‘Da 5 Bloods: Irmáns de armas: Querer e non poder

Spike Lee volve tropezar na mesma pedra

Spike Lee é un dos nomes máis icónicos do audiovisual contemporáneo. Máis alá dos seus filmes -uns mellores e outros peores- ten unha grande importancia como valor simbólico. Practicamente ningún director soubo levar a loita negra nos Estados Unidos sobre os seus ombreiros, sendo unha persoa sempre comprometida coa causa nos seus filmes. E Da 5 Bloods: Irmáns de armas non é unha excepción.

Se tras máis de tres décadas facendo películas tivera que destacar algo de Lee é o seu grande talento creativo. É un director que non ten medo de introducir elementos novidosos cunha forma de proceder características que le valeu moitos fans ao longo dos anos. Por outra banda, o seu grande problema é que, salvo excepcións, a posta en marcha destras grandes ideas mesma é moi mellorable. Cando non directamente un fracaso.

TER BOAS IDEAS NON É SUFICIENTE

E, lamentablemente, Da 5 Bloods é outro exemplo. Nesta ocasión Spike Lee aposta por narrar unha xuntanza de veteranos negros da guerra de Vietnam que deben volver ao lugar dos feitos para buscar o corpo dun compañeiro perecido en combate. Un dos elementos máis interesantes é como a narración ficticia é intercalada por fotografías e documentos visuais reais principalmente de personalidades da loita antirracista estadounidense, aínda que tamén de xente anónima. É un recurso herdeiro do seu anterior filme Infiltrado no KKKlan e que nesta ocasión está moito mellor utilizado.

Por outra banda, o uso do formato tamén é interesante, xa que opta por un 16:9 que cada vez se vai facendo máis ancho segundo as personaxes achéganse ao seu obxectivo e un 4:3 en 16 mm. para os flashbacks da guerra. E nestas olladas ao pasado está o primeiro grande problema. Por decisión artística, os intérpretes dos anciáns protagonistas se interpretan a si mesmos no pasado, o cal rompe calquera intento de entrar na ambientación. Enténdese que é unha metáfora de que a guerra nunca desaparece, que sobrevive nas mentes das personaxes. Pero e que simplemente están mal executados.

PROBLEMA DE TON

Ten un problema de ton que rompe todo un filme. Tenta ser un drama sentido cunha mensaxe política forte, pero e que a metade da súa metraxe é unha comedia que toca en moitas ocasións a parodia, chegando a puntos ata semellantes a Tropic Thunder. O contraste é tan forte e tan brusco que a sensación é a de ver películas diferentes montadas xuntas. E a mensaxe político a pesar do ton propagandístico por momentos, pérdese polo camiño. Especialmente en tramas secundarias lamentables e que aumentan a metraxe ata unhas dúas horas e media moi innecesarias.

A pesar disto, unha vez máis Lee acerta co que di, aínda que o como sexa por momentos un desastre. Tenta retratar como os negros loitaron en Vietnam por un país que os mataba a cambio de promesas de liberdade. Como tantas veces, dérono todo por ese país que segue discriminando e asasinando a día de hoxe. Tamén é interesante a existencia da personaxe negra seguidora de Donald Trump, cuxo desenvolvemento podería ser o único cun mínimo de interese.

Este filme é unha mágoa porque podería servir para desmitificar a nivel simbólico o cinema bélico estadounidense do século XX, mais soamente é unha longametraxe demasiado extensa con elementos destacables e unha mensaxe necesaria, mais que non carbura en ningún momento. Spike Lee volve a ser o director do querer e non poder. Da a sensación que este home, rodeado do equipo adecuado, podería facer cousas aínda máis grandes.

Director: Spike Lee
Guión: Spike Lee, Kevin Willmott
Fotografía: Newton Thomas Sigel
Música: Terence Blanchard
Ano: 2020
País: Estados Unidos
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.