Curtocircuíto (VI): A sección Explora, na procura dun mundo diferente

Falar dunha sección como o Explora do Cortucircuíto é algo complicado. Os que estamos afeitos a falar sobre cine estamos afeitos a ter todo baixo o noso control. Movémonos normalmente nun campo onde todo é cuantificable dun xeito máis ou menos sinxelo e onde todo se move en convencións dadas con anterioridade.

Analizar este tipo de cine máis experimental é diferente. Os autores teñen o absoluto protagonismo da súa obra e o subxectivismo aumenta respecto a outras manifestacións artísticas. Todo depende de conceptos que teñas sobre arte, e o meu deixo moi claro que é que o que se pretende como arte pola arte non existe.

Polo tanto, valorarei estas curtas dende o punto no que haxa un intento de comunicación -do tipo que sexa- debaixo da obra. Se normalmente os criterios para criticar obras audiovisuais son subxectivos dende o punto no que existe subxectivismo á hora de aplicar elementos obxectivos, neste caso esas fronteiras difumínanse aínda máis.

A primeira xornada da sección explora abría con Look The Below, do británico Ben Rivers. Nesta curta que supera os vinte minutos de duración fai uso dun muro de son que perturba ao espectador mostrando un futuro alternativo do planeta Terra. Un futuro terriblemente fluorescente onde a obra do ser humano causou o desastre mentres unha nova vida extraterrestre pervive entre os estranos paraxes.

Adrián Canoura constrúe o seu proxecto desde a metraxe de Urxa

Unha das grandes sorpresas deste Explora foi Da morte nace a vida. O galego Adrián Canoura firma unha obra tremendamente agresiva co espectador dende o punto de partida de metraxe da histórica (e moitas veces pouco lembrada) longametraxe galega Urxa, dende a que fai unha interpretación tan interesante como intensa do concepto do ritual.

Dende Finlandia chega a mirada caleidoscópica de Niina Suominen, quen con Mikä aika on? constrúe un discurso en torno a unha conta atrás cada vez máis frenética. Mesturada con imaxes bélicas, soamente se pode entender coma unha mensaxe totalizadora do ser humano como propio concepto. Todo o contrario pode verse en Aquamarine, dos austriacos Billy Roisz e Dieter Kovacic. Fondo mariño e sons que buscan provocar ao espectador dun xeito demasiado baleiro para poder contar algo máis aló do propio shock.

Pola súa banda, a estaounidense Lynne Sachs monta a través de imaxes e son dunha residencia artística no 1998 da cineasta Barbara Hammers, no que tenta construír un discurso sobre a propia existencia e o concepto de artista. Falando de homenaxe, Houses (for Margaret) é un recoñecemento de Luke Fowler á directora e poeta escocesa Margaret Tait a través de elementos da súa vida e incluso a través dos súa propia obra literaria.´

A month of single frames, de Lynne Sachs

A segunda xornada de Explora brindounos menos filmes, pero non por iso menos interese. Colapsins Miles intenta crear un discurso a través da arquitectura como propio concepto que penso que é fallido. As técnicas que usa para sacar adiante a curta están moito máis por enriba do que quere contar a súa autora.

Con moito menos, semella contar moito máis Untitled, unha curtametraxe que reflicte a desolación que sentiu o mundo nestes meses de coronavirus. Na meirande parte da obra, o baleiro é o que medra por enriba de todo, cunha cor branca predominante. E dende esta simpleza e honestidade, constrúense unhas verbas que chegan directamente ao espectador.

O brasileiro ¿Apiyemiyekî? é unha das obras máis interesantes de toda a sección. A obra foi producida a partir dunha serie de elementos en contra da dictadura militar en Brasil. Comprometido coa súa realidade e cos dereitos dos indíxenas, demostra que o cinema social non ten por que non ser ambicioso respecto á forma.

A terceira e derradeira xornada de Explora abriu con probablemente a miña curtametraxe favorita da sección. Demonstration é un filme monstruoso do bo que é. Xoga coa idea dos monstruos, pero en ningún momento sae ningún na pantalla, polo menos tal e como os entendemos. Retrotáese aos códigos da Idade Moderna onde o ‘monstruo’ era o que se mostraba. É dicir, tiña un gran valor científico. E asi o filme de Beny Wagner e Sasha Litvintseva é quen de construír un discurso firme sen necesidade de tomar palabra.

Demonstration, de Beny Wagner e Sasha Litvintseva

Ata os Andes lévanos Aggregate States of Matters que ten como tema primordial e impacto do cambio climático. A nivel forma é interesante por como prentende narrar este tema xa moitas veces tratado cun mensaxe global nihilista e ata culpabilizador coa especie humana. Algo semellante fai Kopierwerk pero respecto ao remate dos medios analóxicos e a súa obsolescencia, facendo unha reflexión profunda sobre a súa utlidade.

Thorax e Further Radical son dúas obras que pertencen exclusivamente á arte pola arte. Están baleiras, son soamente técnica e son. Non pretenden contar nada, e retrotáense a referentes tan afastados a día de hoxe como Duschamp. Dende a miña humilde opinión, pouco máis que unha perda de tempo.

Con Tik Tak remata esta escolla de camiños diferentes para narrar, neste caso cunha montaxe moi rica que reflexiona sobre a condición humana dun xeito que a nivel contido igual está bastante manido, pero que este envoltorio formal lle da algunha capa máis. Seguiremos explorando ata o ano que vén!

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.