‘Lúa Vermella’: A morte do Novo Cinema Galego

Hai películas importantes. Filmes que con independencia da súa calidade, marcan un camiño a seguir. O Gabinete do doutor Caligari é tan vital que o cine de xénero non se entendería sen ela. No outro extremo, O home que matou a Liberty Valance de John Ford é considerado o western crepuscular por antonomasia, o peche dun xénero que se nese momento se considerou que xa dera todo de si. Máis recentemente, igualmente importante é The Irishman, que marcou un punto e final dun xeito espiritual a un tipo de cine protagonista do século XX e parte do XXI.

A nivel galego hai demasiadas películas transcendentes. Que non se me entenda mal, en Galicia faise moitísimo cine de calidade, pero cando non tes unha industria cinematográfica normalizada, o mundo tínguese de demasiadas primeiras veces. A primeira película fantástica galega, a primeira película dirixida por una muller nova, a primeira película en galego en colleitar un Goya. Primeiras veces unha e outra vez, xa o dicía Ángel Suanzes nunha charla que tiven con el hai uns meses.

E vendo Lúa Vermella, o novo filme de Lois Patiño, por unha vez, non estaba pensando ‘é a primeira vez que se fai isto’, estaba pensando ‘isto cheira a cumio de algo’. Practicamente xa pasou unha década dende que o Novo Cinema Galego foi nomeado como tal. Un grupo de cineastas diversos pero con características comúns que viñeron revolucionar o medio en Galicia. E o fixeron, diso non cabe ningunha dúbida.

Recoñecementos a nivel mundial en festivais, un cine respectado pola crítica e a capacidade de sacar grandes películas con medios limitados totalmente envexable. Galicia é unha fábrica de talento no audiovisual. Pero débese admitir que o Novo Cinema Galego tamén tivo cousas negativas. Por unha banda, a imposibilidade (salvo excepcións moi notables) de chegar aos galegos, unha endogamia por momentos esaxerada e a sensación que todo o que se afastara das súas formas non era benvido en certos círculos. E honestamente, non pode haber nada máis negativo que iso.

FALEMOS DA PELÍCULA

Lúa Vermella converte a Lois Patiño nun dos directores máis interesantes xa non de Galicia, senón de toda Europa polo baixo. En moi poucas ocasións tiven a oportunidade de ver a alguén que encadrara mellor. A expresión -moitas veces baleira e tópica- de que cada fotograma do filme podería ser un cadro aquí se converte en literal. Cada plano transmite emocións dun xeito abraiante e o que é mais importante, é certamente polisémico e ten sentido no que quere contar. Isto únido a un apartado sonoro moi coidado que a acercan a códigos do cine de terror, fai da película un produto moi interesante.

Fiando co do principio, se hai algo relevante de Lúa Vermella é que é transcendente. Colle todas e cada unha das características que os directores do Novo Cinema Galego e ás leva ata o extremo formal: historia do ámbito rural, actores non profesionais, un tema filosófico atravesado polas lendas ou mitoloxía galegas, protagonismo do entorno para a narración, tempos afastados das fórmulas comerciais e experimentación. Un tipo de película que non debería sorprender xa a estas alturas.

Pero si que o fai, porque aquí Lois Patiño demostra todo o talento que ten. A nivel temático, Lúa Vermella funciona a modo de díptico con Costa da Morte. Se nese caso se explorara a inmensidade da paisaxe con imaxes moi potentes, nesta ocasión explórase a morte a través do tempo suspendido. A partir de aquí lógrase artellar unha historia simple arredor da figura de O Rubio de Camelle (un buzo que sacou máis de 40 corpos mortos do mar) e onde se meten polo medio elementos como as meigas e a Santa Compaña dun xeito estético sublime, pero que denotan que a pesar da calidade do filme, a súa mirada é dende fora e non dende dentro.

Especialmente destacable é o último terzo do filme, onde todo se tingue dun vermello sangue. O filme remata contendo unha narración case abstracta capaz de transmitir todo o que se propón no que remata sendo unha experiencia cinematográfica dificilmente superable. Iso por si mesmo non sostén a un filme nin o que quere contar, pero neste caso Lúa Vermella é tan arriscada, tan concreta e incluso tan suicida por momentos que non queda máis que aplaudir.

Como veño desenvolvendo ao longo de todo o texto, non só considero ao filme de Lois Patiño bo, senón importante. E esta película ben podería significar a morte do Novo Cinema Galego tal e como o coñecemos. Foi unha etiqueta necesaria, pero non se pode obviar que a día de hoxe tamén está viciada. E igual que coa ‘morte’ do neorrealismo saíron algúns dos mellores filmes italianos da historia, este ben podería ser outro caso semellante. Ou non, o tempo dirá.

Tras ver o filme, a sensación é que isto pecha un ciclo que deu moitísimas alegrías, pero que todo ten un final, é a orde natural das cousas. O Novo Cinema Galego debe rematar polo ben do cinema galego. Un cinema galego diverso onde caiba todo o mundo, esta clase de películas pero tamén outras. Porque só nunha verdadeira diversidade haberá un audiovisual galego fornecido.

Dirección: Lois Patiño
Guión: Lois Patiño
Fotografía: Lois Patiño
Ano: 2020
País: Galicia
4.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.