‘Novas do gran mundo’: Antiga pero moderna

Había preocupación por parte de certo público ante o anuncio dun western dirixido por Paul Greengass, máis cando este parecía dun corte bastante clásico coas súas pausas e o seu tempo tan concreto. O director é coñecido polos seus filmes onde a violencia e unha montaxe áxil son os vehículos narrativos. E con Novas do gran mundo, o británico pasou a proba. Polo menos neste punto.

A trama comeza cando un veterano da Guerra de Secesión Norteamericana atopa a unha nena secuestrada por uns indios, habitual detonante de western. Este, interpretado por Tom Hanks, debe devolvela ao seu fogar. Ou polo menos atopar a alguén que se faga cargo dunha nena que non fala o seu idioma nin segue os costumes da xente considerada civilizada.

E aquí emprenden o camiño. A estrutura é moi clásica e vehicúlase nunha mestura entre un ton profundamente humanista de autodescubrimento co de unha película de aventuras á antiga usanza, onde os protagonistas da historia deberán socavar todos os perigos. Tanto humanos como do propio entorno.

O filme tómase o seu tempo para situarse e vai collendo ritmo segundo avanza a metraxe. Non busca innovar en ningún punto, pero respecta ao espectador o suficiente como para sentarse ao seu lado e permitirse sen contemplativo por momentos. A destacar a impresionante interpretación de Tom Hanks, que é onde se atopa a verdadeira alma da obra. Na súa presencia en pantalla, no seu saber estar. Realmente con outro actor, probablemente a película valería bastante menos.

Forma unha dupla con Helena Zenger, que aos seus 12 anos tamén fai un papel moi destacado. Vaise creando unha relación paterno-filial realmente moi bonita e digna de ser desfrutada. Por outro lado, tamén unha que xa vimos demasiadas veces. A historia é clásica, como clásico é o seu desenlace. E sostense, pero tampouco é ambiciosa.

As secuencias que máis destacan son onde Greegass pon claramente o seu selo autoral, pero sen ser excesivo. Onde a acción ábrese paso ante o demais e aí si que aparece a montaxe característica do director. Sen ser en ningún momento unha película atravesada pola violencia explícita, si que ten secuencias rodadas dun xeito intelixente e formas moito máis contemporáneas que a súa historia.

E repito, non é malo querer narrar dun xeito clásico. Necesitamos historias clásicas. É mil veces mellor facer unha historia sen innovacións que intentar abarcar demasiado e facer un produto mediocre. E neses casos, a meirande parte das veces tamén profundamente egocéntrico.

Pero por suposto, isto tamén ten a súa parte mala. A trama é previsible, os xiros extremadamente obvios e a resolución tópica. O filme é desfrutable, pero en xeral deixa bastante indiferente no seu conxunto. A película é por momentos é ese alumno que sabe todo de memoria pero non o sabe dicir coas súas propias palabras. Peca de ser quizais demasiado respectuoso coas súas referencias.

Outro punto negativo é a forma na que presenta o seu subtexto. Quere establecer un paralelismo entre os Estados Unidos divididos da época, coa escravitude a debate e onde as partes parecían irreconciliables co contexto político e racial actual. E non é malo que o queira facer, pero é tan pouco sutil, tan reiterativo e o dá tan mastigado que resulta por momentos exasperante, con independencia de que a mensaxe no persoal si me pareza acertada.

Novas do gran mundo é un filme correcto. Déixase ver, ten elementos de interese e Tom Hanks está espectacular, pero tamén contén elementos negativos. Non ambiciona crear algo novo, aínda que por ese mesmo motivo tampouco se estampa. Feita para gustar, pero é complicado que sexa o teu filme favorito. Típica película, iso si, que lle encanta á Academia. Cada un verá se iso lle parece ben ou mal.

Director: Paul Greegass
Guión: Paul Greengrass, Luke Davies
Música: James Newton Howard
Fotografía: Dariusz Wolski
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.