‘Enola Holmes’, nin Sherlock atoparía solución para isto

Enola Holmes preséntase como unha das estreas máis mediáticos de Netflix dos últimos tempos. A película adapta unha serie xuvenil de libros que ten coma protagonista a Enola, unha rapaza detective, irmá do lendario Sherlock Holmes, que vive aventuras seguindo os seus pasos. Á fronte do filme hai varios nomes importantes da industria, como Henry Cavill ou Helena Bonham Carter, pero a que máis interese suscita é a súa protagonista, Millie Bobby Brown, encarnando a Enola tras alcanzar a fama coa Eleven de Stranger Things.

O ton do filme amósase áxil, xuvenil, buscando a diversión desde un humor e misterio lixeiros, cunha protagonista que interpela continuamente ao espectador rompendo a cuarta parede. Un recurso que enfatiza o carácter rebelde, enxeñoso e pícaro da protagonista, pero que ás veces faise demasiado cargante, chegando a utilizala como voz en off, trampeando a narrativa e simplificándoa en exceso.

O peso de toda a trama recae sobre Enola Holmes que, coma personaxe nunha viaxe da heroína clásica, resulta convincente e encantadora. Porén a historia resulta pobre ao reflexionar sobre ela, semellando que adaptación desde a serie de novelas nas que se basea o filme foi problemática. A película non se acaba de decidir entre ser iso, unha película, ou varios capítulos dunha serie, con tramas que non acaban, relacións e situacións forzosas, e unha historia que non atopa un xénero onde resgardarse.

O fondo das historias de Sherlock Holmes queda sen aproveitar, e a película falla á hora de xerar un misterio ou unha investigación. Remata sendo unha sucesión de feitos pouco conexos, onde a protagonista Enola, a pesar de que se resaltan as súas cualidades de detective, non fai máis que dar tumbos de suceso en suceso sen aproveitar realmente as súas habilidades.

A pesar de que varias “desaparicións” vertebran a trama, non hai un interese real sobre elas, xa que cando se nos figura a súa resolución, o camiño cara elas aínda non acaba de madurar o suficiente. As secuencias seméllanse ao cine clásico de aventuras, de maneira que Enola é máis unha Indiana Jones que un Sherlock Holmes, aínda que si hai certas reminiscencias das obras de Guy Ritchie protagonizadas por Robert Downey Jr.

Aparte do gran traballo da protagonista por encandilar ao espectador, o resto do elenco non está a altura. O papel de Henry Cavill coma Sherlock é confuso e innecesario, resultando nunha serie de escenas onde pon a súa cara de Superman, sen participar apenas na trama ou relacionarse realmente co resto de personaxes. Aprovéitase moi pouco ao detective e directamente derruban a figura de Mycroft Holmes, que queda reducido a un ignorante e machista snob.

O feminismo integra gran parte da temática dialéctica do filme, que se presenta no mercado con esa etiqueta. Xa só a idea dunha protagonista nunha película de acción así, enfocada no público xuvenil, é atractiva e incluso novidosa. Pero trátase de levar o discurso de empoderamento feminino máis aló, facéndose tan evidente que entorpece o ritmo, ao tempo que carece dunha profundidade real.

Unha recreación de Londres xusto no ambiente sufraxista de principios do Século XX parecía propicia para lanzar esta mensaxe. Sobre todo coa personaxe da matriarca da familia Holmes, que resulta ser unha sorte de Emmeline Pankhurst, da que se fala moito pero que na realidade apenas ten influencia na trama.

O filme queda entretido, pero pobre e curto de profundidade, pasando a ser un produto de consumo rápido máis, cando tiña a oportunidade de dar un pulso sobre a mesa dentro das películas xuvenís. Podemos apostar con que en Millie Bobby Brown parece haber actriz, e das boas, para rato, pero non afirmaría o mesmo sobre o futuro de Enola Holmes.

Director:Harry Bradbeer
Guión: Jack Thorne
Música: Daniel Pemberton
Fotografía: Daniel Pemberton
Ano: 2020
País: Estados Unidos
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.