‘Josep’: Arte e memoria histórica

Josep non é unha historia máis sobre a Guerra Civil, nin sequera unha historia de vida desenvolta con este conflito bélico como fondo. Cando pensábamos que o tema xa non se podía estirar máis, o debuxante de prensa francés Aurel nárranos unha nova historia sobre a Guerra Civil na que tanto a forma como o contido se atopan cheos de frescura.

A sinopse lévanos, á vez que recupera a memoria do esquecido debuxante e sindicalista catalán Josep Bartolí, a unha realidade sobre que apenas se fala en España e en Francia: a das condicións infrahumanas e a violencia padecida polos refuxiados de guerra españois nos campos de concentración franceses despois da Retirada. Trátase, pois, dunha historia de violencia acontecida no marco da Guerra Civil, pero fóra das fronteiras do réxime franquista. Á vez, o filme fálanos da amizade trabada entre dúas persoas, situadas a un e outro lado dos arames de púas construídos tras a retirada polo Estado galo, e da fraternidade como acto de desobediencia ás directrices da República Francesa.

Pero o contido do filme non o constitúe o desenvolvemento dun relato historiográfico, senon unha historia construída dende a memoria. É dicir, Josep non nos conta unha experiencia persoal na guerra, se non o relato que a memoria dun ancián constrúe sobre a mesma, torneada pola distancia cronolóxica respecto ós feitos e pola senilidade de quen está a pensar neles. Ademais, esta memoria ten unha particularidade: Está construída con imaxes, concretamente cos debuxos que o ilustrador catalán Josep Bartolí realiza para contar a dureza do vivido nos campos de concentración tras ter cruzado a fronteira pirenaica tras a caída de Barcelona.

Aurel tráenos as ilustracións coas que Bartolí narrou o seu paso polos campos de concentración directamente á mirada do espectador, posto que son a materia que da a forma visual ó filme. A forma do mesmo está coidadosamente escollida, xa que estamos ante unha película de animación na que o estilo ilustrativo inspírase no de Josep, que era á vez realista e expresionista, chegando a reproducir directamente as súas propias ilustracións.

Por outro lado, o formato da narración dos feitos, no que o avó nárralle ó neto as súas lembranzas sobre a guerra, mantidas ó longo de unhas oito décadas a través dos debuxos que conserva sobre eses tempos. Isto é algo que nos leva directamente á maneira na que no século XXI coñecemos as historias de vida na Guerra Civil, mediante narracións da memoria dos avós, atravesadas polos documentos que conservaron da mesma, e polos cales se repensaron os feitos durante décadas.

As escenas gráficas son simples, abocetadas, máis propias do debuxo tradicional que da animación industrial, unha aposta gañadora pola austeridade. A través delas, Aurel logra crear atmosferas envolventes que son quen de transmitir ó espectador emocións evocadas dende o histórico e dende o íntimo. Ditas lembranzas espertan na memoria do comunicador, e para iso conta co apoio do uso da cor e da banda sonora, a cargo de Silvia Pérez Cruz, que evolucionan ó compás da narración. Escuros nos campos de concentración, e luminosos tras a saída deles. Josep é, en definitiva, un relato sobre a Guerra Civil articulado entorno a dous conceptos que van da man ó longo do filme: a memoria histórica e o arte.

Director: Aurel
Guión: Jean-Louis Milesi.
Fotografía: Animaciónbr> Música: Silvia Pérez-Cruz
Ano: 2020
País: Francia
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.