‘Flashback’: Explorar e caer

A nai dun analista de datos sufre un accidente e perde case todas as súas lembranzas ata o punto de non recoñecer o seu fillo. Paralelamente, ao rapaz aparécenlle sucesos dos seus tempos de instituto na cara. Un pasado relacionado cun consumo dunha forte e misteriosa droga, unha rapaza desaparecida e un misterio por resolver. Dirixida e escrita por Christopher MacBride e protagonizada por Dylan O’Brien, Flashback é un thriller con elementos fantásticos que parte dunha premisa interesante.

Un dos temas centrais do filme é a memoria. Tanto a ausencia dela, como a interpretación de recordos illados e como cobran diferentes sentidos segundo o contexto. Tamén como os traumas e elementos externos poden cambiar certas situacións ata facernos crer dun xeito certeiro que algo verdadeiro é falso.

Xa sei que o que acabo de dicir afonda un pouco máis no que adoita abranguer un thriller destas características, porque Flashback é un filme moi ambicioso e arriscado. Mediante a montaxe establece dende o primeiro momento unha relación de dependencia entre pasado e presente que se ve acrecentada cando se descubre que o tempo non é lineal. Utilízanse como apoio recursos gráficos como de montaxe para explicalo.

Non quero destripar a película máis do conveniente porque é un filme para ver, desfrutar e vivir os seus segredos, e practicamente todo o que me gusta desta película pode ser considerado spoiler grave, pero é importante destacar que Flashback xoga dun xeito deliberado coa mente do espectador e ás veces sáelle regular, pero en momentos concretos parece a mellor película da historia.

En concreto no seu clímax, que é deses tan potentes que te deixa o corpo feito polvo e coas mans na cabeza. Instantes perfectamente cadrados e potentes como un partido de rugby. Consegue que moitas das migas deixadas ao longo do filme e que provocaban confusión nun primeiro momento, cadren creando algúns dos momentos máis sorprendentes do cinema recente.

Lamentablemente, non todo na película posúe esas características. A viaxe cara ese momento non ten todo o interese que debería, algunhas partes da historia non están todo o ben rematadas para ser satisfactorias e hai elementos que se complican demasiado por mor da forma elixida para narrar.

Pero parte destes defectos radican en que o filme é tremendamente arriscado. Algunhas cousas saen ben e outras saen mal, pero polo menos intenta con todas as súas forzas ser lembrada sen traspasar a barreira do egocentrismo. Tamén é desa clase de obras moi divisorias e que non pode gustar a todo o mundo por mor do radical da súa proposta. A min, cos seus problemas, convenceume dende logo. Sempre me gustou explorar, supoño.

Director: Christopher MacBride Guión: Christopher MacBride Fotografía: Brendan Steacy Música: Anthony Scott Burns, Pilotpriest Ano: 2020 País: Canadá
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.