‘Jojo Rabbit’: Satirizando sen medo ao tabú

Facer unha película sobre a Alemaña Nazi case sempre é unha aposta segura. Sobre todo cando se trata dunha sátira de produción estadounidense, non adoita faltar o éxito correcto en taquilla, nin tampouco as nomeacións aos grandes premios. E Jojo Rabbit non ía ser menos. Tras levarse o premio do público á Mellor Película no Festival de Toronto, conseguiu colarse nas en seis categorías dos Oscars, entre as que destacan Mellor Película e Mellor Guión Adaptado.

A primeira vista, podería sorprender que un dos directores da saga de Thor se somerxese por completo nun proxecto así. Porén o resto da filmografía de Taika Waititi xa apuntaba maneiras: dirixiu tanto O que facemos nas sombras como a súa adaptación televisiva, e entre outros traballos menores podemos atopalo como guionista da serie de culto The Conchords ou da -terrible- versión estadounidense de The Inbetweeners.

Libre adaptación da novela de Christine Leunens, O ceo engaiolado, o filme conta a historia de Jojo (Roman Griffin Davis), un neno fanático de Hitler -co que conversa na súa imaxinación, encarnado polo propio Waititi- no crepúsculo da Alemaña Nazi. Pero a contradición chega cando descobre que a súa nai (Scarlett Johansson) agocha no faiado a Elsa (Thomasin McKenzie), unha nena xudía.

Un dos aspectos máis destacables da película é o seu modo de introspección: o punto de vista é o dun neno de 10 anos, logrando retratar impecablemente o conflito entre a atroz ideoloxía que o rodea e atrapa e o descubrimento do amor e a amizada máis alá das división entre etnias. Moitos falan de Jojo Rabbit como unha nova A vida é bela, pero a comparación non fai xustiza ao nivel de dificultade ao que se enfronta Waititi. A Jojo non se lle engana e cobre cun velo de inxenuidade; Jojo ve en primeira persoa as cruezas do nazismo e da guerra e participa delas dotando ao modelo de interpelación co espectador dunha intelixencia e dunha agudeza extraordinaria.

Pero os problemas xorden ao introducir a sátira na ecuación. Mesturar o humor coas condicións máis inhumanas ás que se someteu o primeiro mundo no último século supón unha tarefa que precisa dunha alta sofisticación, e que Jojo Rabbit non sempre consegue. Ao filme non se lle pode reprochar como derruba as barreiras do tabú, e mesmo resulta reconfortante como é capaz de contentar tanto ao público máis ofendido como ao máis insolente. O maior fallo da película provén do xogo entre emotividade e risa: os gags que se superpoñen sobre momentos de tensión incomodan e incordian en moitas ocasións, desubicando e rebentando o equilibrio satírico.

Porque Jojo Rabbit, ao fin e ao cabo, copia descaradamente a Wes Anderson. No seu punto de partida, incluso parece unha adaptación de Moonrise Kingdom ao réxime nazi. O one-point perspective xa o desenvolvera moito antes e moito mellor Stanley Kubrick, pero Anderson dotouno dunha marca persoal única. Waititi e Malaimare Jr. non o fan. A fotografía, a composición e a paleta de cores beben completamente d’O Gran Hotel Budapest e Viaxe a Darjeeling, e tampouco se esforzan en ocultalo. E aínda que cada fotograma sexa un deleite ao ollo, a obrigada comparación sempre deixará a Jojo Rabbit no peor lugar: o tratamento e o humor de Anderson é moito máis sofisticado.

Porén Jojo Rabbit ten moitos puntos fortes, e non merece ser desprestixiada. O nivel das interpretacións é altísimo, sobre a que sobresae unha colosal Scarlett Johansson entre todas. E aínda que se atope moi lonxe das grandes sátiras do nazismo, como Ser Ou Non Ser de Lubtisch, O Gran Ditador de Chaplin ou Malditos Bastardos de Tarantino, é unha película de visión agradable. E o seu valor último, ante todo, é a súa intelixente capacidade de evadir as críticas sen ser explicitamente intolerante co nazismo.

Director: Taika Waititi
Guión: Taika Waititi
Fotografía: Mihai Malaimare Jr.
Música: Michael Giaccino
Ano: 2019
País: Estados Unidos
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.