‘Kimi’, un tecnothriller para tempos de pandemia

Na maior parte do cine, os personaxes non utilizan seus smartphones, ou polo menos, fano dunha maneira que non evidencia nin o máis mínimo a adicción que moitos de nos temos a desbloquear as súas pantallas. Semella que Hollywood comprende que cando a xente se pon unha película faino para esquecerse de partes da súa vida como o muro de Facebook. Probablemente por esta mesma razón apenas ningunha película filmada tras a chegada da pandemia do covid fai referencia a existencia do virus, como se nada disto tivese acontecido.

Porén, en ‘Kimi’ os personaxes utilizan seus teléfonos móviles, poñen a mascarilla e escoitan a Billie Eilish. Trátase sen lugar a dúbidas dunha película moi consciente do seu tempo, que aborda cuestións como a ansiedade, a cada vez maior presencia da tecnoloxía das nosas vidas e as súas consecuencias, como a desaparición de boa parte da privacidade persoal e o auxe das megacorporacións de Silicon Valley, que aínda con máis frecuencia da que estamos acostumados amosan que antepoñen o desexo de incrementar seus beneficios ante todo.

Máis alá das grandes productóns das plataformas, os filmes que se estrean directamente en streaming son unha auténtica lotería. Algúns deles esconden ideas sorprendentes e unha realización atrevida que certas produtoras non se atreveron a levar as salas de cine, mentras que outros limítanse a ser auténticos fracasos. A última película de Steven Soderbergh consegue situarse máis preto do primeiro grupo, cunha cinta que esconde ecos a clásicos como “Blow-Up” de Antonioni, “A conversación” de Francis Ford Coppola ou mesmo “A ventá indiscreta” de Hitchcock trasladadas a unha realidade actual que fai apenas un par de anos podería ter semellado de ciencia ficción.

O filme comeza con Angela Childs, o personaxe protagonista interpretado por Zoë Kravitz, preparándose coidadamente para saír da casa para finalmente ser incapaz de abrir a porta. Esta traballadora dunha grande tecnolóxica agorafóbica que por momentos semella unha versión menos estilizada da Lisbeth Salander da saga ‘Millenium’, descubre probas grabadas dun crime violento gravadas mediante unha sorte de altavoz Alexa que a convirten en certa maneira nunha testemuña a distancia.

Soderberg filma este tecnothriller convinando moitos dos recursos cinematográficos propios do xénero con escenas nas que emprega a cámara de forma máis expresiva pero sen chegar a ser caricaturesca. Podería dicirse que esta película conta co paseo pola rúa máis desconcertante, ansioso e psicodélico da historia do cine. Por outra banda, os acontecementos da historia desenvólvense sen grandes saltos temporais e por momentos en tempo real, mantendo unha tensión constante nun filme no que prácticamente dende o comezo sabemos quén é o asasino.

‘Kimi’ pode semellar unha película sinxela, cunha execución correcta e entretida pero que non chega moito máis lonxe. Porén, esta trama esconde unha reflexión sobre o papel da tecnoloxía na nosa sociedade moito máis complexa e interesante do que pode parecer nun primeiro momento. Por unha banda a película non ten medo a amosar que boa parte da tecnoloxía que empregamos a día de hoxe pode funcionar como auténticos dispositivos de espionaxe que nos poñen nas mans das compañías que os comercializan ou mesmo de calquera persoa que se faga co seu control acabando coa nosa privacidade e en certa maneira poñendo en risco a nosa liberdade.

Por outro lado, o altavoz intelixente en forma de Alexa que da título a esta película é o desencadeante da trama, que permite dar a coñecer o crime e mesmo no desenlace axudar ao personaxe de Angela. Unha decisión de guión que non parece casual despois de que nos últimos anos imaxes gravadas por teléfonos móviles e difundidas nas redes sacaran á luz dende casos de abuso de poder a crimes como por exemplo o asasinato de George Floyd. Esta película non trata á tecnoloxía como unha sorte de condenación para a humanidade, senón que como un cambio de paradigma social con repercusións en todos os sentidos.

Trátase probablemente unha relexión máis complexa que a de moitos episodios de ‘Black Mirror’ a pesar de que o filme non se toma tan en serio a si mesmo como esta serie. O que si queda claro, é que os directivos das grandes tecnolóxicas non saen tan ben parados nesta historia.

Dirección: Steven Soderbergh
Guión: David Koepp
Fotografía: Steven Soderbergh
Música: Cliff Martinez
Ano: 2022
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.