‘Dune’: Un oasis no deserto

É posible xuntar o cine de autor que practicou Villeneuve durante toda a súa carreira co tremendo presuposto dun enorme blockbuster?

Esta é a pregunta que semella tratar de respostar ao longo desta película, xustificando a confianza que se lle deu cun espectáculo á altura de calquera saga de ciencia ficción / fantasía das que estamos acostumados. Este filme afástase dos modos máis habituais do cine de autor que atopábamos na súa anterior Blade Runner 2049 (2017), cuxa historia se vertebraba con longos planos xerais que incitaban á contemplación máis que a emoción. En Dune isto non pasa, hai acción, moita máis da que se podía esperar do director, porque, aínda que poida sorprender, o filme parécese máis a un Star Wars refinado (sobre todo vendo a xa case esquecida última triloxía) que ao cine de autor, e ao saír da sala o que notas é unha estraña sensación de que isto pode ser o seguinte Señor dos Aneis, é dicir, unha megaprodución dun xénero non hexemónico que realmente sexa bo cine.

Antes de centrarnos na película non ven mal fixarnos un segundo no contexto que a rodea, cun hype notable, sobre todo en base ao reparto repleto de estrelas hollywoodienses, que unha vez xa na trama son atropeladas polo peso da propia narración e do worldbuilding, que centran a maior parte da historia. O protagonismo absoluto recae nun Timothée Chalamet que constrúe un Paul Atreides fiel ao libro, pero no que tamén se pode identificar a xuventude de hoxe en día. Temos o tropo do “Elixido” na súa forma clásica, pero inserido nun mundo tan interesante e atractivo que nos fai devecer por ver o camiño que vai a recorrer. A outra cara encargada de vender a película, Zendaya, ten aquí un rol moi secundario (sobre todo tendo en conta o tráiler, un chisco tramposo), pero que parece que vai tender a crecer nunha hipotética segunda parte.

Máis aló disto, o protagonista tamén é Arrakis, o mundo desértico onde se desenvolve a trama, que desta volta, si, se nos presenta dun xeito moito máis integral e tranquilo, a través dunha fotografía realmente fermosa que resalta o deseño de interiores, os efectos especiais e o traballo de localización, nun traballo que recorda as paisaxes das sagas anteriormente citadas, ás que podemos engadir outros referentes coma Xogo de Tronos. Tamén cabe resaltar o son, non tanto a banda sonora de Hans Zimmer, similar a ofrecida en Interstellar, pero con certos toques orientais que acompañan a desértica paisaxe, senón que os efectos sonoros son potentes e axudan moito a mergullarte dentro da película.

Esta inmersión, que noutras películas de Villeneuve pode resultar máis difícil, sendo acusado de “frío” moitas veces, pola exactitude dos movementos de cámara e dos planos, sobre todo con respecto a relación cun ritmo máis ben lento, é aquí máis sinxela de lograr, polos continuos momento de acción, sobre todo na segunda parte do filme. É verdade que se afasta moito de momentos emotivos, e os personaxes poden resultar demasiado sobrios nalgunhas ocasións, pero desde logo, esta é a película máis accesible do director neste sentido.

A inadaptabilidade que se lle asume a Dune é rebentada por Dennis Villeneuve dun plumazo, á vez que lanza un órdago a Warner. O filme é unha primeira parte dunha saga, que para rematar o seu primeiro libro (o bo, o coñecido) lle queda ao rematar a película aproximadamente a metade, polo que sería de esperar unha “parte 2”, que non está anunciada nin planificada, xa que dependerá das cifras que acade esta primeira, que semella que de momento están a ser notables.

Denis Villeneuve dicía fai unha semana que as películas de Marvel “non son máis que un corte e pega de outras”. As súas verbas, con esta película para soportalas, son máis ameazantes se cabe, xa que dentro do ambiente blockbuster Marvel é a raíña absoluta, pero Dune busca abrir un oco e colarse entre Shang-Chis e Doutores Estraños, tratando de crear unha nova gran saga de ficción que faga as delicias dos fenómeno fan.

Dirección: Denis Villeneuve
Guión: Denis Villeneuve; Eric Roth; Jon Spaihts (Novela: Frank Herbert)
Fotografía: Greig Fraser
Música:Hans Zimmer
Ano: 2021
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.