“Longa Noite” de Pedra (sen Celso Emilio)

Longa Noite, a segunda longametraxe de Eloy Enciso tras Arraianose distribuída por Numax, é un filme que se podería interpretar como un drama histórico pero que fuxe de case calquera convención establecida ao redor do xénero. É unha película que vai máis aló da denuncia e invoca un cinema sobre a memoria, pero non soamente sobre a necesaria memoria sobre o franquismo, tenta ir máis aló.

O guión está construído a través de diferentes fragmentos de textos de autores como Max Aub e Luís Seoane e mediante cartas de presos da época. Isto implica un proceso de preprodución enorme de busca, selección e edición, aínda que hai que dicir que existe un enorme respecto pola fonte orixinal.

As personaxes teñen comportamentos presentes na época, pero que persisten dun xeito claro na sociedade actual, xa sexa por herdanza da época ou por comportamento intrínseco do ser humano. Persoas reprimidas, persoas con medo, persoas que queren aproveitarse dunha situación adversa para medrar… e como non o xa tan manido “non te metas en política, meu fillo”, unha frase tan escoitada como dotada de transfundo. Todo isto dálle un carácter de certa atemporalidade ao filme, unha visión periférica.

CARTA AOS DESCENDENTES

Na primeira parte da obra predominan os textos de xénero dramático e iso nótase da interpretación e no ritmo interno das escenas, cunha grande musicalidade, pero nas que non se remata de entrar pola amalgama de xéneros. Non é ata pasados corenta minutos onde comeza a destaparse na súa totalidade. O xénero epistolar entra totalmente no filme a través de monólogos interpretados dun xeito notable e acompañados cunha elevada forza atmosférica.

Tamén coincide no momento onde a noite entra en Longa Noite do xeito máis literal posible grazas a un estupendo traballo de dirección por parte de Enciso e na fotografía dun Mauro Herce que tras O Que Arde firma outro traballo sublime. Coa única iluminación da luz da lúa -e con todo o que iso supón para conseguir gravalo-. Éntrase no escuro e o tempo practicamente detido con anterioridade, párase aínda máis ata quedar conxelado nunha cárcere natural tan bela como tremebunda. Unha metáfora visual tan impoñente como profunda.

ACTORES NON PROFESIONAIS

Os actores non son profesionais e proceden do teatro amateur galego, tan pouco reivindicado e con tanta calidade. Porén, o seu paso á gran pantalla é irregular. Algúns parecen que levan toda a vida diante dunha cámara de cinema e outros non conseguen conectar.  O son é importante e está moi coidado. Máis ben o traballo expresivo do silencio, pois non existe música extradiexética. Isto funcionaría mellor se houbera un respaldo interpretativo máis potente, pois pode producir perda nalgúns espectadores. Iso si, a aposta é máis que loable.

Longa Noite foxe da literalidade, de filmes sobre a Guerra Civil e a posguerra que se viron tantas veces. Tamén de gran parte da tradición do cinema social. Existe unha gran carga política na escolla dos textos e na fotografía, a intención do filme é innegable. Con todo, é igualmente certo que a película ten unha barreira de entrada bastante alta. Non é malo necesariamente nin moito menos, pero en ocasións parece que o filme é máis alto do que hexemonicamente debería ser, o que significa ir máis aló, pero semella que na súa subida Longa Noite deixou a Celso Emilio dentro da mochila.

Longa Noite
Dirección: Eloy Enciso
Guión: Eloy Enciso
Fotografía: Mauro Herce
Ano: 2019
País: Galicia
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.