‘Gardiáns da noite: Tren infinito’: O triunfo do bo facer

O primeiro que debo aclarar é que vexo anime con asiduidade dende hai moitos anos. Vexo a meirande parte dos filmes que chegan a nós dende Japón. Normalmente non teño a oportunidade de falar de eles porque, polo menos dende o meu modo de ver, non teñen aquí a relevancia suficiente para que a alguén lle interese ler sobre eles. Pero Gardiáns da noite: Tren infinito parece que transcende por moito os marxes poboados por aqueles que non nos duchamos demasiado.

E iso soamente se pode entender co contexto do que vén o filme. A primeira tempada de Kimetsu no Jaiba -perdoade a xaponesada- foi un éxito. E non pola historia que contaba. Ao final a serie non deixa de ser o típico shonen de batalla co seu protagonista querendo salvar o mundo, os seus arcos de adestramento, os seus compañeiros, os seus momentos de comedia dun humor cuestionable e os seus climax espectaculares. Entón, que ocorre? Pois que por unha vez se deixou traballar ao estudo de animación como debía.

Para quen non coñeza os procesos de creación de animes semanais, dicir que as condicións laborais son malas sería amable. Os traballadores teñen que crear a contra o reloxo o capítulo sen importar cantas horas usen para iso. E Kimetsu no Jaiba demostrou que o resultado é moito mellor se iso non ocorría, para sorpresa de ninguén. De feito, os cinco primeiros episodios da serie foron estreados nos cines xaponeses. E ter cinco semanas de traballo adiantado, parece mentira pero na industria da animación xaponesa é algo moi pouco habitual.

O resultado foi un éxito, cunha animación espectacular mesturando 2D e 3D, unha dirección moi destacable e unha banda sonora moi coidada. Fórmula que seguiu o estudo MAPPA coa adaptación de Jujutsu Kaisen con tamén moi bo resultado. Todo iso trasládase a película ao 100%, pero con aínda máis forza. Obviamente os estándares de produción dunha longametraxe son aínda máis altos, e no técnico Gardiáns da noite: Tren infinito é incontestable.

A nivel argumental, é unha secuela da serie que contén todos os elementos da mesma. O que nos narra de novo é a típica historia do shonen: Batallas espectaculares, o protagonista sendo o máis épico do mundo e momentos dramáticos enormes cunha gran banda sonora por detrás. Prometía iso e cumpre ás mil marabillas.

O primeiro antagonista é un demo que utiliza como arma os soños e se utiliza isto para darnos contexto dos personaxes novos e os antigos. Por unha banda, é intelixente, xa que esta información doutro xeito viría nos típicos flashbacks do medio e está integrado da batalla. Por outro, o propio contexto obriga a elaborar soños de todos os personaxes, aínda que algún sexa irrelevante e lle quite ritmo ao resultado.

Despois de derrotalo aparece o inimigo final. En todo caso, non vou entrar en destripes, pero a derradeira media hora é o motivo polo que os que vemos anime seguimos consumindo ese medio. Grazas a gran calidade da animación, dirección e banda sonora crease un ambiente onde os sentimentos están a flor de pel aínda que o que nos conte sexa, repito, o de sempre. Un triunfo do bo facer. Porque hai poucas cousas que se desfruten máis que unha película de entretemento ben feita. E Guardiáns da noite: O tren infinito o é.

Director: Haruo Sotozaki
Guión:Koyoharu Gotōge
Fotografía: Animación
Música: Yuki Kajiura, Go Shiina
Ano: 2020
País: Francia
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.