‘Memorias de Idhún’ deixa toda a maxia nos libros

Memorias de Idhún é un anime (así se anuncia nos seus títulos de crédito) baseado na triloxías de novelas do mesmo nome da escritora valenciana Laura Gallego. Naquelas obras, que gozaron dun éxito importante a mediados dos anos 2000, levábanos a cabalo entre o mundo que coñecemos e un mundo imaxinario chamado Idhún, onde co-habitarían dragóns, unicornios, sheks —serpes aladas—, magos e fadas, entre outros. Despois do libro chegarían cómics baseados neste mundo e, agora, a serie de Netflix.

Con todo, o primeiro contacto na serie deixa demasiado que desexar. Unha vez soen as primeiras voces dos seus protagonistas —destacando nestes roles o trío formado entre Victoria (Michelle Jenner), Jack (Itzan Escamilla) e Kirtash (Sergio Mur)— na súa versión orixinal en español, tocará pasar rapidamente ao dobraxe en inglés debido a que será en absoluto imposible conectar con calquera personaxe protagonista que fale na serie á excepción dunha Michelle Jenner que fará o imposible para tentar manter a serie a flote.

En Xapón, aos actores de dobraxe coñéceselles como seiyu. Se ben ás veces semella que este é un traballo que non destaca en demasía, no país no que se produce ao redor dun 60 por cento das series de animación (lugar prioritario de acción deste traballo), o posto ten unha lexitimidade que resulta ata imposible crer dende unha perspectiva occidental.

Dende 2007, existen os Seiyu Awards, onde se premia aos mellores da industria; e incluso existen varias series de anime nas que os actores de dobraxe son os protagonistas —Shirobako, Seiyu’s Life!, Rec— ou onde as experiencias destes teñen incluso máis peso que o propio produto, como podería ser o caso de Rinshi!! Ekoda-chan, na cal tras unha curtametraxe de 5 minutos se pode ver unha entrevista co director da curta e a encargada de dar voz á protagonista deste.

En Memorias de Idhún, as voces da versión orixinal en español, na contra do que se pode imaxinar un de algo que se chama a si mesmo anime, terán un traballo insulso, onde achar os desexos ou intencións das personaxes manterase un reto continuo e, nalgúns casos, incluso, resultará ata irrisorio debido á vergonza allea que estes poden transmitir. De feito, o noso primeiro contacto con Kirtash —antagonista principal nesta parte da saga— resultará tan lamentable debido á voz que lle presta Sergio Mur que un se preguntará se de verdade é esta persoa tan ameazante como nos intentan facer crer.

Ao igual que nunha película son necesarios os actores ou nun disco de rock as guitarras (ambas con excepciones, pero entenderase a xeralización), sería imposible entender un anime sen os seus seiyus. O seu traballo é esencial xa que, sen eles, os personaxes aos que dobran non existirían, e dos matices das súas voces dependerá a nosa credibilidade dos personaxes. E é aquí, xa nun punto de entrada tan importante, onde a serie de Memorias de Idhún perde enteiros na súa versión orixinal.

Unha vez cometamos o acto de salvación para a nosa saúde que supón cambiar as voces á súa versión inglesa, dun coidado moito máis profesional, a segunda decepción virá da man dun guión que en ningún momento será capaz de facer que o produto funcione, sendo incapaz de que a sucesión de imaxes que se nos presentan non resulte artificial. A montaxe estará encargada de ensinarnos en apenas 5 episodios de 25 minutos demasiados acontecementos nos que crear tensión como para que, nalgún momento, nos interese apenas un mínimo calquera das personaxes presentadas ou sexamos capaces de empatizar con algún destes.

Neste senso, ser lector das novelas xa non é simplemente unha vantaxe, senón un privilexio sobre aqueles que non coñecen a saga. A concatenación de escenas fai que calquera tipo de expresión de emocións se quede na obra orixinais, tendo que realizar ás veces un esforzo titánico para que, se este é o noso primeiro contacto co mundo de Idhún, nos decatemos sequera do que está a pasar.

A sorte fai que soamente haxa que esperar tres episodios para que se nos dea un pouco de contexto sobre o que é Idhún e o que pasou neste mundo. Con todo, onde os libros eran capaces de crear un misterio sobre quen era Kirtash e por que perseguiría a Jack e aos seus pais, ou sobre como Jack e Alsan adestrarían a diario e fortalecerían lazos, aquí teremos que dar por asumido que pasaron cousas malas e que de repente haberá conexións entre personaxes profundísimas porque cinco minutos antes se nos ensinou rapidamente unha escena onde se falaban cuestións moi importantes.

En todo momento existe máis unha necesidade de contar moito no canto de contalo ben. Téntase crear un ritmo de tensión continuo, afastándose isto de calquera intento de resultar frenético para rematar sendo confuso e absurdo, pedíndolle ao espectador un esforzo máis sobrehumano que calquera feitizo utilizado por un mago idhunita. A serie de Memorias de Idhún sitúase así máis preto de ser un resumo ilustrado e esquematizado da triloxía orixinal que de ser un produto orixinal e independente.

No apartado gráfico volven os desastres. Se ben as ilustracións de fondo que recrean os lugares que resultaron icónicos na saga —Destacando Limbhad— e os títulos de crédito son preciosos, pero ata aquí podemos ler: Por unha banda, a animación é aceptable como moito, perdendo enteiros cando calquera tipo de escena de acción é mostrada; e pola outra os deseños das personaxes non pasan de estándares, sendo todos e cada un deles —terrestres e idhunitas— tópicos e totalmente faltos de carisma.

Pero se pode poñer todo o peso dunha serie no traballo de Michelle Jenner e duns títulos de crédito. A serie de Memorias de Idhún é un absoluto desastre onde todo pasa porque a historia debe ser contada e onde pararse a pensar en como contala semella un luxo que Netflix non se podía permitir. O verdadeiramente máxico sería que alguén a quixera ver dúas veces.  

Memorias de Idhún
Dirección: Maite Ruiz de Austri
Guión: Laura Gallego, Andrés Carrión
Ano: 2020
País: España
1
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.