First Cow: a importancia de saber narrar

O 2020 está sendo un ano cunha enorme presenza das mulleres no cinema. Dende a gran repercusión de Nomadland (Chloé Zhao) e Beginning (Dea Kulumbegashvili) en festivais internacionais, pasando por unha das películas máis aclamadas do Estado español, As nenas (Pilar Palomero), ata películas que se estrean próximamente coma Kajillionaire (Miranda July) ou un blockbuster como é Wonder Woman 1984 (Patty Jenkins). Dentro desta avalancha chega First Cow, última película de Kelly Richardt que, aínda que ten a súa data de estrea en 2019, a puidemos ver gracias ao Festival de Cine de Xixón, onde logrou alzarse co premio a Mellor Longametraxe.

Kelly Richardt xa mostrara o seu interese por ensinar unha visión renovada do western clásico en O atallo de Meek (2011). Nesta longametraxe, a directora estadounidense trasladábanos a 1845 da man dun grupo de colonos que percorren o desértico estado de Oregón na procura dunha terra onde asentarse. O innovador non está no relato, senón en como o conta. Para narrar esta historia, Kelly Richardt usa o formato 1:33, que se relaciona cos westerns clásicos como Río vermello (Howard Hawks ,1948), e que se centra, pola propia natureza deste, nas persoas máis que no paisaxe.

Sen embargo, neste caso parece darlle máis importancia ao paisaxe que rodea aos personaxes. A cineasta decide facer esta película nun formato non panorámico porque mostra un relato típico dos westerns dende o punto de vista das mulleres, que se vía reducido debido aos sombreiros que levaban.

En First Cow voltamos ao século XIX, pero esta vez unhas décadas atrás: 1820, tempos dun sistema aínda precapitalista e os inicios da globalización, tal e como transmiten certos comentarios que fan na película: “Chegan barcos cada semana; nunca vira tanta materia prima xunta, e iso que eu vin moito mundo” ou “o sombreiro de castor xa non se leva en París pero hai moita demanda da súa pel en China”. É un momento crucial na historia dos Estados Unidos, xa que non soamente son nómades da súa propia terra, senón que agora o son do mundo, e gracias a isto fórmase o seu tecido multicultural. É un momento histórico no que todos son inmigrantes, e isto é algo que se plasma na pequena comunidade que rodea ao protagonista.

A película comeza cunha elipse. Unha muller pasea polo monte cando o seu can atopa o que parece ser un óso humano. Ela, confusa, comeza a cavar ata que descobre que son dous esqueletos dándose a man. Entón, un gran buque de carga da paso a un buque a vapor que nos traslada ao século XIX. Con esta introdución, Kelly Richardt resume o que veremos nos seguintes noventa minutos: a íntima relación de dúas persoas nunha sociedade en plena evolución que supón o punto de partida da realidade actual.

First Cow cóntanos a historia de Cookie, un home de Maryland que, trala morte dos seus pais, non parou de moverse en busca de traballo. Por este motivo xúntase cun grupo de homes que deambula polo condado de Multnomah, en Oregón. Dentro dese grupo de homes fortes, bascos e armados, Cookie parece non encaixar.

Namentres eles limpan a súa pistola e beben, el pasea polo bosque, contento de atopar unha seta para cociñar despois e tose ao tragar o whisky que pedira para entrar en calor. Co tempo, ao avanzar o relato, darémonos conta de que non é que Cookie non encaixe nun mundo de homes, senón que a sociedade avanzou e xa non hai sitio para os vaqueiros.

First Cow é unha película doutra época. Ten, polo tanto, outro ritmo. Un ritmo tranquilo, lento. Un ritmo ao que non estamos acostumados, signo dun estilo de vida máis pausado e contemplativo. É aquí onde radica a súa forza. Ao final, a beleza deste filme resúmese nese primeiro contacto de Cookie coa vaca, avanzando con cautela ata encontrala, tocándoa con agarimo e falándolle ao oído ata que teñen confianza. Tamén na súa composición e nos movementos de cámara, nesa terra húmida que cala os ósos e no respecto que mostra a cinta cara os seus personaxes. E é que, as veces, non é tanto o que contas senón como é contado, e iso, Kelly Richardt faino de marabilla.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.