‘Fast and Furious 9’: Un bo momento para falar da familia

Para un blockbuster, o obxectivo primordial é ser visto. Isto pode entenderse como algo pouco purista a nivel cinematográfico, moi en contra do cine de autor, pero a realidade é que hai propostas feitas para conseguir cartos. E non creo que haxa nada de malo niso. As salas teñen que vivir, non sempre como espectadores necesitamos algo transcendental nin profundo e sempre defenderei que o cine de entretemento ben feito é delicioso. Ademais, que se invistes 200 millóns de euros nun filme semella case unha obriga non perder cartos.

Vou de fronte. Neste texto vou defender á saga Fast and Furious, en concreto á súa novena entrega. Agardo que non haxa moitos sorprendidos pola afirmación. Esta serie de filmes que sorprenderon á industria ao principio de século con thrillers sobre carreiras de coches, evolucionaron ao que son hoxe: as películas de acción máis vitaminadas que se poden ver nunha sala de cine no 2021.

E con vitaminadas non quero dicir nin sanguentas nin especialmente emocionantes ou ben rodadas, senón porque Fast and Furious é o lugar onde ocorre a maxia. Onde as ideas que parecen imposibles, as ocorrencias propias de adolescentes soñadores, poden facerse realidade. E non dun xeito cutre precisamente, hai cartos dabondo por detrás.

Esta novena entrega explora o pasado do protagonista, ‘Dom’ Toretto, interpretado por Vin Diesel. Despois de nove películas, aparécelle un irmán do que durante vinte anos non soubemos nada e que é nada máis nin nada menos que John Cena. Unha loucura? Efectivamente. Pero e que no universo Fast and Furious as historias pouco importan, vimos a outra cousa.

Aquí búscase ver secuencias longas e imposibles, onde todo canto máis grande e espectacular mellor. Chégase a un punto nesta serie de películas no que que un coche vaia ao espazo é algo absolutamente plausible. Onde hai que dicir “familia” 200 veces no filme porque os memes están para facelos. Porque debe soar reggaeton e os diálogos non teñen que ter sentido porque ese é o espírito.

Evidentemente non é unha obra mestra. E co filtro de crítico hai unha morea de aspectos que están mal e elementos que non teñen ningún tipo de sentido, sobre todo a nivel dramático. Pero e que é unha película para quitarse o monóculo. Ademais e que é consciente de iso e non se toma en serio. Ten un espírito de serie B con douscentos millóns de euros de orzamento. Que máis se pode pedir? Eu poucas cousas.

Que non se toma en serio a si mesma está exemplificado perfectamente nunha das subtramas do filme onde se pon en cuestión se os protagonistas son inmortais porque viven situacións absurdamente perigosas e non morren. Fast and Furious é consciente que non ten ningún tipo de sentido, e xa nin o intenta. Soamente busca entreter, e niso hai que poñerlle un dez.

Fast and Furious 9 é un filme que cumpre a súa función: ser un acontecemento cinematográfico. As salas de cines están cheas con miles de persoas que saen encantadas dunha experiencia lixeira que é perfectamente consciente do que. No persoal, dáme 5 películas deste tipo antes que unha película de autor mal executada por ter un director egocéntrico. Hai momento para todo e oco para todas as películas e este mes de xullo parece un bo momento para pensar na familia.

Dirección: Justin Lin
Guión: Daniel Casey, Gary Scott Thompson.
Fotografía: Stephen F. Windon
Música: Brian Tyler
Ano: 2021
País: Estados Unidos
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.