‘Luca’: Pixar ole a pechado

Cando hai unha estrea de Pixar, sempre se crea unha enorme expectación. O estudo de animación máis famoso de occidente así o ganou ao longo dos anos. Con películas que son fitos no audiovisual e case as primeiras lembranzas na animación para a miña xeración como Toy Story e Monstros S.A, ou filmes posteriores realmente espectaculares como Up ou Inside Out. Parecía que Pixar non tiña teito, pero parece que si.

Os últimos tempos de Pixar son grises. É complicado dicilo, pero a mellor película do estudos nos últimos tempos é Toy Story 4, unha secuela que ninguén pediu pero que agradou. E que tamén gañou o Oscar a mellor película de animación inxustamente ao enfrentarse a películas claramente superiores como Onde está o meu corpo? Ou Klaus. Está última collendo o espírito implantado por Pixar e levándoo o seu terreo.

Como dicía, Toy Story 4 estivo ben. Despois dela, viñeron Onward e Soul, que foron boas ideas executadas dun xeito mellorable. Agora chegamos a Luca. A película, ambientada en Italia, conta a historia dun adolescente que ten a particularidade de ser un monstro mariño. Lonxe de constituir a ameaza tradicionalmente asociada a estes seres, resulta ser unha persoa inocente e con moitas ganas de descubrir mundo. Un día emerxe á superficie e coñece ao que será o seu amigo Alberto e comezarán a vivir aventuras.

Luca constrúe un relato de autodescubrimento, do novas amizades, de aventura. Un verán na costa italiana aderezado cun toque fantástico. O gran tema da película é a diversidade, a tolerancia polo diferente. Algo que se ve dun xeito frontal cando os dous rapaces chegan ao pobo, deben ocultar que son criaturas mariñas nun ambiente hostil para eles. Aínda que, en realidade, os habitantes do lugar non sexan máis que persoas normais con moito medo. A película pode lerse como un chamamento á concordia no asunto a inmigración, sobre todo tendo en conta a localización italiana.

E precisamente na ambientación está o maior erro de Luca. Evidentemente, a animación é fantástica. Os fondos son preciosos e todo o que é a construción do pobo ademais de ser agradable é asombrosamente fiel á realidade. E por iso, precisamente, non era necesario que os personaxes utilizaran tópicos italianos cada cinco segundos. Esta película claramente pedía ter voces orixinais en italiano, pero se non as tes non é necesario salientar a orixe das personaxes cada cinco segundos, tanto a través das voces como polos seus xestos. Ao final remata sendo ata paródico e saca ao espectador do filme.

Por outra banda, se ben é unha película para todos os públicos que é desfrutable, cando a visionei non podía pensar que Pixar non é que non faga as cousas como antes, e que precisamente xa non aporta nada novo. Hai que respectar o seu legado, pero tamén enunciar que dende hai un tempo, o estudo non arrisca, non innova, queda no que xa sabemos que controla. E unha mesma cousa vista moitas veces, cansa. O exemplo contrario o temos nunha mesma película deste mesmo ano, Os Mitchells contra as máquinas, unha película que denota creatividade a cada minuto. Un pouco o que lle falta a Luca, que nos deu unha rima graciosa e un interior bastante baleiro que non emociona.

Dirección: Enrico Casarosa
Guión: Jesse Andrews, Mike Jones
Fotografía: Animación
Música: Dan Romer
Ano: 2021
País: Estados Unidos
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.