‘Devs’: A fronteira entre a ciencia e a fe

Alex Garland continúa a súa aposta pola ciencia ficción máis pura

Devs é a nova serie de Alex Garland. Nesta ocasión dirixe, escribe e produce, polo que se pode considerar pouco menos que un fillo seu. Como é costume na súa obra, faise unha aposta moi forte pola ciencia ficción, que é levada por bandeira sen simplificacións. Dispoñible en HBO, parece que en síntese pode considerarse todo o que a serie de Netflix Maniac presumía de ser pero quedou polo camiño

Garland en Ex Machina exploraba os límites da intelixencia artificial en Annihilation os límites da propia vida humana e a sublimación da consciencia. A súa toma unha nova dimensión en Devs, onde directamente fala sobre o propio lugar onde vivimos e entra en cousas tan complexas como a interpretación da mecánica cuántica ou a realidade do noso universo.

DETERMINISMO

O determinismo sostén que todo feito está determinado por algo anterior e o estado actual determina o futuro. Todo está entrelazado por unha relación de causa-consecuencia. Ese é o postulado que se defende nun principio na serie. Isto ten unha grande importancia, porque dende case o comezo presentásenos unha deadline en principio irreversible se temos en conta o dito.

O camiño ata ese desenlace anunciado é onde transcorren os 8 oito episodios de Devs. A un ritmo pausado e cunha tensión que se incrementa segundo transcorren os acontecementos, avanza nun clima case onírico en moitas ocasións e reflexivo entre discusións sobre diferentes interpretacións científicas dun mesmo suceso. Tamén mostrando as vinculacións entre determinismo e a fe, porque se todo está escrito, quen promove esa doutrina non pode ter cando menos, un carácter mesiánico. Ou devoto se non ten poder.

OS SENTIMENTOS GAÑAN

A pesar de todo este embrollo científico complicado de explicar, a serie remata tendo unha mensaxe humana a máis non poder. A máxima responsabilidade de pór en marcha Devs con todas as súas consecuencias é nin máis nin menos que o amor. Amor mal entendido e incluso obsesivo, pero realmente a única razón de todo isto é dun magnate da tecnoloxía que non é quen de pasar páxina pola morte da súa filla.

Por iso para o proxecto soamente hai branco ou negro. Esta computabilización da realidade a unha sorte de código binario imposible soamente responde aos sentimentos do seu creador, non a unha evidencia científica. Unha mostra de que a ciencia ten que ser unha ferramenta para o ser humano, pero que se lle da carácter de fe poden ocorrer desgracias. Na propia definición de ciencia está que os resultados científicos non son absolutos, senón rebatibles.

VALENTE NO TÉCNICO

Toda esta formulación teórica que pode facerse ardua desemboca no quinto capítulo onde algunha das diferentes teorías formuladas represéntanse a nivel gráfico cunha grande intelixencia. Todo isto de acordo coa posta en escena agresiva tanto na composición dos planos como na fotografía que se presenta durante toda a serie, con momentos que poden incluso chegar a suxerir unha montaxe abstracta e sen problemas en solucionar as secuencias dun xeito creativo.

Tamén se pode observa na fantástica banda sonora. O son está tratado como un elemento narrativo máis e é tan agresivo como as cores . Xoga ademais cos diferentes tons para lograr sensacións concretas. Incluso ás veces parece -se isto pode ser posible- unha máquina tendo sentimentos reais a través das diferentes frecuencias de onda.

O ritmo de Devs é pausado. Durante toda a súa duración apenas transcorren 72 horas e os sucesos se narran de forma lenta a propósito. Incluso poderíase dicir que ten momentos de mirarse a si mesma, de recrearse na súa propia existencia. Se ben isto pode provocar un certo rexeitamento, a intensidade co que se vive grazas á gran factura da imaxe e o son fan estes momentos acordes co narrativo. Non son recheo, teñen un fin.

É verdade que esixe do espectador máis que a media das series, pero iso non é negativo en absoluto. Devs busca a toda costa ser transcendental e finalmente o logra nun capítulo final que da respostas ás inquietudes dos personaxes. É unha serie de ciencia ficción seria e que conta todo o que quere contar con valentía e sen ter medo a aburrir. Unha rara avis nun panorama audiovisual no que se abusa do cliffhanger e o plot twist. Un produto de maduración lenta deses que se desfrutan tanto analizándoo como véndoo.

Dirección: Alex Garland
Guión: Alex Garland
Música:Geoff Barrow, The Insects, Ben Salisbury
Fotografía:Rob Hardy
Ano: 2020
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.