I CARE A LOT (2021) Rosamund Pike as Marla. Cr: Seacia Pavao/NETFLIX

‘I Care a Lot’: Mentalidade de tiburón

I Care a Lot, o filme de J Blakeson, presenta mediante unha mestura de comedia con thriller, unha sátira do neoliberalismo máis exacerbado. A representación ao límite da mentalidade que prima nos últimos tempos na rede e que todo o mundo asociará a contido con expresión como “consegue ser o teu propio xefe” ou mentalidade de tiburón. Do tiburao que diría Darío Eme Hache.

A obra centra os seus primeiros minutos en que odiemos á protagonista, interpretada por Rosamund Pike, unha muller que se dedica a estafar o Estado. E non de calquera xeito, posúe unha empresa no que se aproveita de persoas maiores que non poden valerse por si mesmas para roubarlle as súas pertenzas e bens. É unha mala persoa, pero unha mala persoa das que existen de verdade.

E aquí eu creo que é a primeiro erro do filme. Inténtase establecer unha relación de odio entre protagonista e espectador. É unha personaxe absolutamente negativa e é complicado elaborar narrativas dramáticas con eles. E aquí simplemente non se consegue. Cando toca ser benevolente con ela por circunstancias, é terriblemente insatisfactorio para o espectador.

Sen dúbida, a primeira hora de filme funciona. Prima a comedia, unha comedia bastante negra. Está ben escrita. Non gustará a todo o mundo pola súa temática, pero cumpre. Ademais, é interesante ver como cada vez hai máis roles femininos neste tipo de papeis, onde hai poucos anos estaría protagonizado por un Owen Wilson ou un Eddie Murphy, aquí Rosamund Pike desenvólvese á perfección.

Ademais nun ton tolo, I Care a Lot é moi divertida. Posúe un antagonista carismático encadrado nun ambiente cómico. Os momentos onde nada ten sentido nin consecuencias son increíbles. Pero o filme elixe na súa segunda parte ser serio introducindo o elemento da morte como ameaza e dotándoo dunha seriedade que lle senta bastante mal.

Sobre todo porque non é consecuente. Hai un momento da película onde a historia da protagonista non ten saída, morrer ou morrer. Ou claro, salvala dun xeito irreal que non sería negativo se non se establecera previamente que a película quería ser máis transcendental. Da a sensación que non se sabe que se quería facer con ela e optaron por contentar a todo o mundo. Semella que había diverxencias creativas no equipo e ao final o resultado e un arroz con cousas que fai de I Care a Lot unha película interesante en ocasións e frustrante noutras.

Un comezo valente e interesante disólvese como azucre nun té verde. Se durara media hora menos, sería mellor, máis satisfactoria e funcionaría mellor. Pero de novo, a ditadura das dúas horas nos longametraxes. Aínda que diso falaremos outro día. A informacións de pouco en pouco, que hai que construír un imperio.

Director:J Blakeson
Guión: J Blakeson
Fotografía: Doug Emmett, Mike Valentine
Música: Marc Canham
Ano: 2020
País: Reino Unido
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.