O audiovisual galego no 2020: Letárxico, pandémico e desigual

2020 rematou. Menos mal para todos. Este é un contido que adoito escribir todos os decembros por mor do final do ano, pero por diversas razóns quedou aparcado a este comezo de 2021. Son transparente, isto o estou a escribir mentres vexo xente con problemas pola neve na televisión. Igual é que en 2020 non se daba para escribir. É máis cómodo miralo nun pasado próximo que como un presente que remata. Ou debería traballar máis, hai un pouco de todo.

Pero imos ao tema. O audiovisual galego no 2020. O resumo podería ser mal, como o audiovisual de fóra. Non xa polas rodaxes paradas e as estreas planeadas que non se puideron facer, un dos maiores problemas son as salas. Se xa o circuíto habitual en Galicia é limitado, o coronavirus e a súas incidencias económicas foron quen de desfornecelo aínda máis. Por exemplo, aínda agora mesmo os Multicines Norte e Compostela seguen sen estar abertos. E a falta de novas parecen suxerir un posible peche, o cal sería profundamente triste.

Hai outro aspecto importante do cal cómpre non esquecerse: do audiovisual vive xente. Se xa é complicado en Galicia ter beneficios dun filme, con limitacións de aforo, problemas de promoción e festivais en edicións reducidas ninguén gaña cartos. Nin exhibidores, nin directores, nin produtores, nin festivais. E se a industria audiovisual non dá cartos (aínda que sexan o mínimo para que siga adiante) pouco audiovisual poderá facerse á longa por moitas subvencións e persoas que se preocupen por el.

Tras estes disclaimers xa é momento de facer o repaso de todos os anos. Malia ter un ano estraño, houbo 5 longametraxes estreadas en salas ou plataformas, o cal dadas a poboación e capacidade económica do noso país é un bo dato. Máis eran os anunciados, pero as cousas foron como foron, todos o sabemos. Dende logo, agardemos que se nos de por tanto un 2021 de audiovisual galego aínda máis rico.

Dúas das estreas destacadas foron thrillers ambientados en illas. Por unha banda A illa das mentiras de Paula Cons e Ons de Alfonso Zarauza. Parecen dúas caras da mesma moeda. A primeira, unha película de época ambientada en Sálvora cunha fotografía que bebe do western crepuscular. A segunda, un filme contemporáneo onde a néboa é unha personaxe máis. En ambos filmes exprésase dun xeito diferente o sentimento de estar pechado nunha illa, pero é curioso que coincidan en ano de estrea. En todo caso, películas con interese as dúas.

E unha das culpables de que Ons tivera tanta néboa probablemente sexa Jaione Camborda, coguionista do filme. A principios de ano púidose ver nos cines Arima, nesta película preséntase un Mondoñedo con aínda menos luz que de costume e con clara influencia lynchiana. Un filme con boas ideas e unha sentimental cámara en man, pero que se queda niso, nunha boa idea cunha grande ambientación lastrada por un guión que non vai a ningures en moitos momentos.

Camborda tamén formou parte do equipo da mellor película galega estreada en cines no 2020: Lúa Vermella. Neste caso como directora de arte. Este filme de Lois Patiño, aínda que conta cunha clara visión foránea na representación do imaxinario galego da morte, resulta espectacular. Patiño demostra ser un dos directores que mellor encadra de toda a escena europea con elementos próximos ao cine abstracto rotundamente conmovedores.

Todos os anos hai grandes obras, pero tamén as ten que haber peores. É o lóxico e normal. Falo neste caso do documental Reboiras. Acción e corazón, de Alberte Mera. Unha oportunidade perdida de facer cinema social de calidade respecto a unha figura aglutinadora no político en Galicia. Non houbo ambición e a película é moi esquecible.

Quen demostrou todo o contrario foi Margarita Ledo en Nación. É un pouco trampa porque aínda non se puido ver en salas, pero este filme merece unha mención. Unha película das importantes, onde se foxe das formas que priman no cinema galego nos últimos anos para facer algo novo. Ledo conta unha historia ao redor de seis mulleres que foron traballadoras de Pontesa mesturando a ficción e a realidade en pos de contar unha historia realmente transcendente. Todo amosando que se pode facer cine comprometido politicamente sen renunciar á forma cinematográfica. É máis, usándoa ao seu favor.

E o que non puido estrearse en salas por mor da pandemia foi Maria Solinha, de Ignacio Vilar. Fixo proxeccións ao aire libre para logo ser distribuída por Filmin. Sendo totalmente honesto, o filme non aporta demasiado. Está mal realizado, a forma de contar a historia é demasiado presuntuosa e o resultado é unha película para nada recomendable. Pero tamén hai que deixar claro que non todas as películas galegas teñen que ser magníficas, que ás veces se esquece un diso entre tanto éxito.

Seguindo con obras pouco recomendables e estreadas en plataformas de streaming, está a serie Auga seca. Publicada orixinalmente na TVG, quería seguir o camiño aberto por O sabor das margaridas, pero sendo francos non pasou da primeira curva. Pouco ambicioso no narrativo, abuso dos planos fixos, historia moi manida… en definitiva, o camiño que non deben seguir as series en galego que necesitan unha renovación alarmante polo xeral.

Outro elemento a lembrar é que en Galicia non só se produce en galego, todos os anos Vaca Filmes déixanos obras das que falar. Neste caso publicáronse dúas series en dúas plataformas de streaming diferentes. A unidade en Movistar e A desorde que deixas en Netflix. A primeira é notable. Unha evolución cara a algo con máis orzamento dos thrillers policiais españois. A segunda, ademais de ter un resultado bastante malo, deixa aberto o debate de por que non se fan máis obras en galego cando o seu contexto é propicio para facelo.

Para A desorde que deixas, actores de fóra estiveron traballando no seu acento galego para facer máis verosímiles o seu traballo. Dende logo, agradécese o esforzo, pero non sería máis sinxelo apostar por actores principais galegos nunha serie ambientada en Galicia? E por que non en galego? O debate da versión orixinal está máis que superado a nivel contextual e vese con total normalidade que unha serie estea gravada na lingua do seu país de orixe. Igual o problema aquí é o estatus de Galicia e do galego. Moito máis polo que loitar. Agardemos que o 2021 teña mellores novas que o 2020.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.