‘Gunda’: A diferencia entre ver e mirar

Nos últimos anos son cada vez máis habituais os ecodocumentais. É innegable que tanto para os autores de audiovisual como para gran parte do público, o medio ambiente é cada vez máis relevante. O problema con este xénero é que na súa meirande parte lamentablemente son películas que sacrifican a súa calidade pola súa mensaxe, que poden chegar a funcionar como elemento propagandístico, pero que non queda máis transcendencia no tempo.

En concreto, os que intentan concienciar sobre o maltrato animal nas granxas adoitan abordar o tema con imaxes de impacto. Outros, humanizan aos seres vivos para dotalos de sentimentos semellantes aos dos humanos e así lograr empatía. Gunda, o documental de Viktor Kossakovsky, desbota todo iso para lograr unha mensaxe igual de potente facendo algo relevante e incluso único.

Gunda é a nosa protagonista. Gunda é nai é e unha porca que vive nunha granxa. O filme comeza presentándonos aos seus fillos en plano fixo. Na primeira secuencia xa aparecen todas as claves da película. Unha aposta polo branco e negro e pola ausencia de voz en off, a cámara á altura dos animais para captar o seu punto de vista, un ritmo lento e pausado e unha fotografía absolutamente espectacular.

Porque os animais non teñen presa, simplemente viven. O filme entra en diálogo cun espectador que adoita vivir escravo dos estímulos e dende o principio establece as regras do xogo. Os animais non viven rápido, e así se reflicte na montaxe, outro dos grandes acertos do filme. Todo captado cun obxectivo macro bastante difícil de utilizar. O resultados son unhas imaxes espectaculares e incluso únicas.

Porque ademais da dificultade de lograr que todo filme sexa o nítido que é tendo en conta as condicións da gravación, a cámara sempre é íntima pero o suficientemente afastada para que os animais se comporten como se non houbera acción humana. É unha cuestión sorprendente e que é o alma da película. Lograr imaxes dos animais sendo animais, no bo sentido.

Porque Gunda fálanos sobre a maternidade e  sobre a liberdade dende algo tan pequeno como uns porcos, unhas vacas e unhas galiñas vivindo nunha granxa. Ademais, o filme non fuxe da acción humana, nin do destino fatal das personaxes establecendo unha aposta audiovisual radical e consciente a nivel formal.

Esta película presenta o camiño contrario á meirande parte dos ecodocumentais, porque non busca demostrar que os animais teñan sentimentos como o ser humano, senón que o ser humano comparte moitas cousas cos animais, que non é o mesmo. Absolutamente todo na película está pensado para iso e o resultado é máis que redondo.

O filme vaise ao máis primixenio do cinema (o branco e negro, a ausencia de diálogos…) para establecer un relato puramente vangardista cun resultado dificilmente comparable a outro elemento audiovisual anterior. Gunda intenta mostrar as cousas como son dende un punto de vista moi particular. Dende un punto de vista non humano.

Dirección: Viktor Kossakovsky
Guión: Viktor Kossakovsky, Ainara Vera
Fotografía: Viktor Kossakovsky, Egil Håskjold Larsen
Ano: 2020
País: Noruega
5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.