‘Eternals’: Non hai ben eterno nin mal duradeiro

“Eternals”, atendendo á crítica profesional e as páxinas de valoracións de películas, parece que vai a ser un dos grandes croques dentro do Universo Cinematográfico de Marvel, o que é curioso, xa que vendo a súa produción e preparación, é probablemente un dos proxectos máis maduros e ambiciosos da compañía, xa non só polo tamaño da película, senón polas intencións da súa historia, xa desde a propia elección dos superheroes (temos 10 nunca antes vistos en ningún filme) como do equipo técnico da mesma.

Chloé Zhao é a flamante gañadora do Oscar á mellor película e á mellor dirección, polo seu traballo en Nomadland, un filme no que se vislumbran algún dos temas que máis lle gustan, o existencialismo, a morriña ou a nostalxia, todo envolto nun clima temperado e un ritmo apesarado. De primeiras, evidentemente, este tipo de adxectivos non se relacionan con Marvel, polo que a aposta por esta directora implica que querían facer unha película máis madura e seria dentro do cine de superheroes, algo que nos pode soar de algo (que andará facendo Zack Snyder ultimamente?), que parece que non acabou de convencer a crítica, aínda que en ventas todo vai ben coma sempre.

Certamente, é un filme tan ambicioso que ata pode pecar de pretencioso por momentos, temos un gran exercicio de worldbuilding (e xa comeza a ser pesado que en cada novo filme se nos presenten un montón de cousas que os Vingadores deberían xa ter detectado no anterior ciclo) e de afondar en personaxes que nos acaban de ser presentados, que alén de baixar o ritmo da película, faina máis interesante, xa que son camiños que Marvel non adoita recorrer, e neses momentos é onde máis se nota a man da directora.

Pero é un traballo quizais un pouco complexo de máis, xa que son 10 protagonistas os que se nos presentan e claramente vense descompensados, xa que algúns funcionan realmente ben e rápido, pero a outros cústanos un pouco máis ver por onde van, ata o punto que apenas se nos da información (unha velocista xordomuda cuxo nome se pronuncia apenas dúas veces en toda a cinta), amosándose inconsistentes durante a trama (un rapaz que pasa a idealista ao típico adolescente edgy) e que incluso desaparecen (un home indio que dispara enerxía que por motivos moi febles non aparece en todo o clímax). É máis, as dúas persoas que son “máis protagonistas” que os demais, Sersi (Gemma Chan) e Ikaris (Richard Madden) son os personaxes máis planos e menos carismáticos do filme, decaendo ante a presencia de actrices como Salma Hayek (Ajak) e Angelina Jolie (Thena) ou a simpatía de Don Lee (Gilgamesh) ou Kumail Nanjiani (Kingo)

O tempo adicado ao desenvolvemento da historia persoal do grupo e das súas personalidades deixa paso a unha trama intricada que se nos presenta a trompicóns, con moitos flashbacks que segundo pasa a metraxe tenden máis a interromper que a aportar, e os sucesivos descansos para profundar no carácter de cada protagonista. Aínda que o ritmo é errático, a trama é interesante, contando con algúns xiros atractivos, que sumándolles as numerosas localización arredor do mundo, co apoio dunha fermosa fotografía, dan unha sensación de viaxe bastante agradable. Durante a parte media do filme a sensación é similar á da serie Sense 8, unha viaxe polo planeta atendendo a persoas con poderes.

Agora ben, a man de Chloé Zhao vólvese a notar, e neste senso coido que non para ben. O existencialismo está presente durante todo o filme, temos uns superheroes que se consideraron deuses enviados a vivir cos humanos, polo que a introspección arredor do seu ser é habitual ata o hastío. Hai un optimismo, un positivismo e unha intensidade superficial sobre a condición humana que se fai moi estraña, sobre todo tendo en conta que é moi recorrente, ata o punto de saír en practicamente tódalas conversacións “serias” dos personaxes, facéndose moi cargante ata converter o intento de ser unha película madura en algo case infantil, asimilando as máximas de Disney de “o amor é o máis importante e o que vai resolver a película”.

A pesar desta serie de defectos, creo que a película é notable xa con solo coa intención da mesma. É a película máis ambiciosa de Marvel desde ás dos Vingadores e creo que é unha aposta, que cos seus fallos, deu resultado, e refresca un último ciclo de películas autoconclusivas, con moi pouco valor dentro do Universo que constrúen, mentres que neste caso, xa non é que se nos presenten unha chea de personaxes, senón que a través da súa historia podemos bisbar elementos que nos fan acordar a personaxes coma Galactus ou O Vixiante, relacionados directamente cos 4 Fantásticos.

Dirección:Chloé Zhao
Guión:Chloé Zhao; Matthew K. Firpo; Ryan Firpo; Patrick Burleigh
Fotografía: Ben Davis
Música: Ramin Djawadi
Ano: 2021
País: Estados Unidos
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.