‘En casa’: Cinco olladas autorais do confinamento

Cando HBO anunciou a mediados de abril unha serie antolóxica sobre o confinamento, non puiden evitar recibir a nova con escepticismo. Pensei: outra produción como Diarios de corentena, deseñada para xerar contidos baratos e rápidos, substituír os paróns das rodaxes e conseguir audiencias aburridas e ávidas por ver calquera cousa á súa dispoñibilidade. Mais, como moitas das veces nas que unha se deixa levar polos prexuízos, equivoqueime.  

En casa promociónase baixo a máxima “a imaxinación non se pode confinar”, pero sen dúbida si se pode. Pasoulle a TVE co descalabre insulso Diarios de corentena e tamén a moitos de nós, nun bloqueo mental que se prorroga de dúas en dúas semanas -por iso dediquei o confinamento a escribir sobre o que fan os demais en lugar de escribir o meu-. Porén os autores dos capítulos que conforman En casa si souberon dar renda solta a unha creatividade capaz de equilibrar as limitacións que impón a situación.

Moito se leva repetindo estes tres últimos meses o de “tempos excepcionais esixen medidas excepcionais”. Tan excepcionais que unha fábrica de grandes producións televisivas de longa traxectoria como HBO fixo espazo para unha modesta serie a cargo de cinco cineastas independentes, sen encargos específicos máis alá das restricións técnicas -habían ser gravados integramente coa cámara do móbil- e do cumprimento das restricións do estado de alarma.

O resultado é un cúmulo de cinco historias individuais que, unhas máis realistas e outras máis surrealistas, unhas máis acertadas e outras máis erradas, paga a pena ver. É posible que En casa se estrease un pouco máis tarde do debido. Con todo o Estado en proceso de desescalada e a dúas semanas do finiquito das limitacións de mobilidade decretadas, a sensación de identificación co illamento das personaxes está preto de caducar, se é que non o fixo xa. Por iso triunfan aquelas que non fican aí e exploran con máis profusión as motivacións internas ou as relacións dos convivintes.

O primeiro capítulo, Unha situación extraordinaria, é quizais o que mellor conseguiu superar a barreira da data de caducidade, e tamén é o único que se atreveu a realizar unha peza de media duración -44 minutos-. Rodrigo Sorogoyen ponse detrás e diante da cámara para trazar un relato que prefire poñer en segundo plano os tópicos da corentena. Xunto a Marta Nieto -a quen dirixiu en Madre-, explora os quebradeiros de cabeza que xorden cando pasas demasiado tempo pechado cunha persoa, levándoos ata os límites da realidade. Unha historia de guión intelixente e enxeñoso, apoiada na sólida interpretación da súa protagonista feminina.

Porén tras este subidón, atopámonos con dúas pezas que baixan o listón consecutivamente. Mira este vídeo de gatitos de Elena Martín non é máis que un relato expositivo dunha “comuna millenial” protagonizado por uns hipsters insoportables que pouco interese garda máis que as vistas de Barcelona. Leticia Dolera encárgase por completo de Mi jaula, un one-woman show temperado sobre o empoderamento feminino que non chega a crear nunca moitas expectativas, con conclusión forzada e artificial -menos mal que só dura 17 minutos-.

Pola súa banda, Carlos Marques-Marcet realiza unha adaptación libre da novela Viaxe arredor do meu cuarto de Xavier de Maistre. Consegue, igual que Sorogoyen, realizar unha obra que poida conservar o interese ao longo dos anos. Mais desta vez por medio da reflexión, nun impecable e poético diálogo interno sobre a soidade. Combinando imaxes de arquivo propias coas da actriz Manuela Aparicio confinada, o director realiza o mellor exercicio fotográfico da antoloxía -por moita postprodución á que se someteu En casa, resulta incrible que semellante captura cromática e de profundidade estea gravada cun móbil-.

Finalmente, Así de fácil pon o toque máis humorístico, satirizando as rutinas que todos intentamos levar a cabo no illamento -vestirnos de gala, facer exercicio con Patry Jordán-. Se nun futuro queremos mirar atrás e recordar estes tempo de corentena, Paula Ortiz desprega a captura máis refrescante e liviana do sentir de todos nós, bañado cun fotografía en branco e negro excelentemente editada. E cómpre non esquecer a ardua tarefa de dirixir ás dúas actrices, Celia Freijeiro e Julia Castro, por videoconferencia.

En casa non é unha serie imprescindible, mais tampouco existe nela un ápice de pretensión de grandeza. Simplemente é un cúmulo de olladas persoais sobre a corentena que pouco teñen de antolóxicas, pois cada unha é autoral e propia. E por iso merece a pena tomala en consideración e apreciala: por unha vez, producións mínimas que unicamente chegarían a proxectarse no circuíto de festivais estatais e, se cadra, chegar a algún recuncho de Filmin, toman relevancia para o gran público.

Dirección: Rodrigo Sorogoyen, Paula Ortiz, Leticia Dolera, Carlos Marques-Marcet, Elena Martin
Guión: Rodrigo Sorogoyen, Paula Ortiz, Leticia Dolera, Carlos Marques-Marcet, Elena Martin
Ano: 2020
País: España
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.