‘Dores’: Ocultar unha ferida non consegue que deixe de sangrar

Penso que hai veces nas que é imposible non caer en tópicos, a min pásame moito aínda que intente que por aquí non se note demasiado. Pásame sobre todo cando a viña vea xornalística sobre pasa ao análise cinematográfico, o que é máis sinxelo que ocorra cando vexo documental. Hai uns anos dixen que, Matria de Álvaro Gago era un filme necesario e creo que Dores de Coral Piñeiro tamén o é.

Pero necesario para quen? Porque o que é necesario para o veciño do quinto, seguramente non o sexa para min ou para quen sexa que lea este texto. Para min esa etiqueta significa algo bastante concreto, cando eu interpreto que a nivel colectivo hai un relato que o pobo necesita. A premiada curta de Gago desbotaba o mito do matriarcado galego e en Dores sácase á luz unha parte da historia de Galicia vítima do revisionismo histórico: os campos de concentración posteriores á Guerra Civil.

Soamente se coñece (e a medias) a Illa de San Simón como paradigma deses tempos escuros e crueis, pero a realidade é que superan a decena. E así o conta esta curta documental que comeza cunha presentación deses lugares dende o presente. Dende a tranquilidade e a alegría. Pero tamén dende o esquecemento.

A nivel técnico, a obra está bastante coidada. Aínda que é presentada como un documental talking head que se acostuma a criticar en moitas ocasións, a forma de narrar paréceme e conveniente. En primeiro lugar, porque este relato debe ser escoitado en boca de quen ten que falar, e porque hai un esforzo activo por intentar aportar algo máis, sobre todo a través dunha destacada montaxe que transforma un relato que podería ser plano nunha conmovedora historia.

E sobre todo, en Dores é importante polo seu final, porque cambia o enfoque da meirande parte dos filmes sobre esta temática e confronta coa política institucional de Memoria Histórica. O documental remata xuntando a un descendente dunha vítima con outra dun verdugo. Chámase á responsabilidade dos familiares dos que empuñaban as armas na masacre e hai unha conversa sa e ata reparadora dadas as circunstancias.

A mensaxe do filme é que abrir as cunetas é tan importante como que os familiares dos responsables teñan presente que ese drama existiu. Adóitase dicir que franquistas soamente eran os ricos e iso por pura estatística debe ser falso. As feridas por ocultalas non deixan de sangrar. Por iso tender pontes e recoñecer que hai cousas que están mal será unha das cousas que nun futuro poderán evitar que sucesos terribles volvan ocorrer. Gardar as cousas malas debaixo da alfombra soamente volve coxa a mesa que está enriba.

3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.