‘Gambito de dama’, miradas que poñen en xaque

Gambito de dama é unha das últimas series destacadas do catálogo de Netflix, que nos conta a traxectoria dunha rapaza orfa que ten un don para xogar ao xadrez, chegando a competir profesionalmente na década dos 60 nun mundo de homes. É unha miniserie de só 7 episodios, que repasan a vide temperá da protagonista á maneira dos biopics ficcionados que tanto se están a facer nos últimos tempos, e a pesar de que neste caso non referencia a ningunha persoa real, a traxectoria desta xadrecista pode recordar, tanto en carácter como contexto, ao xogador estadounidense dos anos 70, BobbyFischer.

A trama xira arredor da protagonista Beth Harmon, sobre a que se asentan todas as narrativas da serie, caendo todo o peso dramático sobre unha Anya Taylor-Joy que está brillante, construíndo unha personaxe misteriosa, suxerente, inocente pero en termos competitivos, extraordinariamente poderosa. A rapaza que xa vimos en The Witch (2015), traslada ese misticismo a unha xogadora de xadrez superdotada, pero que a partir de varios traumas familiares desenvolve unha capacidade nula de cara a manter relacións sociais, xa sexan de amizade ou amorosas.

Un elemento clave que integra toda a miniserie é a mirada da protagonista, uns ollos neutros que escudriñan a persoa que teñen en frente, xa sexan rivais, nais, amantes ou colegas. Os ollos dunha rapaza fría, reservada, que apenas amosa sentimentos, impedindo a identificación do espectador ao tempo que aumenta e curiosidade por saber cara onde ser dirixe esta xogadora de xadrez, tanto vital como competitivamente.

Beth Harmon ao xogar cambia o seu carácter, convértese nunha superheroína do xadrez, unha raíña que se move a onde lle da a gana (o tema do poder da muller nun mundo de homes está ahí, pero nunca se evidencia en forma de discurso), comendo as persoas que se poñen diante dela, e co obxectivo de tumbar ao rei, o soviético Borgov, un antagonista de palla, xa que a verdadeira inimiga na trama é ela mesma.

Unha parte da narrativa cubre a súa evolución persoal, onde a historia explora o tropo “coming of age”, misturando comedia e drama, destacando as relacións familiares coa súa madrasta, e como vai descubrindo gustos persoais máis aló do xadrez, así como a competición afecta a sú vida persoal. Esta evolución faise dunha forma suxerente e a fantástica actuación de Taylor-Joy esconde o espíritu e as ambicións da protagonista, tratando de enganarnos, constrúindo ese engano ou gambito cara nós.

Estas barreiras derrúbanse no último terzo da serie, cando Harmon pasa a ser un prototipo metade “femme fatale”, metade “enfant terrible” do xadrez, explorando as relacións sentimentais e a súa caída nunha espiral autodestrutiva, feitos que se expoñen dunha maneira agresiva e evidente, máis estándar, decaendo un pouco o ritmo da serie en xeral.

Desde unha visión global, a rapaza percorre case un “camiño da heroína”, onde os movementos destrutivos preceden a un gran clímax, onde a maquinaria do espectáculo se pon a traballar, buscando unha emotividade artifical, cunha banda sonora que empeza a retumbar coma se estivésemos nun filme de Nolan, e se constrúe o típico enfrontamento entre as dúas potencias mundiais (tamén no xadrez) do momento, que por momentos raia a propaganda antisoviética que xa vimos en Chernobyl (2019) ou Stranger Things (2016).

A outra parte da miniserie céntrase no xadrez, e a propia representación do mesmo. A serie convírtese por momentos no prototipo de relato de deportes americano, puro espectáculo, construción de tensión e de momentos climáticos épicos, cousas que podemos ver en filmes coma Invictus (2009) ou na recente The Last Dance (2019).

Esta serie de elementos non sorprenderían de non ser porque estamos vendo partidas de xadrez, onde por suposto o espectador medio (inclúome, evidentemente) apenas se entera do que está a pasar, pero é que da igual, porque caemos nun ritmo que vai das secuencias lentas e pausadas, repletas de primeiros planos que integran as partidas importantes, cara o ritmo frenético das partidas que menos importan, onde se expón a parte competitiva da protagonista, unha auténtica devoradora de rivais, instintiva, agresiva e rabiosa cando se ve en apuros.

Gambito de dama é unha serie cunha primeira metade espectacular, que deixa en xaque ao espectador que espera unha historia sobre xadrez e atopa un relato unipersoal construído habilmente e baseado nunha actuación estupenda. E aínda que trata de buscar o “mate”, os últimos movementos ou capítulos fanse demasiado evidentes, e comezamos a cheirar como vai rematar á xogada. Deste xeito, cada un pode decidir se rendirse, comer á raíña, ou empatar tranquilamente.

Creadores: Scott Frank, Allan Scott
Guión: Scott Frank
Fotografía: Steven Meizler
Música: Carlos Rafael River
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.