‘Doctor Strange no Multiverso da Loucura’: Marvel pregúntase se é feliz

Desde logo, parece que Marvel Studios é máis feliz canto máis sofren as súas personaxes. Porque se algo define a Doctor Strange no Multiverso da Loucura, primeira cinta do UCM neste 2022, é precisamente a dor das súas protagonistas principais. A volta do tan estimado Sam Raimi ao cinema de superheroes logo da súa fundacional triloxía de Spider-Man, porén, non só destaca como un interesante estudo do feiticeiro marvelita, senón tamén como totum revolutum de efectos especiais, monstros, tentáculos e sangue que prometía ser. 

A cinta comeza acorde á inquebrantable lei para o cine de Cecil B. DeMille: todas as películas deberían comezar cun terremoto, e de aí cara arriba. Neste caso, a trama comeza a toda máquina cunha catástrofe que vén provocada pola aparición de América Chávez (Xochitl Gómez), personaxe coa capacidade de viaxar polo multiverso. Strange (Benedict Cumberbatch) intentala axudala, mentres que Wanda (Elizabeth Olsen), transmutada nunha Bruxa Escarlata case demoníaca, fai todo o posible por facerse co seu poder.

Cun conflito sinxelo, vehículo para a acción e a aventura multiversal, Raimi sae triunfal na súa procura de descompoñer e retorcer a imaxe tanto como é posible para marabillar ó espectador. O espírito da cinta radica, precisamente, nesa fantasía tola e sen complexospulp, e cun sentido da festividade e do espectáculo que sempre é benvido nesta clase de producións. 

América Chávez é a nova adolescente a cargo do (ex)Feiticeiro Supremo.

De feito, o seu ritmo, que non deixa respirar en ningún momento, tamén fai que sobreviva a certas torpezas do guión, que avanza a trompadas entre diversos deus ex machinas e presentando conceptos cada vez máis confusos segundo avanza a trama. Doutra banda, é de aplaudir o feito de que, pese a que os fans esperasen cameos ata das súas nais, o filme non fai tantas concesións ó fan service, cousa que eu persoalmente agradezo. Aínda que entendo que, se as expectativas pasaban porque a cinta fora por ese camiño, poida defraudar. Por sorte, é algo distinto: concretamente, unha secuela ata certo punto pequena, afastada da megalomanía demencial que se lle presupoñía.

Asemade, malia o acerto total que supón para este irregular UCM pos-Endgame, deberíamos falar de dous aspectos negativos que ten. Por un lado, como xa sucedeu coa serie de animación Que Pasaría Se…?, a secuela do Feiticeiro Supremo apenas é unha aproximación tímida ó concepto do multiverso; os cambios entre realidades son pouco imaxinativos, e as mellores sorpresas quedan máis relegadas ó apartado fantástico -os monstros, demos, pantasmas…- ou a acción en si -que é brutal: ollo coa escena musical– que non á construción dun multiverso. É unha gran película, pero ten un moi pouco adecuado título

E polo outro, é de auténtica mágoa o que fai con Wanda. Sen facer spoilers, máis alá de demostrar que finalmente é certo iso de que as series non importan -ala vai Wandavision, unha das mellores obras do UCM-, esta cinta termina por botar abaixo toda a complexidade e profundidade dunha das personaxes mellor definidas deste universo para convertela nunha vilá que, si, é brutal e implacable, pero agora tamén carente de sentido por si mesma. Polo menos, si podemos apreciar que tanto a interpretación de Elizabeth Olsen como a xenial posta en escena coa que se aborda as súas intervencións contribúen a formar unha antagonista bastante por enriba da media. 

Entre vilá de slasher ou cine giallo e Terminator, a Bruxa Escarla da toda unha exhibición. 

Isto contrasta co bo tratamento que si recibe Stephen Strange, heroe que, polo seu poder desmesurado, podería resultar difícil de humanizar. Mais nesta cinta non é así, grazas a América Chávez, que actúa como o piar sobre o que se sustenta o arco dramático do Feiticeiro Supremo, que parece ter aprendido un par de leccións para contrarrestar a súa arrogancia tanto da propia Chávez como do sacrificio de Peter Parker en Sen Camiño a Casa

O maior leitmotiv da cinta, precisamente, é a pregunta de se o feiticeiro é feliz, en clara aliñación co sufrimento de Wanda. Ser un superheroe non parece doado. E con todo, incluso antes que co abraiante espectáculo visual que se desprega ante nós, quédome coa sensación de ter visto unha cinta con corazón tamén no seu apartado estritamente emocional; unha festa na que Marvel, como Strange, pregúntase se este é o camiño. Se é feliz. Hai dúbidas, claro. Pero eu coido que si. 

Dirección: Sam Raimi
Guión: Michael Waldron, Jade Halley Bartlett
Fotografía: John Mathieson
Música: Danny Elfman
Ano: 2022
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.