‘Malcolm & Marie’ e unha opinión de merda

Vivimos tempos complicados. Vai facer un ano dende o primeiro confinamento e parece que foi onte cando pensabamos que este virus “que era como unha gripe” soamente duraría unhas semanas. E comezan publicarse as primeiras películas concibidas nese contexto. Malcolm & Marie de San Levinson é un filme gravado durante o confinamento con só dous actores e practicamente nun só espazo. E aínda que a nivel temático non ten nada que ver con ese contexto, igual un pouco si.

Sam Levinson é coñecido mundialmente por ser o responsable desa marabilla chamada Euphoria. Este filme pouco ten que ver, salvo que sae Zendaya e hai planos bonitos. O dúo complétao John David Washinton. Ambos forman unha parella certamente histriónica entre un director de cine e unha ex actriz.

A trama comeza cando chegan a casa despois da estrea de éxito do home. Ela está enfadada mentres el clama ao ceo por ser o mellor director do mundo. Ela segue enfadada. El dáse conta. Resulta que o estado de ánimo da muller é produto de que el non a nomeou no discurso e agradecemento. Discuten moi forte a través de monólogos onde non se escoitan. Rematan reconciliándose. Máis tarde comeza o ciclo de novo varias veces ata que remata o filme.

MALCOLM & MARIE (L-R): ZENDAYA as MARIE, JOHN DAVID WASHINGTON as MALCOLM. DOMINIC MILLER/NETFLIX © 2021

Que non se me malinterprete, non critico as estruturas circulares, pero si as baleiras. Cal é o conflito nesta parella? Cousas que non se nos mostran ao espectador e que en moitas ocasións non logran transmitir con claridade. Búscase o conflito polo conflito dunha parella, pero sen a complexidade dos personaxes de Cassavettes ou a crueldade de Bergman. Tampouco transmite os sentimentos da recente Historia dun matrimonio, porque nese caso, o conflito está latindo todo o filme para explotar nunha das secuencias máis espectaculares dos últimos anos.

Pero aquí non. Aquí discútese moito, demasiado. Discútese incluso sen razón. Os personaxes están baleiros, son demasiados excesivos. E todo está sustentado nunha dirección preciosista que non fai se non apoiar a idea de falsidade das discusións das personaxes. O filme está baleiro e cheo de artificios. Moita pirotecnia nun ceo con nubes.

E precisamente por iso, considero conecta coa realidade. Igual que o 11-S cambiou completamente a configuración dos antagonistas no cine estadounidense, penso que esta película podería ser unha das primeiras lanzas do contexto actual. Angustia desmesurada sen razón real aparente, actuacións buscadamente sobreactuadas. Porque todos levamos un ano sobreactuando para seguir adiante. Debates estériles e redundantes onde importa máis berrar que escoitar ao contrario, como nas redes sociais, tamén a nivel político en moitas ocasións.

Esta película chea de aparencias cunha fotografía preciosa, unha banda sonora magnífica dous e estrelas como actores pero sen profundidade paréceme un dos mellores reflexos do mundo actual. De boa parte del polo menos. Estaría ben saber se Levinson o fixo a propósito ou non, cambiarían un par de cosas na miñas palabras. Polo menos, eu só interpreto un intento errado de homenaxe a Cassavettes.

Pero o meu é unha opinión. E de merda que dirían Los Punsetes. E con iso chegamos ao realmente interesante do filme, a crítica á crítica cinematográfica. O director di moitas cousas, algunhas con sentidos e outras non. En xeral, en Malcolm & Marie, fálase demasiado. Pero si que me fixo reflexionar sobre como un autor lerá as críticas de cine, como un autor lerá os meus textos feitos con toda a boa intención do mundo. Ás veces acertados e ás veces errados, por suposto.

Eu intento ser o máis rigoroso posible. Ler o máximo sobre cine para poder aplicalo logo aquí. Transmitilo do xeito menos pedante que podo e sen utilizar palabras estrañas que só reforzarían o meu ego. E aínda así, cando escribo cousas malas sobre un filme de alguén que me pode ler sufro porque ás veces me imaxino a ese director despois un ano de traballo ler unha crítica feita en 20 minutos nun traxecto en tren entre Vigo e Compostela.

Con isto non digo que as miñas opinións non sexan fundamentadas, pero seguen sendo de merda. A min Malcolm & Marie non me gustou, ao igual que non me gustan outras moitas películas, pero alégrome de que haxa xente á que si lle gustara. Sinto unha certa envexa incluso. Como digo, é filla do contexto actual e aos que non nos chega igual é que estamos demasiado afastados.

Director: Sam Levinson Guión: Sam Levinson Fotografía: Marcell Rév País: Estados Unidos Ano: 2021
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.