estudos de Cinematografía mais, nin moito menos, semella o traballo dun novato. Nun atmosfera onírica e crepuscular, transpórtanos a Múrmansk, unha cidade rusa situada ao norte do círculo polar ártico, na noite máis longa do ano.

O propio Jespers interpreta ao protagonista, un ferraxeiro chamado Fedor que fantasea con dous soños que van da man: a chegada do sol nun escuro día que parece non ter final, e fuxir da claustrofóbica vila para acudir ao encontro dunha rapaza americana que só existe na súa imaxinación. A cámara subxectiva e flotante fusiona a sensación de realidade e ensoñación, xogando as súas propias normas diexéticas e formais, e facendo de Sun dog unha experiencia inmersiva e única.

PENÍNSULAS 4: A vida e o mar

O arrais do mar

Elisa Celda

2020

Na última sesión de proxeccións da sección Penínsulas, o mar foi o grande protagonista, que serviu de fío condutor. O arrais do mar rexistra unha xornada nocturna da última comunidade de pescadores que emprega a Arte de Xávega, un tipo de pesca tradicional que apenas evolucionou ao longo dos séculos, que se atopa en proceso de extinción en Portugal.

A curta destaca polo evocador son directo capturado por Miguel Moraes e a fotografía de Alana Mejía, que filma o traballo dos pescadores a través de imaxes na penumbra entre a que aparecen siluetas, luces e cores que dotan de grande misticismo visual e moita forza á labor realizada por estes traballadores, da que apenas vemos pequenos fragmentos. A voz over que aparece no primeiro tramo e no final da curta quizáis é o elemento máis discordante, xa que as imaxes e o son directo teñen unha maior capacidade evocadora por si mesmos.

O traballo de Mauro Herce da man de directores como Óliver Laxe ou Eloy Enciso deixou claro que este director de fotografía catalán, que tamén se atreveu a facer de director en contadas ocasións. A última delas esta curta, titulada Lonely Rivers. Trátase dunha historia en espazos reducidos, pequenas habitacións de aspecto pouco coidado, con pouca luz natural, onde un grupo de homes de distintas nacionalidades semella tratar de pasar o tempo facendo karaoke con cancións de artistas como Elvis Presley.

Non hai diálogos nesta peza, soamente imaxes, cancións e silencios. Os rostros destes homes, coidadamente filmados por Herce, amosan cansancio e necesidade de divertirse e desafogarse, aínda que todo o que teñen a man é un televisor e eles mesmos. As cancións vanse sucedendo e tamén as distintas sensacións que evocan os xestos destes homes. Tras tantos planos pechados, centrándose nos rostros das persoas, Herce pecha Lonely Rivers co seu primeiro plano xeral, o que outros directores terían empregado para abrir a peza, que resignifica por completo as imaxes que o sucederon, e vinculando a obra de novo co mar. Sen lugar a dúbidas foi unha das proxeccións máis interesantes da sección.

Profecía

Julieta Juncadella

2020


A curta que pechou Penínsulas acompaña a un grupo de tres rapaces marroquís, que se adentran no mar cunha lancha ata chegar a unha illa, un espazo perdido, que ben podería estar no medio do océano. Os rapaces exploran o lugar, adentrándose no interior dun faro abandoado. Convértense en auténticos aventureiros nun mundo descoñecido, no que parece un lugar alonxado de toda a civilización.

Finalmente descubrimos que estes rapaces se atopan na Illa de Santa Clara, en San Sebastián, moi próxima á praia da Concha, desfacéndose da mística que acompañaba as imaxes previas, coas que Juncadella recoñeceu facer todo un estudo fílmico sobre a subxectividade dos espazos moi interesante.

EN CONCLUSIÓN

A exhibición a contagotas coa que o Curtocircuíto foi trazando ao longo desta semana un mapa dos usos do audiovisual de pequeno formato foi, sen lugar a dúbidas, unha experiencia moi enriquecedora. Uns traballos conseguiron un resultado máis acertado e outros -unha minoría- erraron, mais todos e cada un deles denota un gran esforzo por parte dos seus creadores.

Na sección oficial Radar, puidemos desfrutar dun amplo rango de xéneros e formatos, hibridando e tecendo unha gran rede internacional que amosa un cinema de calidade. A ficción e, curiosamente, a que se serviu dunha menor metraxe, foi a gran triunfadora. Quedámonos con Couza, Carpa branca e Sun dog.

Pola súa banda, Penínsulas deixa un bo pouso en canto á produción española desta última tempada. Destaca, ante todo, a estruturación das súas catro sesións, onde cada unha emprega unha temática como fío condutor. De entre as 12 pezas exhibidas, destacamos Reserva, Panteres e Lonely rivers.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.