‘Falling’: A mirada íntima de Viggo Mortensen

Hai cousas que parece que suceden case por inercia. Que Viggo Mortensen comezase o camiño da dirección parecía algo cantado. O actor, coñecido polo grande público como Aragorn o do Señor dos aneis ou por outras interpretacións destacadas como a relativamente recente Green Book, é case un deses mal chamados homes do renacemento: fotógrafo, poeta, pintor… e agora director.

E Falling é un debut sorprendente. O filme conta a historia de John, interpretado polo propio Mortensen, que ten que introducir na súa vida a un pai tradicional e ata tirano ao que a idade o volveu senil e sen poder valerse por si mesmo. Todo se complica máis se temos en conta que el é homosexual e con anterioridade seu pai rompeu cos seus comportamentos a familia. Un circo.

Quizais o tema e o enfoque xa están tratados, pero é de agradecer que unha figura como a de Mortensen, unha persoa moi recoñecida e que como quen di tiña a promoción feita, remate facendo un filme cun marcado toque autoral e non unha película sen alma. A súa voz está presente en todo o filme.

FRONTAL

Pártese dun conflito moi potente, que se ve acentuado con todas as decisións de dirección. É unha película tremendamente frontal co espectador grazas ao uso do plano subxectivo nos diálogos, onde en moitas ocasións móstranse situación notablemente agresivas directamente á cámara e cuns planos tan pechados que afogan case máis ao espectador que aos personaxes.

Isto ten a súa contrapartida no pouco sutil que é o filme en certos aspectos, como na súa posta en escena. Onde a simboloxía coa que se tenta construír o relato é tan obvia que enfada. É interesante e necesario narrar a través destes aspectos, pero cando se ten tan pouco tento o resultado é o contrario ao que se intentaba conseguir.

Esta torpeza, en parte comprensible ao tratarse dunha ópera prima, contrasta co ben construídos que están os personaxes. Son humanos, e iso xa é algo fundamental. Teñen contradicións e actúan dun xeito estraño en ocasións, pero vaise explicando mediante uns flashbacks moi ben medidos que teñen como resultado unha narración paralela dos dous tempos. Unha delicia e unha moi boa decisión.

A MONTAXE

Porque se hai algo que destaque de Falling é a súa montaxe. Por unha banda, á hora de fiar os diferentes tempos, logrando un equilibrio perfecto entre peso narrativo e axilidade. Por outra, na montaxe interna das secuencias, conseguindo unha tensión tremenda que sempre está no subtexto, aínda que os feitos sexan todo o contrario.

Isto vén acompañado das interpretacións. Principalmente a do propio Mortensen -que fai un exercicio de contención tremendo para soltalo todo no clímax do filme– e dun desatado Paul Gross, que é capaz de ser detestable e á vez que se sinta mágoa por el. É imprescindible na película, que perdería moitos puntos se non fose actuada deste xeito.

FAMILIA

Por outra banda, móstrase a familia dun xeito moi interesante. Coma os actos teñen consecuencias, moitas veces os elementos inadecuados fan gretas que non se poden reparar. Pero moitas veces as persoas que actúan mal tamén sofren e hai máis factores que a pura causa-efecto. Falling é a mostra da importancia da familia como escudo ante as adversidades, aínda que ningún dos seus compoñentes diría iso.

En definitiva, o debut de Viggo Mortensen na dirección é máis que positivo. Ten erros propios dunha dirección novel e non vén a revolucionar nada, pero a súa mirada é interesante e diferencial. O meu desexo é que decida facer máis filmes porque neste 2020 de adversidades, por fin vemos unha boa nova.

Director: Viggo Mortensen
Guión: Viggo Mortensen
Fotografía: Marcel Zyskind
Música: Viggo Mortensen
Ano: 2020
País: Canadá
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.