‘Hai vida en Bran?’, unha webserie galega que retrata a unha xeración

Unha comedia con grandes capas detrás do que se conta

Hai vida en Bran?, é unha das numerosas webseries creadas no marco do festival Carballo Interplay ao que tanto lle debe o audiovisual galego dos últimos anos e a gañadora do certame en 2017. Esta obra xa se pode ver en Youtube dun xeito libre. Creada por Ángela Andrada, explora como a través da imaxinación de Mariña, a protagonista, chega a Bran un extraterrestre á vida da mesma á vez que ten que comezar a traballar obrigada nunha gasolineira.

Antes de comezar a analizar a obra, é importante contextualizar. Non penso que sexa xusto analizala cos mesmos criterios que outro tipo de obra audiovisual máis grande. En primeiro lugar polo propio formato, catro episodios de doce minutos, que fan que a historia se condense máis do ideal. Tampouco é adecuado facer unha valoración en canto a estándares técnicos igualitaria respecto a outras producións, xa que conta cun orzamento mínimo e está creada nun contexto onde importa máis a creación por si mesma e a experimentación que o resultado.

UN RETRATO XERACIONAL

A pesar destas consideracións, é innegable que Hai vida en Bran? é unha obra cargada de boas ideas, fresca, cun sentido do humor moi efectivo e que retrata moi ben a unha xeración. Unha xeración criada a través dun televisor, o que en Galicia tornou a chamarse Xeración Xabarín, que lle inflaron de soños e lle prometeron que se facían unha carreira universitaria terían porvir, como é o caso da protagonista.

Ao final Mariña tras catro anos na cidade, ten que volver a Bran, un pobo onde nacen poucos rapaces e os que prosperan non quedan no pobo, xa que hai unha mestura entre unha escaseza de oportunidades e unha grande estigma á hora de vivir. Ao final Bran pode non existir, ser unha localización ficticia, pero retrata moi ben gran parte do rural galego e a relación da mocidade co mesmo.

Se ben, como xa se dixo anteriormente, o guión e o desenvolvemento das personaxes está limitado polo formato, existe un esforzo para que exista. Ás veces dun xeito abrupto si, pero a historia avanza e os personaxes maduran a pesar do escaso metraxe.

Ademais, se algo hai que premiar é a desbordante imaxinación do guión. Un extraterrestre ao que lle gusta a canela, un grupo de punk inexistente chamado O peto máxico con ton máis nostálxico -aínda sen existir- que construtivo, un clímax narrativo a través do penalti de Djuckic que tanto amolou a metade de Galicia e que causou a outra partes dos galegos (aínda que moitos o digan coa boca pequena) unha grande ledicia. Pero esa xa é outra historia e pouco ten que ver co audivisual.

BANDA SONORA

Outro elemento destacado é unha banda sonora que conecta perfectamente o pasado co presente. Dende O Caimán do Río Tea ata a Familia Camagno. Dende a infancia da actual mocidade ata o presente incerto. Unido a momentos enxeñosos como a incorporación de momentos de metacine ou xiros de guión non sorpresivos mais si intelixentes fan da webserie unha obra moito máis solvente do que parece nos seus primeiros minutos de visionado.

Hai vida en Bran? mostra unha vez máis como se pode facer crítica social a través da comedia, ou máis ben como a mellor comedia é a que ten moitas capas detrás dos chistes por moi absurdos que sexan. Unha obra imperfecta mais coa vocación de selo. Unha obra máis saída do Carballo Interplay que ven pisando moi forte.

Dirección: Ángela Andrada
Guión: Ángela Andrada
Fotografía: Oscar Cajide "Capi"
Música: Varios
Ano: 2017
País: Galicia
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.