“Historia dun matrimonio”: Bágoas e unha ruptura realista

O guión e as fantásticas interpretacións colócana entre os mellores títulos do ano

Historia dun Matrimonio é a consagración de Noah Baumbach como un dos mellores directores da súa xeración, se aínda facía falta, claro. O que fai anos era un autor prometedor, remata de culminar a súa parábola ata o cumio da súa carreira. Protagonizada por Scarlett Johansson e Adam Driver e distribuída por Netflix, conta o divorcio e os problemas que pode levar a separación dunha parella a todos os niveis.

En 2005, Baumbach sacaba á luz Unha historia de Brooklyn, un filme sobre o divorcio dende o punto de vista do neno e baseado no dos seus pais. En Historia dun Matrimonio o punto de vista é o do adulto e o divorcio no que se basea é do propio director. Soamente así se pode entender a gran sensibilidade coa que Baumbach trata o tema. En cada plano hai unha mestura de nostalxia e dor xuntados co gran detalle de todo o proceso.

CATÁRTICA E HUMANA

O filme narra o comezo do desamor entre os dous personaxes que se desemboca nunha encarnizada loita legal onde ninguén ten a razón e ninguén se equivoca. Tamén a volta a vivir dun xeito normal a nivel emocional tras a ruptura. Unha obra que soamente se pode definir como catártica e humana nun mundo onde o amor parece de plástico.

O inicio da película é enorme. Ambos personaxes contan en off todas as cousas boas que ten o outro en imaxes preciosas do que parece unha parella idílica, ata que tras as dúas secuencias rompe e se presenta a situación. Esta é a historia de dúas persoas que esqueceron o que lles fixo quererse, pero que en boa medida aínda non saben todo o que non se queren. Son ás circunstancias externas o que fai que todo se precipite polo peor dos camiños.

UN EXEMPLO DE GUIÓN E INTERPRETACIÓNS

O guión está escrito polo propio Baumbach e é o que máis destaca do filme. Póñense á luz as contradicións que viven os dous personaxes principais, onde os rancores escondidos saen á luz nun caldo de cultivo adecuado. Todo se agrava tendo en conta que hai un neno de por medio que sen dúbida ambos queren, pero ao final esta e outras preocupacións xenuínas rematan transformándose nunha pugna egocéntrica. Un loita de dolorosa coherencia e sen fisuras.

As interpretacións de Driver e Johansson son asombrosas. Ambos presentan os mellores papeis da súa carreira. Son expresivas pero facendo un exercicio de contención ao mesmo tempo para no climax do filme expulsar todo o contido nunha desas secuencias tan asombrosas que queres ver unha e outra vez. Ademais, poucas veces se veu unha parella con tanta química no cinema. Aínda que isto non sexa en absoluto unha historia de amor, hai moito amor de por medio, ou polo menos moito oco que causou ese amor.

DENUNCIA AOS AVOGADOS

Historia dun matrimonio fai unha denuncia firme en contra dos avogados que pouco ou nada lles importa a situación do seu cliente senon gañar custe o que custe por lanzar as súas propias carreiras e engrosar o seu peto. Porén, faise unha defensa dun sistema do sistema nun dos momentos máis críticos do filme respecto á figura da muller e da nai para a xustiza.

Non é oportuno desvelar o final, mais o desenlace é tan coherente como valente. Foxe do melodrama e da tormenta perfecta de dor e de tristeza na que se estaba convertendo o filme para apelar á natureza humana, a comprensión e a que a vida segue a pesar dos problemas. Non dun xeito estático, pero segue. Incluso, co tempo, pódense superar as bágoas que causa este filme.

Dirección: Noah Baumbach
Guión: Noah Baumbach
Fotografía: Robbie Ryan
Música: Randy Newman
Ano: 2019
País: Estados Unidos
4