‘Last Night in Soho’: Edgar Wright e a crise dos corenta

Edgar Wright é un director que leva xa moito tempo gañándose un lugar propio dentro da industria cinematográfica. Máis aló da súa grande habilidade para xuntar xéneros, facer películas de moi grande calidade destinadas a un gran público ou ter un grande talento para conseguir o plano preciso ou o movemento de cámara perfecto, realmente a súa maior virtude é molar. Ninguén mola tanto como Edgar.

Nas películas de Wright séguese unha lóxica interesante que impera no cine fantástico. Importa máis o momento que o esqueleto, ser espectacular e deixar coa boa aberta e un sonrriso que ter un guión blindado. A maxia é que este director consegue que a meirande parte dos seus filmes sexan instantes de celebración constantes e logra dotalos de elementos o suficientemente robustos para que as súas películas sexan todas e cada un destacables canto menos.

E chegamos a Last Time in Soho, a obra que busca transcender máis conscientemente do director. É un thriller psicolóxico vehiculizado entre o presente e os anos 60. A protagonista é unha rapaza que estudia moda en Londres marcada polo suicidio da súa nai. En pouco tempo comproba que a través dun espello pode ver o mundo marabilloso da capital inglesa no pasado que esconde un par de segredos importantes detrás das luces de neón.

Un neón que ten un protagonismo especial no filme e que bebe firmemente do giallo de Mario Bava. Ao contrario de moitos filmes, Wright trata as súas referencias con moito respeto e teñen un sentido na película. Logra darlles unha semántica nova, pero consecuentes co seu significado orixinal. Neste sentido a película está notablemente traballada.

Porque detrás de Last Night in Soho hai moito traballo, iso é indubidable. Unha posta en escena moi destacable, con xogos visuais moi interesantes para representar o cambio das dúas épocas, e unha montaxe que crea tensión cando toca e a descarga cando é necesario. A nivel formal probablemente sexa a película máis manierista (no bo sentido) de Edgar Wright. A banda sonora tamén merece un recoñecemento, encabezada polo Downtown de Petula Clark e que é interpretada maxistralmente por Ana Taylor-Joy.

Malia que o filme é un thiller psicolóxico con todas as da lei, como é habitual no director mésturanse xéneros. Aperta o terror coa mesma forza que o fantástico e o musical coa mesma que o drama. Consegue incluso establecer un diálogo metacinematográfico sobre como a imaxe se converte en pesadelo, sobre como as imaxinacións derivadas dunha realidade pasada son quen de consumir o presente. O resultado é un equilibrio fráxil por momentos pero que sae adiante con contundencia.

Outra conclusión que sería interesante sacar de Last Night in Soho é que Edgar Wright estase a facer maior. Non no sentido de senil nin moito menos, pero tampouco quero dicir simplemente que o seu cine é máis maduro. Simplemente que no que conta e en como o conta xa non hai esa xuventude abrumadora que se pode en filmes como Scott Pilgrim contra o mundo. É algo natural, pero nesta ocasión non basta con contar unha historia, senón que conscientemente quere buscar poso, como se quixera ter un lugar no mundo. Como se a estas alturas fixera falta. Por momentos incluso parece que aos seus corenta e sete anos chegoulle a crise tardía dos corenta.

Isto por unha parte déixanos un filme máis complexo que en anteriores ocasións, pero precisamente por iso mesmo erra nalgúns puntos na execución. Hai momentos de metraxe que alguén podería dicir que sobran, pero sobre todo a película pecha dun xeito torpe practicamente por primeira vez na carrera de Wright do mesmo xeito que lle custa arrancar. A noite no Soho parece que foi demasiado longa para algúns.

A obra de Edgar Wright é tan brillante que é ata inxusto comparar as súas películas entre si, e en todo caso, Last Night in Soho é unha película moi destacable. Pode no ser o mellor filme do ano, pero dende logo vexo complicado que non esta no top 10 desas listas que se publican o mes que ven. Digo isto sen ver moitos filmes interesantes, pero iso xa é outra historia que se vivirá cunha pinta de cervexa. Antes toca volver facer maratón de todas as películas de Edgar. É o que ten molar

Dirección: Edgar Wright
Guión: Krysty Wilson-Cairns, Edgar Wright
Fotografía: Chung Chung-hoon
Música: Ramin Djawadi
Ano: 2021
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.