'Loro': Un Sorrentino a medio gas

O nome de Paolo Sorrentino xa non resulta unha novidade, aínda que non fai tanto do seu verdadeiro salto á fama: Neste 2019, A Gran Beleza cumpre seis anos. Dende entón, as creacións do director italiano tiveron enriba unha presión extra, pois as sensacións que deixou naquel 2013 o filme protagonizado por Toni Servillo foron, na súa maioría, positivas. A Gran Beleza exploraba, dende a perspectiva dun personaxe clasista e misóxino, os medos a envellecer e como estes podían facer a un home así actuar.

O resultado é excelso, e digno de mención e comparación en calquera obra posterior que tratase a mesma temática, fora ou non do mesmo director. E é necesario para falar de Loro, a última película deste mesmo director, falar tamén, polo menos de maneira introdutoria, da Gran Beleza, e tamén da Xuventude. Aínda que o director tentase darlles diferenzas na trama, ao final o obxectivo é inmortalizar nas películas as mesmas sensacións e os mesmos medos, aínda que xamais conseguira un resultado de igual magnitude.

Loro parte dunha premisa moito máis pretensiosa, onde a ambición de Sorrentino é tamén retratar esa ansia que define ao que será o protagonista do filme. Este tomará agora, por e para darlle corpo ao filme, e nunca ao revés como estamos acostumados, o modo de biopic, baseándonos na vida de Silvio Berlusconi. Dotarase así de familiaridade ao filme para cos espectadores, e é que estamos ante unha das figuras máis coñecidas da política italiana. Sen dúbida, as dúas cousas que máis chamaron a atención sobre esta película foron o director e ao redor de quen xiraba esta.

O Silvio Berlusconi ensinado no filme beberá moito da sátira, e Toni Servillo recuperará o papel principal noutra filme de Sorrentino para dar vida a un papel non tan afastado daquel Jep Gambardella da Gran Beleza. Así, o Berlusconi de Sorrentino e Servillo será mesquiño, ruín, con grandes deixes dunha ignorancia cultural pouco salvable, misóxino ata a medula e incapaz de entender ou aprender dos seus continuos erros, e tampouco procurando incluso facelo, pois as súas preocupacións son outras. Mostrarásenos a un Berlusconi preocupado pola súa figura, por non quedarse en nada, e que o seu legado perdure e o seu nome non sexa esquecido. Iso si, temeroso ante a idea de que este vaia ser recordado dunha maneira errónea á que a el lle gustaría, pois tamén ten un gran amor propio do cal é incapaz de desfacerse e que lle fai ver o mundo dende uns ollos optimistamente incorrectos.

Unha vez máis, preto do desenlace, veremos como unha personaxe feminina que nin por asomo ten un papel protagonista tenta facer entrar en razón ao personaxe principal sobre os seus erros, deixándolle un poso de desasosego que irá acompañado por escenas longas onde se nos mostra a un Berlusconi pensativo e morriñento, no que parece que pouco a pouco irá entendendo o que falla, mais nunca capaz de chegar a conclusións. De igual maneira, pasou algo similar cos protagonistas das anteriores filmes de Sorrentino.

O comezo do filme, con todo, contará con detalles meramente estéticos que nos farán ver que, aínda que os obxectivos non cambiaran, Sorrentino sabe guiar e climatizar as súas creacións: entraremos nun mundo diferente aos que nos ten acostumados, onde sexo e drogas teñen un gran protagonismo, e conseguirá crear o ambiente propicio para que a historia de Silvio Berlusconi teña uns preceptos visibles. Utilizará outro protagonista para isto, un home chamado Sergio Morra cuxas intencións son facerse un sitio en todo ese mundo de desfase e corrupción no que navega continuamente Berlusconi. A principal atracción para mostrar este mundo será unha marabillosamente coreografiada escena dunha festa, onde o consumo de drogas reflexarase dunha maneira elegantemente metafórica.

Tal vez, se olláramos a creación que os espectadores italianos puideron ver —dividida en dúas longas de cen minutos—, e non a versión internacional que chegou a nós, teríamos máis que contar que un destaque finalmente inútil do meramente estético. A historia é repetitiva dentro do traballo dun Paolo Sorrentino cada vez máis estancado que, con todo, consegue que a ambientación e o biopic melloren o que nos ensinou na insulsa A Xuventude.

Loro
Director: Paolo Sorrentino
Guión: Paolo Sorrentino, Umberto Contarello
Fotografía: Sayombhu Mukdeeprom
Música: Luca Bigazzi
Ano: 2018
País: Italia
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.