‘Mattias e Maxime’: Dolan é a sombra da súa propia obra

Dolan volve cunha historia que supera aos seus últimos traballos pero non carbura.

Volve Xavier Dolan. O retorno do que no seu día fora un dos directores máis prometedores do cinema independente xa está aquí coa longametraxe Mattias e Maxime. É problemático e incluso bastante inxusto tratar a un director de soamente trinta e un anos como unha promesa incumprida, mais a frescura dos seus primeiros traballos, como o seu debut con Eu matei á miña nai no 2009 ou a súa consagración en 2014 coa imprescindible Mommy, quedaron xa moi atrás.

Ao longo deste tempo tanto público como crítica, aínda que esta última seguramente con máis saña, foron cuestionando todos e cada un dos pasos do canadense. Non sen motivos, a repetición duns recursos estilísticos cada vez menos frescos e unhas temáticas similares e abordadas do mesmo xeito (pero peor) levaron a filmes como Só no fin do mundo ou The Death & Life of John F. Donovan que, sendo suaves, hai que ter moita paciencia para aguantar.

ATOPAR OS PROPIOS SENTIMENTOS

Por sorte, Mattias e Maxime é mellor que os últimos antecedentes. Mostra a historia de como un grupo de millenials quedan na casa dun deles. Dous compoñente da cuadrilla -efectivamente, Mattias e Maxime- deben bicarse para axudar na gravación dunha curtametraxe. A partir de aí, a historia desemboca na tensión entre os dous homes e nunha loita contra o reloxo para solucionar os seus sentimentos xa que Max, interpretado por Dolan dun xeito bastante mellorable, vaise ir a Australia.

A partir de aquí, o filme expón unha sucesión de días onde se poden ver etapas de ira e negación de emocións. É interesante como mostra como estas cousas, en principio tan triviais, poden cambiar as dinámicas de parella, familiares e grupos de amigos. Este último ten unha moi boa construción, e a pesar de que vivan nunha eterna adolescencia e por momentos sexan moi irritantes, imita á perfección dinámicas existentes na realidade. Tamén se agradece porque serven de apoio cómico para un drama bastante deficiente.

MOITOS PROBLEMAS

Un dos maiores problemas do filme é guión. Non se constrúe en ningún momento unha relación entre ambos, non xuntan sentimentos, non hai desenvolvemento. Nin tan sequera existe un elemento de conflito en ningures, os personaxes actúan sen razón aparente, como se existise un trauma que non se mostra por ningún lado. Porque tampouco se mostra en ningún momento nin tan sequera un cuestionamento da sexualidade, senón unha asunción artificial dunha orientación sexual porque si.

Ademais, Dolan volve aos tropos que sempre lle acompañaron ao longo da súa obra. O protagonista vive nunha familia desestruturada. O seu irmán non da sinais de vida e a súa nai é drogodependente. Max busca un substituto nas figuras maternas dos seus amigos que son presentadas en todos os casos dun xeito caricaturesco, mulleres desnortadas sen conexión coa realidade. Non axuda tampouco que todas as súas interpretacións estean totalmente sobreactuadas.

Porén, Dolan demostra nesta ocasión que si que lle queda algo de talento entre a pólvora mollada. Algo de luz entre os seus trucos visuais que ás veces funcionan e ás veces non. Nunha das últimas secuencias deixa atrás os montaxes musicais con aura de videoclip pasado de moda e os primeiros planos que rematan sendo unha cáscara baleira. Por aparece o verdadeiro Dolan, ou o que polo menos os espectadores queremos ver. E iso é esperanza nun cineasta que aínda ten moitos anos para aprender. Se quere aprender algo aínda.

A pesar de que a trama avance dun xeito inverosímil, haxa elementos que non aportan nada e unha resolución final covarde, Dolan da mostras -aínda que sexan pequenas- de que segue aí. O filme deixa a sensación que o canadense que impactou ao mundo ao comezo da década pasada, pode volver. Mais iso soamente pasará o día que se libre da pantasma da súa propia obra.

Director: Xavier Dolan
Guión: Xavier Dolan
Fotografía: André Turpin
Música: Jean-Michel Blais
Ano: 2019
País: Canadá
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.