‘María Solinha’: Se arriscas podes perder

O novo filme de Ignacio Vilar presenta un xogo entre realidade e ficción moi pouco estimulante

María Solinha viña coa promesa de ser o filme galego do ano. Neste 2020 estraño, a nova película de Ignacio Vilar estreou en Filmin antes que en salas, do mesmo xeito que A illa das mentiras de Paula Cons. Vilar semellaba que volvía ao drama histórico, un rexistro semellante ao que desenvolveu A Esmorga, a súa mellor obra ata o de agora.

Pero non, o director de Petín decidiu arriscar na proposta. A historia de María Solinha, a muller acusada de bruxa en Cangas do Morrazo no século XVII non se ía contar así, senón a través dunha obra de teatro representada sobre a historia. Isto non é algo malo, intentar contar dun xeito pouco habitual sempre debe ser benvido, mais o problema non é o que, senón o como.

REALIDADE E FICCIÓN

Cando arriscas, podes perder. Vilar presenta un xogo entre realidade e ficción moi pouco estimulante. As dúas dimensións narrativas están conectadas a través da decisión de ensaiar a obra de teatro nos contornas naturais no que ocorreron. Deste xeito o tratamento da imaxe é indistinta se está contando algo real ou ficcionado.

Se ben a idea non é mala, está bastante mal executada. O espectador non pode entrar no drama contado porque é consciente que non é real a pesar de estar tratado como un asunto de grande importancia. Non axuda a isto a decisión de prescindir do cambio de vestiario, polo que o público observa secuencias de época que nunca vai a entender como tales. E aínda que este sexa o punto, afunde o filme a nivel narrativo.

A ficción entra na realidade fundamentalmente a través da represión cara a muller vista de diferentes formas. É unha relación evidente pero non deixa de ser loable elixir esa temática social para posicionar ao filme. Aquí o problema é que o asunto está moi sobreexplicado, conta o mesmo de diferentes formas dun xeito moi redundante para rematar nun desenlace que é calquera cousa menos sutil.  

MAL EXECUTADO

Polo tanto, atopámonos ante un filme que quere contar dúas realidades complexas e diferentes, que impón unha dificultade no espectador e quere ser ambicioso, mais só funciona en momentos moi concretos. A metraxe é excesiva, a montaxe é moi mellorable e hai un abuso da steady cam e dos movementos de cámara bastante incomprensible.

Maria Solinha é unha mostra de como querer facer un filme esixente ou dun xeito diferente ao habitual non son valores positivos por si mesmos. Os recursos que un director elixa deben estar ao servizo da narración, e este non é o caso. De feito, o que fai singular ao filme son precisamente os elementos que rematan lastrando ao seu conxunto.

O resultado é unha película errada e pesada por momentos. É de agradecer o esforzo creativo dos directores que tentan facer cousas distintar, pero debe ir en pos dun progreso na súa obra ou da mellora na forma de contar. O resto é pouco máis que egocentrismo. Maria Solinha tiñao todo para ser un gran filme e foi unha sorpresa, pero non o tipo de sorpresa que remata agradando.

Dirección: Ignacio Vilar
Guión: Esther F. Carrodeguas, Ermel Morales, Ignacio Vilar
Música: Abraham Cupeiro
Fotografía: Lucía C. Pan
Ano: 2020
País: Galicia
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.